Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra

Antón Masa: "ENCE buscará que os terreos pasen a ser do Porto de Marín para consolidarse en Lourizán"

03.06.2011  Co reto de que a pasteira cese a súa actividade antes de 2018, chama a cidadanía para participar na "Marcha contra as Celulosas" o día 11 e a Xunta para non renovarlle a Autorización Ambiental. Avisa os políticos: "O noso problema non é buscarlle emprazamento, senón a ría. E a ría non pode trasladarse"

5.0/5 [5 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO

Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra FOTO: ANA
Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra
FOTO: ANA

O vindeiro sábado 11 de xuño, centos de persoas partirán das alamedas de Marín e Pontevedra cara a Lourizán na xa clásica Marcha contra as Celulosas convocada onte pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APdR) para esixir o cesamento da actividade das pasteiras de ENCE e Elnosa no seu actual emprazamento. Coas fimas enrocadas na súa decisión de non saír de Pontevedra e co horizonte de 2018 -ano no que vence a concesión- cada vez máis preto, o presidente da APdR, Antón Masa, confía máis que nunca en que a mobilización cidadá posibilite a tan necesaria recuperación da ría.

O conselleiro delegado de ENCE acaba de realizar unhas declaracións polémicas ó asegurar que a pasteira "está ben onde está". ¿Veo como unha declaración de intencións?

ENCE leva toda a vida dicindo que está ben onde está, por iso non nos sorprenden estas declaracións. É certo que dende o punto de vista empresarial non ten mellor sitio porque ten todo gratis: agora non está pagando nada de auga e case ningún imposto e aforraríase ter que solicitar unha nova concesión noutros terreos. Dende o punto de vista empresarial está ben e temos claro que a ENCE non lle preocupa nin a desaparición dos recursos naturais da ría, nin da calidade de vida dos cidadáns, nin que estea a impedir un modelo de desenvolvemento racional da zona.

¿E como ve a actitude da Administración neste respecto a este conflito?

A Xunta de Galicia tiña que ser moito máis drástica na resposta, a pesar de que entendemos que non foi de todo mala. Pero esquécese dunha cousa: empresas como ENCE e Elnosa, que son ilegais porque están incumprindo a lexislación, non deberían poder rematar o período de concesión. A Xunta ten que ter maneiras para presionar as empresas e deixarlles ben claro que ou marchan agora ou non teñen ningunha posibilidade de futuro. Neste ano toca renovarlles as Autorizacións Ambientais Integradas (AAI). Como as autorizacións concedidas ata o de agora son ilegais porque permiten contaminar por riba do que marca a lexislación en moitos parámetros, non se poden renovar. E esa é a maneira que ten a Xunta para dicirlle que se ten que marchar xa e, en todo caso, falamos cando vostedes propoñan unha fábrica alternativa.

¿Pero non a ve moi polo labor?

O problema é que os partidos políticos están intentándolle solucionar un problema a ENCE: o de que a partir do 2018 non poden quedar no emprezamento que teñen. Nós o que dicimos é que non hai que solucionarlle ningún problema a ENCE. A empresa tivo 50 anos para buscar unha solución ó seu problema, recordemos que é unha empresa condenada por delito ecolóxico, e o que hai que solucionar é o problema da ría. ENCE ten que saír da ría xa, e non é noso problema onde se pode instalar e se se pode instalar ou non. Non falamos de traslados porque non está en cuestión, o que está en cuestión é a riqueza da ría e o problema que supón a presenza do complexo ENCE-Elnosa, que impide desenvolver a riqueza da que goza.

Durante a campaña electoral tamén houbo moi presión por parte do comité de empresa para evitar o traslado.

O comité de empresa e os sindicatos levan toda a vida defendendo a empresa, non ós traballadores. Nin sequera se preocuparon de ver cal é o estado sanitario dos operarios, en concreto dos de Elnosa, que non é moi boa. Os sindicatos defenden os intereses empresariais e seguen a dicir que ENCE non incumpre a lexislación, senón que non contamina. Iso é unha falacia. Está claro que contamina e o fai por riba do que está permitido na lexislación porque aínda cumprindo nalgúns casos a AAI, eses valores que lle permiten está moi por riba do recollido na lexislación, en concreto en dúas leis: a Lei de Augas de Galicia, que é de obrigado cumprimento para calquera empresa que verta nas rías galegas, e a Lei de Augas Residuais Urbanas, tamén de obrigado cumprimento, porque os seus vertidos saen ó exterior misturadas con augas residuais. Calquera lei está por riba de calquera AAI, que é algo administrativo, non lexislativo.

¿Confía en que non lle renoven a Autorización Ambiental?

Véxoo bastante improbable. Pero nós imos seguir loitando. Igual que presentamos alegacións cando se lle concederon, agora iniciamos unha recollida de sinaturas e estamos redactando novas alegacións para impedir que se renoven. En todo caso, se se lle renovan, entendemos que segue existindo unha total connivencia entre Xunta e empresa.

¿Contemplan un escenario no que ENCE se manteña na ría máis alá de 2018?

Tendo en conta que as Administracións dobléganse ós intereses da empresa non sería algo impensable. Nós imos loitar para que iso non sexa así, para que marche da ría antes do 2018 e cremos que só coa mobilización cidadá se pode conseguir este obxectivo. Precisamente por iso entendemos que a marcha contra celulosa deste ano é moi importante para logralo.

A Marcha contra as Celulosas é case como un ritual

A realidade é que o problema segue aí. A lectura que habería que facer é que, despois de tantos anos de loita, segue a manterse unha mobilización tan importante. Porque hai que ver noutros campos da vida que mobilizacións se producen. Iso é fundamental: ver como, ano tras ano, e aínda que a situación varía ben pouco e incluso ás veces a peor, segue habendo unha mobilización cidadá importante que será quen de sacar o complexo da ría.

Unha vez que a pasteira saia de Lourizán ¿cales serían as primeiras medidas a realizar?

Se ENCE sae da ría antes de 2018, ten a obriga de cumprir co que marca a concesión: recuperar a zona e deixala como estaba cando chegou. Eu creo que se non marchan antes do 2018, a Xunta debe obrigarlle a cumprilo tamén. Ese sería o primeiro paso. Despois, eliminar a contaminación por materiais pesados, en concreto por mercurio, e eliminar toda a orgánica. Iso levaría á recuperación dos bancos marisqueiros, para o que habería que facer un tratamento racional de semente e de novas plantacións, así como unha explotación racional que permitira aumentar o número de postos de traballo. Nós entendemos que a explotación racional dos recursos naturais, forestais e turísticos darían moitisimos máis postos do que poden estar dando ENCE e Elnosa entre directos, indirectos e inducidos. Que, ademais, en todo caso, é factible que estea noutra zona onde non entre en contradición cun modelo de explotación máis racional e sostible de desenvolvemento, mentres que a ría non se pode trasladar. Deste xeito, a ría vería recuperada a súa riqueza e os postos de traballo derivados da explotación racional desa riqueza.

O intento de abrir unha central de biomasa foi considerado unha estratexia da firma para consolidarse na ría. ¿Prevén máis movementos?

Unha que van tentar con seguridade é que a Xunta ou o Estado considere que os terreos que hoxe ocupa pertenzan ó Porto de Marín. Se o conseguiran, o que poden é evitar a aplicación da Lei de Costas, que marca o fin da concesión para ENCE e Elnosa. Se logran que os terreos os califiquen como parte do Porto de Marín, a lei non sería de aplicación e non terían porque marchar en 2018.

¿Que espera da XVI Marcha contra as Celulosas?

Que, unha vez máis, haxa unha resposta importante da cidadanía e que a Administración sexa entender a mensaxe que supón que ano tras ano a cidadanía siga solicitando que ENCE e Elnosa cesen a actividade industrial no seu actual emprazamento.

Antón Masa (Santiago de Compostela, 1950) é a cabeza visible da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APdR) e quen dá credibilidade científica á loita histórica polo fin da actividade das celulosas na cidade do Lérez. Licenciando en Ciencias Biolóxicas, centrou a súa dilatada carreira de investigador na Misión Biolóxica de Galicia -pertencente ó Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)- á uva e a de activista na denuncia dos "perigos" das celulosas á fronte da APdR que, ó longo dos seus 24 anos de vida, diversificou as súas frontes como as repoboacións forestais ou as antenas de telefonía móbil.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS