Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 18.05.2013
| Actualizado 11.27
Quizais é que algúns temían medidas apocalípticas e outros esperaban milagres inmediatos. Pode que, por iso, entre o alivio desesperanzado dos primeiros e o desconcerto condescendente dos segundos, a media resultante, segundo mostran as enquisas, é que o actual Goberno, no medio dos agobios de reaxustes, débedas públicas e primas de risco, goza dunha marxe de comprensión maioritaria que ninguén lle concedeu ao Goberno anterior, nin cando tratou de manter o ton socialdemócrata nin cando, vencido e desarmado polo neoliberalismo hexemónico, optou polo suicidio político en aras dunha suposta responsabilidade patriótica.
Non é cuestión de botar de menos os niveis de crispación nos que se moveu o tempo de crise económica en España ata que tomou posesión Mariano Rajoy. Pero tampouco deben esquecerse determinados comportamentos case sabotadores que se mantiveron nese tempo, e que contribuíron a agravar a imaxe de solvencia do Estado máis alá das aleatorias agresións especulativas contra o euro.
Desa sabotaxe interior estase a librar o goberno actual, grazas, en primeiro lugar, á súa maioría absoluta en escanos (que non en votos, pero ista é outra historia que tampouco debe esquecerse), e grazas tamén á debilidade representativa do principal partido da oposición (o 20-N, máis que gañar os populares, perderon estrepitosamente os socialistas). En todo caso, hai que esperar aos resultados do congreso federal do PSOE para ver se manteñen o talante de oposición construtiva practicado no seu día por Rodríguez Zapatero ou se prefiren recuperar votantes a base de crispación, acoso e derruba, é dicir, as armas utilizadas nos últimos sete anos pola dereita na oposición menos construtiva que se recorda no actual periodo de democracia.
Arrincando en plenas festas navideñas (que tamén iso inflúe na marxe de comprensión: son datas tradicionais de tregua), cunha oposición debilitada á espera de recompoñer a figura tras o seu maior fracaso electoral (por non falar dos minoritarios sometidos á asfixia nun Grupo Mixto imposíbel) e coa compañía dos converxentes cataláns, dispostos a ser máis neoliberais que ninguén, non é estraño que Mariano Rajoy prolongue o seu silencio maiestático, coa única excepción dunha fugaz e insubstancial aparición controlada a través da axencia pública de prensa.
Sen crispación política e sen crispación mediática (de pronto, xa case non hai crise nos medios da caverna), cunha cidadanía esgotada e resignada (ata os sindicatos mostran máis flexibilidade que nunca: son os empresarios os que confían na dureza do Goberno), o executivo dispón dun periodo indefinido de graza que lle vai permitir dosificar os paus e as cenorias ata as eleccións andaluzas. Para cando faga falta intensificar os paus, xa non quedarán nin apocalípticos nin milagreiros. Empezarémonos a acostumar ao deterioro progresivo e á precariedade permanente, quizais con certo sentimento de culpa engadido por ter vivido por enriba das nosas posibilidades (como nos repiten os que seguen a vivir moi por enriba das posibilidades de calquera cidadán medio).
E para cando a esquerda seque as súas últimas bágoas de impotencia, quizais haxa que recuperar os vellos manifestos decimonónicos sobre alienacións, plusvalías e condicións xustas de traballo, aínda que sexa como exercicio de recuperación da memoria histórica.
