Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| A eurodeputada do BNG Ana Miranda |
O BNG, a través da eurodepuada Ana Mirana, expresou o seu apoio “a causa do pobo saharaui” incluíndo o seu dereito a autodeterminación, como recollen as propias resolucións do Consello de Seguridade da ONU, durante a súa intervención na 37ª Conferencia Europea de Coordinación (EUCOCO) que se está a celebrar esta fin de semana en Sevilla, á que asisten, entre numerosos eurodeputados e colectivos políticos, sociais e culturais de apoio ao pobo saharaui. Un apoio que a eurodeputada nacionalista fixo chegar tanto en nome do BNG como do Grupo Verdes/ALE do que forma parte no Parlamento Europeo.
Miranda, que mantivo un breve encontro co presidente da República Democrática Árabe Saharaui, Mohamed Adbelazid, adiantou que pedirá aos deputados da Eurocámara “que voten en contra do acordo agrario UE-Marrocos”, de igual xeito que fixo o Parlamento Europeo recentemente ao non prorrogar o acordo pesqueiro con ese país nos termos actuais. A deputada nacionalista foi clara ao recordar que o actual acordo “inclúe territorio do Sáhara Occidental que non pertence a Marrocos e, polo tanto, sería ilegal”.
Ademais, o actual acordo só beneficiaría “ás grandes empresas e ao monarca halauita”, que se ten adxudicado grandes extensións no Sáhara ocupado. Neste sentido, cabe lembrar que en apenas unhas semanas o Plenario do Parlamento Europeo vai decidir se prorroga ou non ese acordo.
A eurodeputada nacionalista denunciou que o Sahara Occidental leva 30 anos de ocupación e que “é o momento de tomar decisións políticas”, tendo en conta que a Unión Europea mantén un “acordo de asociación” co reino de Marrocos que o converte de facto nun socio privilexiado da UE. Miranda tamén adiantou que vai solicitar, como membro do Grupo Verdes/ALE, unha reunión coa Alta Representante Comunitaria para Asuntos Exteriores, Catherine Ashton, para abordar a cuestión da autodeterminación e ol respecto aos dereitos humanos.
“Un estado del Sáhara Occidental non só sería xusto para o pobo saharaui, senón que tamén interesa aos países comunitarios como garante da seguridade e estabilidade na zona, e difundiría un modelo democrático e de respecto aos dereitos humanos”, concluíu.
