Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Aportarán algunha novidade as eleccións do 10-N?

MANUEL MERA  | 24.09.2019 
A- A+

Segundo Pedro Sánchez unha coaligazón co Podemos non lle deixaría durmir polas noites a el e a millóns de españois, incluíndo non poucos do partido de Pablo Iglesias. Ou sexa, que a oferta que fixo antes da moción de censura foi pura escenificación, para aparecer diante da opinión pública como o dialogante, cando en realidade estaba construíndo un muro dun proxecto que quería levantar co apoio gratuíto de UP e os partidos soberanistas. Daquela que gabe a actitude de Errejon, segundo el, porque ofrecía seu voto gratis ao PSOE máis Ciudadanos para gobernar Madrid.

Non tan descalificativo mais igual de duro estivo Pedro Sánchez co soberanismo catalán, cando no último pleno de Congreso afirmou que non lle ia tremer a man se despois da sentenza contra os presos políticos cataláns as protestas saíanse da canle do razoábel para o Estado español. Ou sexa, dialogo cero con Cataluña, coa esquerda, e palabras bonitas para aos sectores que beben no centralismo. Coa finalidade de gañar parte deste espazo electoral? Buscando a medio prazo un acordo con Ciudadanos? Porén sabe que estas palabras non son ben recibidas nas nacionalidades historias, nas persoas de esquerda, e que lle terán custes electorais, aínda que coide serán compensados folgadamente por este xiro á dereita.

En calquera caso, para alén da leria, da que hai moita nesta teatralizacion da política, o certo é que este goberno en funcións non deu un só paso para eliminar a reforma laboral, a Lei mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal, garantir o aumento do IPC nas pensións, ou facer unha proposta que permita avanzar nun pacto territorial. Deixou pasar o tempo, para deste modo xustificar a necesidade dunha novas eleccións, coa expectativa de obter uns mellores resultados, e evitar confrontar coa patronal, que botaba lume temendo medidas laborais, sociais e impositivas que puxeran o acento na xustiza social.

Agora, en pleno proceso electoral Sánchez promete aumentos do salario mínimo para que teña un valor semellante ao 60% do salario medio, e acrecentar anualmente as pensións en función do medre do IPC. Cumprirá ou todo isto será matizado ou esquecido polo previsíbel estancamento da economía? Se temos en consideración as promesas imcumpridas pola súa parte, estas novas-vellas propostas carecen de valor, lembremos que as que se puxeron en práctica foran consensuadas coa súa esquerda e aprobadas antes das eleccións xerais do 28-abril.

O tempo transcorrido dende as últimas eleccións xerais, aínda que breve, deixaron ao descuberto máis unha vez que o PSOE ante todo é un partido sistémico, ao servizo dos grandes poderes económicos europeos e españois. Dado súa orixe e sectores que o apoian ten unha maior sensibilidade social que os partidos da dereita, porén está igual de limitado polas regras da globalización neoliberal. Daquela que poda pactar a nivel de concellos, deputacións e autonomías, con forzas á súa esquerda, xa que as competencias impiden que se se traten as cuestións sistémicas, e sexa totalmente refractario a compartir goberno no ámbito do Estado e da Unión Europea. Todo indica que estas limitacións na política de alianzas non se salvaran cos resultados das vindeiras eleccións, xa que non serán moi distintos dos actuais, tanto entre bloques, como dentro de cada un deles (como teñen dito unha morea de analistas). A única saída para o PSOE, remando en contra da opinión dunha gran parte da súa base, é buscar a toda costa un acordo cun debilitado Ciudadanos, ou mesmo cun PP que todo indica saíra fortalecido da convocatoria, porén sen opción de Goberno.

Para a esquerda, especialmente a soberanista, pon en primeiro plano a necesidade de dispor dunha maior presión na rúa e no ámbito da construción da conciencia colectiva (medios de comunicación, relato), ademais de ser unha forza con poder institucional (como acontece en Cataluña e Euskadi). Respecto da nación galega, ausente do debate parlamentar en Madrid, a diferencia non só de Cataluña e Euskadi, senón mesmo de Valencia, Canarias e Cantabria, sería importante que o BNG acadase representación nestas eleccións. Non só para defender nosa identidade nacional no cultural, lingüístico e histórico, senón tamén respecto dos intereses económicos específicos (agro, madeira, pesca, enerxía, conserva, téxtil, naval, automóbil, granito, etc), así como daqueles temas comúns nos que as repercusións mesmo poden ser máis graves, como a negociación colectiva, as leis represivas co a “mordaza” e o artigo 315.3 do Código Penal, os salarios e condicións laborais, as pensións e a dependencia, a igualdade e violencia de xénero, etc. Que Galiza recupere a voz no Parlamento como nación, só é posíbel por medio de partidos que teñan como centro de decisión o país, sería un salto cualitativo, e posibelmente a única novidade positiva destas eleccións.

Manuel Mera

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS