Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Aprendendo a reformar a Constitución

XOSÉ A. GACIÑO  | 24.11.2017 
A- A+

Coa nosa “precaria cultura de reforma constitucional”, como din os dez catedráticos de Dereito Constitucional e Administrativo que veñen de presentar o documento Ideas para una reforma de la Constitución, é lóxico que a posibilidade de introducir cambios nas normas fundamentais da nosa convivencia só teña eco cando as circunstancias obrigan. Pero, ao mesmo tempo, as circunstancias -sobre todo cando se refiren á reivindicación independentista en Cataluña- levantan receos ante a posibilidade de afrontar reformas baixo presión. A proba é que, finalmente, esa presión ven de provocar o aprazamento das sesións da comisión promovida polos socialistas no Congreso para revisar o modelo territorial.

O PSOE vendera que o seu apoio á aplicación do artigo 155 da Constitución para intervir o goberno autonómico catalán tiña como contrapartida o compromiso do PP de para participar no debate dunha posíbel reforma da Constitución. O primeiro paso era a posta en marcha da comisión parlamentaria para revisar o modelo territorial, que, apenas constituída, apraza as súas sesións ate xaneiro, despois das eleccións catalás. Á marxe deste aprazamento circunstancial, que non deixa de ter a súa lóxica, non se aprecian moitos entusiasmos por parte dos diferentes grupos parlamentarios -coa excepción dos seus promotores, claro- ante os traballos desta comisión, concibida como primeiro paso para afrontar unha reforma do título octavo da Constitución.

Precisamente a organización territorial do Estado -contemplada nese título octavo- é a cuestión que os expertos constitucionalistas antes mencionados consideran máis importante nunha hipotética reforma, inclinándose por aproveitar fórmulas de estados federais europeos (como Alemaña ou Austria), sobre todo na que consideran imprescindíbel reforma do Senado, aínda que se mantivese a denominación do Estado das Autonomías. Pero hai outros aspectos necesitados de reforma na Constitución, entre eles os que xa propuxera no seu día o presidente socialista Rodríguez Zapatero, co respaldo do Consello de Estado, unha proposta que se frustrou pola oposición dos populares.

No documento de ideas para reformar a Constitución, e a partir da falta de práctica nesa tarefa, os expertos aconsellan establecer un listado de reformas prioritarias e -algo moi importante- valorar as posibilidades de acadar acordos, apostando por fases de reformas sucesivas. Como para ir aprendendo e asumindo a cultura do reformismo constitucional, tanto por parte dos que se resisten a modificar nada como dos partidarios de procesos constituíntes para os que evidentemente non hai consenso.

Na crise aberta polo desafío independentista en Cataluña, algúns viron a oportunidade de pór fin ao que cualifican como réxime do 78, entendido como a hexemonía de partidos corruptos ao servizo das oligarquías. E pode que, efectivamente, esta crise provoque cambios na correlación de forzas e mesmo na estrutura institucional ou constitucional. Pero está por ver en que dirección. Facer reformas na Constitución esixe maiorías parlamentarias de tres quintos ou dous terzos, segundo os casos, e para acadar esas maiorías cualificadas, os 181 deputados de esquerda e nacionalistas periféricos necesitarían os 32 de Cidadáns para os tres quintos, e, por suposto, o PP é absolutamente necesario para chegar aos dous terzos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS