Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
Aprobada por unanimidade do Congreso a comisión de investigación de NCG
SANTIAGO. EP | 02.08.2012
Os tres grupos que integran o Parlamento de Galicia --PPdeG, PSdeG e BNG-- aprobaron por unanimidade a creación dunha comisión de investigación sobre as antigas caixas de aforro e Novagalicia Banco. A oposición recordou que os populares pasaron "nove meses negándose" a dar este paso e esixiron que traballe "de inmediato", mentres que o voceiro do PPdeG na Cámara, Pedro Puy Fraga, evitou concretar prazos, para engadir que se seguirá o procedemento regulamentario e asegurar que "haberá transparencia".
"Hai que convocar a Xunta de Portavoces e a Mesa do Parlamento. A ver se van dicir que é unha comisión totalitaria", apuntou Puy Fraga, en alusión ás críticas que os populares recibiron por parte de socialistas e nacionalistas en relación aos plenos celebrados este xoves a petición do Grupo Parlamentario do PPdeG e da Xunta. Pola súa banda, tanto o voceiro do BNG no debate, Carlos Aymerich, como a parlamentaria socialista María José Caride, defenderon que este órgano debe traballar xa en agosto.
Ademais, Caride advertiu de que "o primeiro" que van pedir os socialistas é a auditoría que avalou a fusión e que "só coñece", advertiu, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o seu Executivo. "Se queren demostrar que isto non é un paripé, debería traela esta tarde o señor Feijóo debaixo do brazo", esgrimiu, para engadir que os socialistas demandarán que compareza el e "tódolos da foto" na que o mandatario sae celebrando a fusión con José Luis Méndez, Julio Fernández Gayoso e outros exdirectivos das antigas caixas.
Na mesma liña, fronte ao modelo norteamericano de investigación ao que aludiu Puy na súa intervención, Aymerich avisou de que o BNG prefire o de Islandia, que derivou en "cambios no sistema financeiro, político e social". Deste modo, insistiu en que o órgano debe ser "útil" e favorecer "cambios" e reivindicou que hai "alternativa" á situación actual, apostando pola "banca pública galega".
© 2013 www.galiciahoxe.com
Todos os dereitos reservados. Prohibida a
reprodución total ou parcial do contido sen a
expresa autorización do propietario.