Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.06.2019 Actualizado 20:57
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

por unanimidade

Aprobado o informe sobre a ILP que promove o fomento dos vínculos co portugués

Os grupos de oposición reclaman máis concreción en actuacións, desenvolvemento da lei e dotación económica

SANTIAGO. EP  | 19.02.2014 
A- A+

Os catro grupos parlamentarios da Comisión de Cultura e Educación aprobaron este mércores por unanimidade o informe do relatorio sobre a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) Valentín Paz Andrade, que propón o fomento dos vínculos co portugués para reforzar os lazos entre Galicia e os países da lusofonía.

Así, aínda que os grupos da oposición reclamaron máis diálogo en torno a esta iniciativa e unha maior concreción en aspectos económicos e de actuación, os catro grupos votaron finalmente aceptando o informe do relatorio da ILP.

A lei, que chegou ao Parlamento apoiada con 17.000 sinaturas, ten como obxectivo incorporar, progresivamente, a aprendizaxe de lingua portuguesa en todos os niveis de ensino regulado. Ademais, propón recoñecer oficialmente o dominio desta lingua como mérito en diversos ámbitos.

En particular, e ademais do punto de vista cultural, a ILP fai especial referencia á vertente económica, apostando por aproveitar os lazos do galego coa lusofonía para mellorar as relacións económicas entre as dúas realidades.

INCIDENCIA NA EDUCACIÓN

A deputada do BNG Ana Pontón fixo especial referencia na súa intervención ao aspecto "estratéxico" da aprendizaxe do portugués dentro do ensino regulado en Galicia. Nesta liña, reclamou que se especifique unha "dotación de fondos" que faga posible este extremo, que levará consigo unha "oportunidade" futura para "o tecido empresarial e cultural" galego.

Ao mesmo tempo, lamentou que o informe non inclúa a toma en consideración do dominio do portugués no acceso para a función pública, algo para o que, garantiu, non habería un problema normativo como alegan os populares.

O deputado de AGE Xabier Ron, pola súa banda, apostou por mellorar as relacións entre Galicia e a lusofonía e traballar para a "eliminación de prexuízos que aínda existen", dado que "a lusofonía é enriquecedora para Galicia, pero tamén Galicia é enriquecedora para a lusofonía".

Nesta liña, viu esencial que se promova o "intercambio" entre Galicia e Portugal en materia cultural, favorecido pola actuación das administracións, e a presenza da lusofonía nos medios galegos e de Galicia nos medios de comunicación dos países lusófonos.

Pola súa banda, Francisco Caamaño (PSdeG) referiuse na súa intervención á necesidade de mellorar a "seguridade xurídica" da iniciativa, que eloxiou aínda que á súa chegada ao Parlamento era "unha declaración de boa vontade".

Nesta liña, destacou a necesidade de que a normativa conte cun "desenvolvemento regulamentario" a través dun decreto de forma "inmediata" e de que a Xunta remita ao Parlamento de forma anual un informe sobre o desenvolvemento da lei. Así, aínda que o texto que se sometía este mércores a votación incluía a esixencia á Xunta de informar "periodicamente" da evolución da norma, un acordo entre todos os grupos permitiu modificar este termo por un período "anual".

O deputado popular Agustín Baamonde garantiu o "compromiso absolutamente claro" do PPdeG coa lei e considerou o texto alcanzado un documento "de consenso", aínda que destacou que debe ser "realista" e "adaptado ás circunstancias actuais".

Por iso, explicou que o prazo de incorporación de aprendizaxe do portugués en catro anos, que incluía a iniciativa orixinalmente, "presenta dificultades prácticas de aplicación", polo que se aposta pola aplicación "progresiva" desta medida "no prazo máis breve posible".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS