Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

REAL ACADEMIA GALEGA

Arcadio López Casanova ingresa na RAG cun discurso sobre o carácter moderno da obra de Rosalía

Arcadio López Casanova  - FOTO: RAG
Arcadio López Casanova - FOTO: RAG

SANTIAGO  | 10.11.2013 
A- A+

O poeta, profesor, crítico e tradutor Arcadio López Casanova (Lugo, 1942) comezou a súa alocución sinalando o carácter dual da obra rosaliana: de signo socio-antropolóxica en Cantares Gallegos –sostida nos alicerces da lingua, a Terra e o pobo- e asociativa en Follas Novas. Sobre esta segunda concepción aséntase, segundo a tese de López Casanova, a poética da modernidade en Rosalía de Castro, contemporánea de Baudelaire, que anticipa trinta anos o modernismo español, catalán e portugués, e está situada no cerne da obra que han escribir, contra os anos trinta do século XX, a Xeración da Vangarda galega, os Manuel Antonio, Amado Carballo e Bouza Brey entre outros.

No acto de ingreso estiveron presentes, entre outras figuras da cultura galega, o director xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o membro do Consello Consultivo, Gonzalo de la Huerga; o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias; o do PEN Club Galicia, Luís Fernández Tosar, ademais de numerosos membros de número e correspondentes da Academia.

Para Arcadio López Casanova, a modernidade de Follas Novas amósase en varios dos seus trazos estilo. Desde o propio suxeito poético, que racha coa anterior concepción romántico-sentimental, unitaria e monolóxica do mesmo, para se tornar polifónico, descontinuo, esvaecido, en sintonía coa "poética da impersonalidade" de Pound ou Eliot; ata o uso novísimo do simbolismo concibido como presenza "do infinito no finito", que se desenvolve en varias modalidades. Unhas veces este simbolismo é de natureza actorial, como no caso do poema "Negra sombra" onde este elemento é cifra da morte; outras, escénico, como no poema que empeza "Dende aquí vexo un camiño" ou "Estranxeira na súa terra", no que a propia paisaxe devén protagonista do poema. López Casanova salientou tamén o uso que Rosalía fai do mito na peza "O encanto da pedra chan", estruturado en tres partes ao xeito dun rito de pasaxe, coas sucesivas estación de partida, viaxe iniciática e regreso final, transformado o suxeito lírico, á terra natal. O novo membro de honra da Academia púxolle o colofón á súa intervención co recitado dun poema inédito dedicado á poeta do Sar titulado "Rosalía xunto ó mar de Carril".

Na súa resposta, o presidente da Academia Alonso Montero gabou, ademais dos méritos literarios, as valiosas achegas de López Casanova ao eido da interpretación e crítica de textos literarios. No que se refire ao labor creativo do novo membro de honra da Academia, Alonso Montero evocou a fonda pegada que a obra dramática Orestes (1961) deixara na Compostela universitaria dos anos sesenta: "un texto que confería ao noso idioma a nobreza dos clásicos [e que...] tivo que suscitar lecturas políticas sobre a opresión de Argos". Así como a publicación de Palabra de honor en 1967, onde Arcadio López Casanova introducía a materia da Guerra Civil en versos como os seguintes:

guerras, fusilamentos, campos
de concentración i algo máis
que calo por obriga.

Alonso Montero rematou a súa intervención ilustrando a importancia do labor como crítico e comentarista de textos literarios de López Casanova en libros como o Diccionario metodolóxico de análise literaria. I. A poesía. Textos líricos galegos da Idade Media ós nosos días, no que o novo académico deita unha luz nova e esclarecedora sobre un extenso monllo de pezas literarias que abranguen desde a nosa lírica medieval, ata os clásicos do século XX.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS