Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Arde Lucus!

RUTH FERNÁNDEZ  | 03.07.2012 
A- A+

Outra vez vivimos unha longa fin de semana de saltos cara ao pasado, mergullándonos nos costumes romanos que sentaron a base da miña urbe natal, Lugo. Pasou tamén axiña, coma un raio, a máxica noite de San Xoán, este ano vivida no seo da celebración romana por antonomasia: o Arde Lucus, festa de interese turístico galego (agárdase que en breve de interese turístico nacional), en resumo: unha cerimonia que xa é un referente no que a festas históricas se refire. Lugo, a cidade das Murallas, encheuse de milleiros de persoas que, ataviadas con traxes inspirados na Roma imperial, invadiron a cidade para reivindicar o pasado de César Augusto. Xente de aquí de de acolá, como diría Álvaro Cunquerio, gozou dun festexo caloroso que o venres xa deu mostras de que estranxeiros e oriúndos queriamos gozar da festa con total entrega. Tanto os de fóra coma os de Lugo sentimos a esencia da Roma na cidade fundada arredor do ano 12 a.C. por Paulo Fabio Máximo en nome do emperador da mesma Roma.

Erguida sobre un antigo campamento militar romano, volveu ser desa época esta pasada fin de semana. Vaia se o foi! Circo romano, vodas celtas e romanas, bacanal, loita de gladiadores, recreación do Senado, teatro, danza, venda de escravos, clases de oraroria, sen esquecer a asistencia á festa dos deuses romanos coma Venus, a deusa do amor, e os desfiles de lexionarios romanos e as tribos celtas. Tamén se deixaron pasar pola festa faunos (sátiros) e mesmo a viva imaxe de Medusa (unha gorgona que deixaba de pedra a calquera coa súa ollada). Cómpre dicir que houbo espectáculos para todos os gustos, á vez que o Concello adianta que haberá novidades na próxima edición e que mesmo se estuda a posibilidade de que a festa dure máis de tres días, como vén sendo habitual. Dende Lugo agardamos con devoción a vindeira edición do Arde Lucus, artellando novas actividades que nos fagan desfrutar tanto como cada ano dos pasados, imaxinando novos traxes cos que honrar o pasado glorioso de Roma da nosa cidade, que posúe un topónimo, Lucus, cun significado moi especial: bosque sagrado, podendo tamén facer referencia, segundo distintas fontes, ao deus celta "Lug", divindade da luz. Xa sabedes, amigos lectores... Arde Lucus!

Chegou o verán e inaugurámolo coa máxica noite de San Xoán, coa entrega das notas finais do alumnado nos centros de ensino e coa celebración da festa roamana que dá título a estas liñas. Chegan as vacacións, o momento de desfrutar cada día cunha nova ilusión. Hai que aproveitalo a tope, neste caso válenos o tópico clásico horaciano do ‘carpe diem’. Desfrutemos do momento intensamente. Vivamos con toda a enerxía os días de altas temperaturas, gozando das vantaxes de vestir pouca roupa e sentir como o sol nos agarima a pel, con protección para evitar queimaduras, iso si. Repito o que xa teño dito noutras ocasións: desfrutemos da compaña da familia e dos amigos, do tempo no fogar e das viaxes programadas lonxe da nosa xeografía. ‘Tempus fugit’, como querían manifestar os autores do Barroco. Antes de que sexa tarde, de que o tempo o mude todo, vivamos o verán gozando cada día do que a vida nos regala. Todo o bo que desexemos pode nacer nunha xornada de verán. Lembremos os versos de Octavio Paz: “Un nacimiento oscuro, sin orillas/ nace en la noche de verano/ en tu pupila nace todo el cielo”. Tamén queda na mente o Madrigal de Federico García Lorca que comeza ‘Junta tu boca con la mía/ Oh Estrella la gitana!/ Bajo el oro solar del mediodía/ morderé la manzana”, no que tamén di que os bicos olen como ule o trigo reseco do verán.

 

Unha das novidades deste Arde Lucus, xunto coa recreación do Senado e a maior presenza das tribus castrexas, foi a elaboración dun porco celta asado ao espeto, pero coma nunca se fixera. O animal, de máis de 200 quilos, levaba dentro un becerro cacheno de cen quilos e dentro un carneiro de raza galega de 17, así como unha galiña de Mos, unha perdiz e unha codorniz, como nos explicou o veterinario encargado da iniciativa. O resultado foi un asado moi bo, que degustamos o terceiro día das festas, o domingo, data na que o Club Deportivo Lugo ascendeu a 2ª División, grazas ao gol de Manu, facéndose a festa aínda máis grande, no peche do Arde Lucus.

O coordinador de Asoporcel, a Asociación de Produtores de Porco Celta, José Antonio Carril, asegurou que era a primeira vez que se facía algo así e non descarta levar esta iniciativa, na que colabora a federación de asociacións de razas autóctonas en perigo de extinción, ao premio Guinness. Moi bo resultado. Grazas por facernos partícipes aos lucenses desta iniciativa, que comezou ás 23:30 horas da xornada anterior, para poder asalo durante toda a noite. Lembro que ás 3:30 da madrugada do sábado pasaba eu pola Praza Nova de Ramón Ferreiro, ataviada de romana, como correspondía, e xa vin que o porco, no lume, comezaba a ter moi bo color.

 

Para que non faltase ningún detalle na festa, os que participamos dela podiamos pagar nos establecementos asociados (colaboradores) na moeda romana acuñada para a ocasión: os sestercios. Vimos como se construían as calzadas romanas, desfrutramos co Macellum, degustamos os produtos típicos da nosa gastronomía e o tempo esvaeceuse case sen nos decatar de que xa ían alá os tres días de festa que agardamos con entusiasmo cando remata unha edición, este ano a 11ª, pensando xa nos traxes para o seguinte ano. De romana? De castrexa?

 

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS