Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Arde o mar… na ría de Vigo

FOTO: RF
FOTO: RF

RUTH FERNÁNDEZ  | 19.06.2015 
A- A+

A pasada fin de semana mergulleime nunha aventura, viaxando á memoria da batalla de Rande, percorrendo a ría de Vigo nunha travesía que me permitiu achegarme á illa de San Simón e á de San Antonio, formando un arquipélago singular pola historia que se agocha nesas augas, polas vidas perdidas sobre esa terra esquecida. Os que decidimos desafiar á climatoloxía anunciada para eses días puidemos coñecer ‘in situ’ o lugar que albergou o lazareto e o posterior penal de San Simón, así como contemplar a recreación dun pecio no museo Meirande, facéndonos una idea máis real dos xacementos arqueolóxicos subacuáticos producidos polos restos de antigas embarcacións afundidas e que a miúdo a literatura e o cine magnifican, presentando espectaculares tesouros… Observamos moi de preto as bateas, na zona de Domaio, que acadan prezos de entre douscentos e trescentos mil euros cada unha. Toda a viaxe acompañados por unha pantasma que reviviu a historia da batalla de Rande baixo os raios dun sol que non esperabamos e que nos fixo moito máis agradable o percorrido. Gozamos dunha pequena escenificación teatral, lembrando tamén historias de corsarios e reflexionamos sobre o acontecido tras a Guerra Civil, cando a persecución franquista acabou coa vida de tantos inocentes, tamén alí, en San Simón.

 

As referencias históricas que traemos de volta da viaxe fan que nos remontemos ao século XVI, xa que soubemos da chegada do pirata Francis Drake á illa nesa época. Pero sen dúbida o tempo máis cruento lévanos ao ano 1702, no contexto da Guerra de Sucesión española, cando ten lugar a famosa batalla de Rande, co obxectivo de atacar a frota de indias que volvía cargada de prata e variadas mercadorías despois de tres anos no continente. Eran cincuenta barcos franceses e españois que decidiron dirixirse a Vigo ao estar Cádiz asediada polos ingleses. Os tripulantes que chegan a Vigo o 23 de setembro de 1702 prefiren refuxiarse no fondo da ría, tras o estreito de Rande, recibindo catro días despois instrucións para descargar as mercadorías. Xúntanse carros de toda Galicia e o 14 de outubro a prata está desembarcada. Pero cinco días despois, o 19 de outubro, a frota inimiga chega preto das Cíes e os días 22 e 23 desenvólvese a batalla, tomando os castelos de Rande e a fortaleza de Corbeiro. Unha vez rematada a batalla, as forzas atacantes procuran facerse coa maior cantidade de botín, saqueando Redondela na procura do tesouro. Pero tamén saquearon o Morrazo, San Adrián, Domaio, Meira… En Cangas foi especialmente significativo o feito, posto que a defensa correu a cargo das mulleres fundamentalmente, xa que os homes, na súa maioría, atopábanse en Vigo.

 

RF

FOTO: RF

A historia da illa lévanos ao século XIX, coa construción do lazareto que posteriormente se convertiría en cárcere. O lazareto convertiuse nun lugar delimitado e illado para tratar enfermedades, evitando ser transmitidas. Dende a Idade Media é sabido que os portos son os lugares polos que entran as pestes, por iso se constrúen os lazaretos ao aumentar o tránsito marítimo. Os viaxeiros de barcos procedentes de zonas que sufrían andazos de algunha enfermidade e das embarcacións que levaban algún enfermo tiñan que estar illados un tempo, corenta días, o máximo tempo de incubación da enfermidade, a chamada corentena. A principios do XIX (1817) construírase en Mahón (Menorca) o primeiro lazareto do Estado, un lugar que ficaba moi lonxe para o comercio do Atlántico. En 1826 autorizouse o fondeo nas Illas Cíes para tal mester e pouco despois construíuse o lazareto de San Simón, en 1838, despois de chegar uns anos antes o andazo de cólera a Vigo. Inaugurado oficialmente en 1842 foi precisamente o primeiro destino dos soldados enfermos, feridos ou mutilados da guerra de Cuba e Filipinas. Dise que pasaron a corentena un total de tres mil cincocentos soldados. Despois a actividade vai diminuíndo ata o seu peche, sendo clausurado en 1927, momento no que se pensou facer un aeroporto nacional marítimo para hidroavións, idea que foi desbotada, imaxinando logo un orfanato da mariña mercante, rexeitado polo sucedido en 1936, o levantamento bélico que convertiu a illa nun campo de concentración, o peor destino para un lugar de beleza indiscutible. Con tantas detencións, os cárceres ordinarios non conseguían dar abeiro a todos aqueles que estaban en contra da política franquista.

 

Co nome de ‘Colonia Penitenciaria do Lazareto de San Simón’ as illas funcionaron dende 1936 ata 1943 como campo de concentración e cárcere para máis de 5000 presos que non cometeran ningún delito, máis alá de pensar diferente. A illa de San Antonio úsase entón para a gornición militar encargada da vixiancia dos presos, distribuidos en distintos albergues, tendo tamén en conta a súa mellor ou peor consideración social.

 

É en outubro de 1936 cando se inaugura o penal de San Simón. O que nun primeiro momento fucionara como lazareto, pasa a convertirse en cárcere. A miúdo os presos viñan de cárceres da provincia, de Vigo ou Pontevedra, sendo trasladados co pensamento de que aquela sería a súa última viaxe. Así acontecía cando os sacaban para ser paseados, para darlles morte nas cunetas, praias e montes da zona. Ao ano seguinte, en 1937, o penal recibe una morea de presos de distintos puntos da zona norte. Ese outono chegou un barco, o Upo Mendi, con 600 presos, que queda fondeado durante un ano na ensenada de Rande. E a finais de 1938 aínda se di que chegaron uns 1000 presos máis, nese caso anciáns, procedentes de cárceres de todo o Estado, aumentando o número de reclusos a 2500. Sábese que homes de toda condición social compartiron o espazo da illa privados de liberdade, tan só por pensar diferente, por pertencer ao bando republicano. Estudantes, mestres, labregos, mariñeiros, médicos, mineiros… novos e vellos… todos foron acusados de rebelión.

 

RF

FOTO: RF

As illas pecháronse como cadea en 1943. Cinco anos despois, destináronse a ‘Albergue Nacional’, para as vacacións da garda de Franco. Pero no ano 1950 afundiuse ‘A Monchita’, a lancha de servizo, afogando 41 membros da garda de Franco e 2 veciños de Redondela, o que fixo que se clausurase.

 

Na visita tamén contemplamos o campo das alocucións, onde a miúdo eran concentrados os presos para escoitar misas e discursos cos que os sublevados pretendían mudar a súa ideoloxía. Con grandes dificultades, sen as condicións hixiénicas necesarias, acompañados da fame e a desnutrición, a tifo e outras enfermedades, a situación vivida na illa foi espeluznante. É necesario coñecer esa historia de preto, saber o que pasou tan cerca de onde vivimos para non esquecer, para manter viva a memoria, pero hoxe quero quedar coa cara máis amable da illa, que está na miña memoria dende as clases do instituto, ao achegarme á literatura galego-portuguesa, coas cantigas de amigo medievais, dos trovadores e xograres. Lembro a Martín Códax, a Meendinho e a Johán de Cangas, presentes na illa de San Simón a través dunhas esculturas de pedra que dan a benvida os visitantes.

 

Nesta viaxe vin a capela de San Simón, do século XIX. Ao seu arredor dise que cando se construíu existían restos de enterramentos medievais, o que fai supoñer que alí estaría ubicada a Ermida de San Simón que cantaba o trobador no século XIII. Quedo agora coa cantiga de Meendinho, mentres na memoria queda gravada a imaxe do paseo dos buxos, un lugar fermosísimo para abandonar a illa e dicirlle un ‘ata pronto’.

 

Sedia-m' eu na ermida de San Simión

e cercaron-mi-as ondas que grandes son.

Eu atendend´o meu amigu'! E verrá?

Estando na ermida, ant' o altar,

cercaron-mi-as ondas grandes do mar.

Eu atenden[d´o meu amigu'! E verrá?]

E cercaron-mi-as ondas que grandes son:

non ei [i] barqueiro nen remador.

Eu [atendend´o meu amigu'! E verrá?]

E cercaron-mi-as ondas do alto mar:

non ei [i] barqueiro ne sei remar.

Eu aten[dend´o meu amigu'! E verrá?]

Non ei i barqueiro nen remador:

morrerei “eu”, fremosa, no mar maior.

Eu aten[dend´o meu amigu'! E verrá?]

Non ei [i] barqueiro nen sei remar:

morrerei eu, fremosa no alto mar.

Eu [atendend´o meu amigu'! E verrá?]

 

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS