Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENTREVISTA

Argimiro Rojo, defensor universitario en Vigo: “O conflito soluciónase recorrendo á política, é dicir, buscando o diálogo”

O novo presidente do Tribunal de Garantías chega ao cargo con ilusión e “moitas gañas de traballar”

VIGO. D. BESADÍO  | 11.07.2011 
A- A+

Destaca que a súa vocación é a docente e a investigadora e, aínda que é consciente de que non vai ser doado combinar ambas tarefas, asume o cargo de defensor universitario con agrado, ilusión e “moitas gañas de traballar”. Argimiro Rojo é catedrático de Ciencia Política e da Administración, fundador e actual director do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e Filosofía e un investigador de renome en temas relacionados co federalismo, as relacións entre a Unión Europea e as rexións, o proceso construción europea, o futuro do Estado e a gobernanza global.

 

Chega ao cargo co respaldo maioritario do Claustro. Que supón isto para vostede?
Unha enorme satisfacción. En primeiro lugar contei con un forte e amplo consenso á hora de apoiar a miña candidatura de todas as forzas maioritarias da Universidade e, como vostede sinala, tamén no proceso de votación no Claustro púidose comprobar que o respaldo foi maioritario. En resumo, estou moi ilusionado e con moitas gañas de traballar.

Ten xa algunha idea en mente para pór en marcha nada máis tomar posesión?
Pouco a pouco e de acordo co resto de membros que compoñen este equipo, entendo que irán xurdindo ideas e proxectos. Son tempos novos, circunstancias novas, retos novos... Por unha parte haberá que manter as metodoloxías, os procedementos, as lóxicas que demostraron xa que son eficaces e eficientes e, á vez, innovar. É o que nos toca nesta época de cambio en pleno proceso de adaptación a Boloña, ao fin e ao cabo vivimos nunha sociedade acelerada na que o cambio é permanente e hai que estar adaptándose constantemente a estes cambios e, as institucións teñen que seguir unha mesma dinámica de adaptación e de posta ao día permanente e, nese sentido, penso que haberá ideas, procedementos e lóxicas novas.

Menciona agora a importancia do equipo que o vai acompañar nesta nova etapa do Tribunal de Garantías. Tivo xa a oportunidade de colaborar con algún deles...
O tribunal é un órgano colectivo e, por tanto, está integrado por distintos representantes dos sectores que compoñen a comunidade universitaria. Coñezo a algún dos membros, a outros non, profesionalmente non colaborei con ningún deles, nin en temas de docencia, nin de investigación, nin tampouco de xestión, pero este feito non penso que sexa ningún obstáculo para crear un equipo forte e dinámico e, sobre todo, que saiba responder ao reto que supón a figura do defensor universitario nesta etapa crucial da Universidade e da propia sociedade na que vivimos.

Fai fincapé en que o tribunal é un órgano colectivo no que ten cabida toda a comunidade universitaria, sen embargo o alumnado non obtivo nas votacións o apoio suficiente para acadar representación e sempre se lle achaca ao órgano o feito de que non logra conectar con este sector. Que se pode facer a este respecto?
Sen coñecer en concreto a percepción que poida ter o alumnado acerca deste órgano, entendo que o alumno ou alumna ten ás veces a sensación de que está de paso, que a Universidade non é máis ca unha etapa curta da súa vida. A impresión que un ten é que non se implica, non se involucra, non se integra o suficiente... e con isto refírome a que non aproveita todos os recursos que ten a propia Universidade, caso do propio Tribunal de Garantías.
Eu penso que hai que tentar convencer ao alumnado para que aproveite todos os recursos que se lle dan e, concretamente, este. Temos que tentar que entenda que lle pode ser útil, non só cando xurda algún problema, senón á hora de orientarse, de informarse de todo o que significa a institución universitaria nesa etapa tan importante das súas vidas.

E cales son os obxectivos que se marca para esta nova etapa?
Os obxectivos veñen marcados pola propia natureza deste órgano, polos obxectivos e as finalidades que se marcan tanto no regulamento do Defensor Universitario como na propia lei orgánica que o regula. En ambos documentos se especifica a importancia do órgano para asegurar o bo funcionamento da Universidade e, nese senso, é como eu o enfoco, o entendo e como a min me gustaría orientalo.
Non se trata de ningún órgano de decoración, cumpre unha función especial no que é a gobernanza da comunidade universitaria e, a partir de aí, hai que potenciar a súa especificidade desde o punto de vista das súas funcións. Trátase dun actor importante no proceso de conciliación, de mediación, de arranxo de conflitos, supervisor dos distintos actores da Universidade. Eu intento que o que importa á hora de potenciar este órgano é simplemente cumprir as función que veñen dadas pola propia lei. Estou convencido de que é un órgano moi importante á hora de contribuír á boa gobernanza da institución universitaria.

Algunha receita para logralo?
Eu son profesor de Ciencia Política e, en política, a receita é sempre a mesma: o conflito solucionase recorrendo á política, é dicir, buscando o diálogo, o acordo, a negociación, a tolerancia e, por suposto, o respecto ás regras de xogo.

Tivo xa oportunidade de intercambiar opinión co seu predecesor no cargo?
Si, tivemos xa unha conversación máis precisa sobre cuestións que si teñen que ver co funcionamento deste órgano e coa propia dinámica que ten, así como cuestións máis inmediatas de axenda. A medida que se produza o relevo iremos mantendo algunha conversación máis para que me poña ao día. Luis é unha persoa con moita experiencia, que ten un mérito extraordinario nesta Universidade. É desas persoas ás que hai que terlle un recoñecemento e unha gratitude permanente.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS