Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 09.04.2020 Actualizado 20:35
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Arrimadas chama a Feijóo, que lle reitera o seu rexeitamento á coalición con Ciudadanos

O líder popular galego mantén "abertas" as listas // "Ás veces sumar cousas non comúns e en parte dispares non produce unha suma neta, senón outra operación que non interesa"

SANTIAGO. EP  | 19.02.2020 
A- A+

A chamada que Inés Arrimadas (Ciudadanos) anunciara que realizaría ao presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, para tratar de desbloquear as negociacións sobre unha posible coalición electoral para Galicia, Cataluña e País Vasco, produciuse este mércores, aínda que só serviu para ratificar as posturas de ambos dirixentes.

Feijóo desvelouno ante os medios de comunicación tras un acto en Santiago, onde asegurou que reiterou a súa postura á dirixente de Cs e que espera que esta comprendese "as súas razóns". O líder do PP galego rexeita unha coalición co partido laranxa na Comunidade galega, pero mostrouse partidario de seguir falando e de avanzar no "entendemento".

"Ás veces sumar cousas non comúns e en parte dispares non produce unha suma neta, senón outra operación que non interesa. (...) As portas seguen abertas até o 1 de marzo, que se pechen as listas", remarcou Feijóo, cuxa formación mantén en Galicia que estaría disposta a integrar nas súas candidaturas aos comicios do 5 de abril a dirixentes de Ciudadanos, incluso identificándoos como independentes.

Fontes de Ciudadanos consultadas por Europa Press confirmaron a chamada e incidiron en que Arrimadas explicou a Feijóo a súa proposta para Galicia: "unha coalición gañadora constitucionalista para que non se perda ningún voto e non se poña en perigo o goberno constitucionalista por un puñado de votos como xa ocorreu no pasado nesta comunidade".

Ambos os dirixentes, engade Cs, estiveron de acordo en "seguir traballando para tentar chegar a un acordo".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS