Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 12:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Arrinca con normalidade o curso escolar en Galicia para preto de 200.000 alumnos

Un sindicato de profesores galegos denuncia que Educación "non está a cubrir as baixas" deste inicio, o que "deteriora a calidade"

SANTIAGO. EP  | 12.09.2018 
A- A+

O inicio dun novo curso escolar para os 197.457 alumnos de Educación Infantil, Primaria e Especial de toda Galicia desenvolveuse este mércores con total normalidade.

Así o constataba o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na inauguración do curso no colexio Rosalía de Castro da capital lucense, onde sinalou que na cidade son 8.000 os estudantes que volven hoxe ás aulas (2.500 alumnos de Infantil e 5.500 de Primaria).

O Conselleiro confirmou que esta normalidade "tamén se fai extensiva ao transporte escolar, que prestará servizo a 90.000 alumnos de 765 centros públicos, o que coloca a Galicia como a primeira comunidade de todo o Estado no referido ao volume que presenta este servizo educativo complementario".

Rodríguez indicou que "o sistema educativo de Galicia baséase na calidade, na equidade e en igualdade de oportunidades. A última estatística do Ministerio acredita que o sistema educativo galego é o máis inclusivo de toda España, posto que o 92,4% dos alumnos con necesidades educativas especiais estudan en centros ordinarios".

Segundo os datos facilitados polo Conselleiro, "este curso haberá 63 centros plurilingües máis, até alcanzar os 385 (48 deles na provincia de Lugo). O ensino dixital beneficiará a 18.000 alumnos, pois haberá 267 centros con libro dixital (49 na provincia de Lugo), 114 máis con respecto ao curso pasado".

No caso concreto da cidade de Lugo, Rodríguez destacou o compromiso da Xunta cos centros educativos do municipio. Só este ano están en planificación "máis de 5,4 millóns de euros nunha ducia de centros". Entre as obras máis importantes está "a construción do novo CEIP Sacro Corazón ou a futura ampliación do IES Sanxillao, cun investimento de 4 e 1 millón de euros respectivamente.

Entre outras autoridades, Román Rodríguez estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.

O vindeiro luns 17 é a quenda da formación profesional, secundaria e universitaria. En Galicia os tres ámbitos suman un total de 400.000 estudantes.

EDUCACIÓN "NON COBRE AS BAIXAS"
Fronte a esta visión alentadora da educación galega, o Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG) denunciou que a Consellería de Educación "non está a cubrir as baixas de comezo de curso".

Así, asegurou que Educación publicou na súa web, con data 12 de setembro, as instrucións relativas á toma de posesión do profesorado de Secundaria, onde indica que as mesmas "só terán efectos administrativos con data 17 de setembro".

Respecto diso, nun comunicado que recolle o escrito presentado este mércores polo sindicato ante a Administración autonómica, STEG apuntou que "fía ao voluntarismo do profesorado a incorporación previa a ese día".

Ao mesmo tempo, asegurou que "se pon en risco a propia integridade do profesorado que decida acudir ao seu posto antes", xa que "están en terra de ninguén a efectos xurídicos", polo que, "no caso de que suceda un sinistro ou contratempo --perda da interenidade, dereitos laborais ou salario que correspondería, entre outros--".

"DETERIORACIÓN IMPORTANTE" DA CALIDADE
Así mesmo, indicou que a medida supón "unha deterioración importante da calidade do ensino público", xa que o profesorado que chegue nesta data "non tivo tempo de coñecer ao alumnado e as súas diferentes necesidades", na liña de "organizarse mellor" para o inicio do curso escolar.

Ademais, apuntou que "se imposibilita a adecuada coordinación previa co resto do profesorado", xa sexa "a nivel de tutoría, ou doutros aspectos importantes", como proxectos ou coordinación dos diferentes equipos.

Por outra banda, sinalou que o "suposto aforro" que esta medida puidese traer "só vén empeorar a calidade do ensino público" da Comunidade galega.

E, finalmente, explicou que, "unha vez máis, quen máis acusará estas medidas é o alumnado con máis dificultades, o cal vai en contra dun ensino que garante a igualdade de oportunidades, a equidade e a xustiza social".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS