Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Arroutos

JOAQUIM VENTURA  | 13.02.2019 
A- A+

Xa está en marcha o xuízo contra os políticos e activistas independentistas polos feitos sucedidos en Cataluña no outono de 2017. Finalmente, e desde que foron detidos, os xuíces non consideraron a eventualidade de concederlles a liberdade provisional. Desta maneira pasaron das cadeas madrileñas ás catalás (nas cales as visitas eran máis doadas) para volver ás primeiras en canto o Tribunal Supremo fixou data de comezo para o xuízo.

Este vai actuar, como dicía aquel imaxinativo anuncio, como a proba do algodón non xa da fortaleza da democracia española senón da súa calidade intrínseca. Que o sistema democrático baseado na constitución de 1978 é aparentemente sólido está fóra de dúbida. Pero, alerta co adverbio: que unha cosa pareza algo non supón que sexa como o perciben os nosos ollos.

E aí está o problema. Xa non é a “resistencia de materiais” (que din no campo das enxeñerías) do sistema en si senón se os seus axentes (políticos, xuíces, funcionarios con ou sen armas) están feitos desa materia que leva no seu ADN a condición democrática. Como se o texto aprobado en 1978 tivese propiedades taumatúrxicas que convertesen en demócrata de pedra picada a quen, unha semana antes, era fiel servidor do xuramento dos “Principios Fundamentales del Movimiento” (e non estamos a falar dunha lei da Física).

Malia os esforzos feitos nestes anos, na cerna do Estado (inmutado desde comezos do XVIII pola pronta cauterización das dúas rupturas republicanas que padeceu) segue viva a pulsión autoritaria do “imperio da lei” e tanto ten quen o aplique –progresistas ou conservadores- se non hai espazo para a discrepancia (lingüística, ideolóxica ou moral).

E a primeira pasada a facer co algodón da calidade democrática foi a diferente consideración que dos feitos que se van xulgar, tiveron os tribunais de Bélxica e da Alemaña cando non consideraron os argumentos do TS para extraditar aos políticos cataláns evadidos. A xustiza de dous países de indubidable calidade democrática, fundadores da CEE/UE, analizaron a reclamación española e non atoparon homologación con cadansúa lexislación, non deixando outra opción ao xuíz español que retirar a orde europea de busca.

A segunda pasada foi a teimosía do TS de non ter en conta a presunción de inocencia dos acusados, argumentando risco de fuga, cando non o fixeron cando tiveran ocasión. A terceira foi considerar parte do relato da violencia intrínseca ao delito de rebelión manifestacións que no seu día foron celebradas de maneira legal e, o que é máis salientable, pacífica, sen ningún incidente nin de limpeza da vía pública. Poderiamos seguir pero co dito, penso que abonda: o branco do algodón xa pasou a gris, gris lousa como mínimo.

Este xuízo non deixa de ser a demostración da incapacidade por parte daqueles que so conciben España de maneira metafísica e uniforme, reiterada ao longo de séculos e sen a máis mínima vontade de resolver o problema. E cando o autoritarismo estaba definitivamente desgastado (ao cabo, a ditadura franquista non foi senón un respiro para que os sectores dominantes recuperasen posicións), a democracia –en abstracto- chegou para encher ese baleiro. Pero se impuxo sen alterar o dominio dos poderosos nin os mecanismos para que o seguisen a ser.

E desa concepción dual España-democracia, inseparable, ven o que estamos a padecer. Como se sentirse español significase automaticamente ser demócrata e que para ser demócrata non houbese outra vía que ser e sentirse español. Unha concepción que se resume na eterna expresión “A por eles!”, que agocha a trabe en ollo propio e salienta as pallas en ollos alleos e non ten outra saída que usar a lexislación como arma incruenta.

Non digo que os independentistas cataláns non vulnerasen a lei pero postos a aplicar algún castigo, é mágoa que o código penal non contemple o delito de estupidez. Porque ao cabo, o que cometeron Puigdemont, Junqueras e compañía foi unha estupidez: polo que fixeron e por non decatarse da previsible vinganza do Estado.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS