Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
Houbo un tempo no que o músico comía de facer música. Con maior ou menor dificultade chegaba a fin de mes; algúns contentes con ter teito e manduca, outr@s mais avegos@s levaban unha vida desafogada. Coma todo fillo de veciño e en calquera outra profesión. Pagábaselle por facer disfrutar ao público durante ese tempo máxico e irrepetíbel que teñen as artes escénicas. Algúns gozaban de sona e gañaban sumas importantes por concerto. Importantes? um… se cadra non tanto: subíndose á escena unha vez á semana, a 600 euros (de media falo) pois a fin de mes veñen sendo uns 2400 euros, menos do que gaña un médico ou un avogado. Iso se hai representación cada semana e traballando as oito horas diarias coma en calquera outro traballo, que iso non se discute,só quen ignora cómo funciona a profesión pode asignarlle á mesma un peso significativo ao talento innato cando tod@s que conformamos o gremio sabemos que o 95% de éxito está nas horas diarias de preparación. Pois iso, que houbo un tempo no que comiamos mais ou menos equilibradamente, chamábannos e preguntaban o caché. Ate había veces que podías negociar, dependendo da distancia de desprazamento ou nalgúns casos o noso corazonciño idealista facía a distinción entre quen nos contrataba e se era unha asociación cultural pequena rebaixabas un pouquiño, que ben sabiamos que as subvencións chegaban tarde ou nin chegaban.
Agora os ciclos de concertos complétanse con estudantes aos que non se lles paga nin un can, unhas palmadiñas no lombo e grazas, mentres cóbrase entrada xustificando o aluguer da sala ou os gastos derivados da publicidade. Estudantes! (dirán que inexpertos…) e así xustificase o costume de non pagar. Sóbense a escena convencidas de que dese concerto pode que saian outros, unha teoría dunha remota posibilidade de que alguén chegue a preguntarche canto cobras por concerto. O problema é que non son só os estudantes quen sen atopan nesa situación; hai concertistas de “elite” que sendo contratados para unha masterclass ofrecen un concerto de balde para a organización ou grupos de cámara, que atraídos por salas de renome, aceptan o pago en especie a través de contactos, vídeos de promoción, boa prensa ou promesas de concertos futuros. Un auto-boicot á profesión e ao noso futuro do que non atopo explicación. Cunha simple comparación cun fontaneiro que traballa gratis, asegurándoselle novos clientes que o remunerarán logo debería abondar para decatarse da gravidade do problema. Chega un momento na vida do gremio de fontaneiros no que debido á grande cantidade de colegas que traballan gratis, o amaño da fuga dunha billa xa non se paga e os fontaneiros pasan a ser só fontaneiros de día e camareiros de noite.
Ao fin, o problema redúcese á educación, á falta de percepción de valor na arte, procurando atoparlle unha valía material e acumulativa. As “almas” non son quen de transparentarse entre toda a borralla consumista na que nos envolvemos e ese saber ou sentir que o instante escénico nos aporta no noso ser, non se pode materializar en algo tanxible do que alardear logo; queda na parte interna do ser e por iso hai quen pensa que é prescindíbel. O que non acado a entender é a dobre vara de medir do tempo libre. Hai actividades coma xogar os bolos, saír de copas, botar unha partida ao billar, ir nadar, ver un partido de fútbol… nas que todo o mundo asume que hai que rañar o peto e poñer uns euros. Mais logo unha obra de teatro, cabaré, un concerto… cinco euros de entrada? É moi caro…
A necesidade de que a cultura sexa subvencionada para que sexa democrática debería ser asumida pola sociedade coma algo urxente. Gratis si, mais porque a pagamos entre tod@s, non porque o músico, escritor, artista, actriz… non comen do seu traballo. Só así a arte poderá cumprir coa súa función de lecer, mais tamén de crítica social, de xeración de comunicación e de reflexión individual. O liberalismo pretende agora importar o modelo de mecenado. Unha lei que pase a cultura de subvención á de desgravación. Empresas, fortunas (algunhas pode sacadas da amnistía fiscal) poderán investir en proxectos culturais, fundacións e desgravar unha parte importante. O estado seguirá en certa maneira a pagar mais o cambio implica unha privatización do capital. Moitos compañeir@s de profesión veno como necesario, coma única saída, coma a chegada do mesías mais esquecen que esa privatización do capital pode ter consecuencias, en moitos casos, nas programacións de ciclos, actos ou certames. Pode que ate un control ideolóxico e por tanto unha perda da liberdade creativa e de comunicación coa cidadanía, que a fin de contas é o que é a arte. Dese xeito a arte alternativa e crítica co sistema ou con certas formas de control social verá mermada a súa presenza e asfixiarase ao creador. Os teatros, tempo ao tempo, deixarán de ter nomes de grandes da literatura ou persoeiros da nosa historia, e pasarán a chamarse coma a empresa que aporta os cartos, á semellanza do que acontece nos Estados Unidos, e moito ollo que a entrada non será gratis, malia que pensemos o contrario, senón que pagarase e ben, inda que logo o músico toque de balde ou pola irrisoria cantidade de 200 euros por cada 300 espectadores, coma se paga actualmente en algunhas salas en Berlín. Preguntados sobre o modelo de mecenado, case tod@s directores de importantes teatros do estado falan da necesidade de que sexa un sistema mixto, parte privada, parte o estado… vamos, un sistema á “concertada” que parecese que está de moda nesta década.
A cultura coma liberadora e xeradora de comunicación colectiva e desenrolo individual podería ser unha ferramenta para equilibrar a unha sociedade en crise económica. Mais esa crise, tamén social e de valores, estase a levar por diante a consideración do artista coma parte da sociedade, cunha profesión de igual valía que a do veciño do quinto que traballa coma farmacéutico. O recorte radical en cultura e educación non foi visto pola sociedade coma unha agresión ao desenrolo social senón que foi xustificado polo sistema e por quen o alimenta coma necesario e imprescindíbel, mentres os bancos eran salvados da catástrofe. Así o veciño do cuarto tivo que deixar de mercar o pan porque traballaba no Liceu, mentres que o do terceiro, quen especulou cos cartos dos veciño do primeiro e segundo andar, puido seguir indo tranquilo coma cada semana ao Carrefour. Esa é a reflexión que non se fai, porque meus, eu falo da artista de a pé, da do barrio de toda a vida e non do produto de masa polo que hai quen paga 80 euros por concerto.
A arte non está en crise e @ artista tampouco, mais ámbalas dúas están sufrindo a frustración da perda de valor e de espazos de influenza para tentar transformar o mundo nun lugar mellor, que a fin de contas é polo que nos adicamos a isto.
