Mércores 08.09.2010
| Actualizado 17.09
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Hipermeabilizado, de Alberte Sánchez Regueiro, alzouse co 1º premio FOTO: Axencias |
Contaminación industrial, residuos agrogandeiros, acumulación de lixo nas marxes, presenza de especies invasoras... O país dos mil ríos e dos máis dun cento de encoros soporta cada día milleiros de problemas que afectan á supervivencia dos ecosistemas fluviais. A situación non é nova pero, lonxe de diminuír, a degradación que sofren as nosas canles aumenta día a día, facendo da educación, sensibilización e concienciación ambiental un piar básico para que a cidadanía aprenda a respectar os seus ríos.
Con este obxectivo, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) puxo en marcha un concurso de fotografía baixo o título Agresións ás augas continentais galegas, no que unha trintena de cidadáns plasmaron a situación insostible que están a vivir as canles de todo o país. "O concurso é unha iniciativa máis impulsada por Adega ó redor dos ríos, na que quixemos convidar a sociedade galega a participar na denuncia en imaxes das irregularidades cometidas nos efluentes e os impactos que a actividade humana xera nos ríos, lagoas e todo tipo de augas continentais da nosa comunidade", explica Adela Figueroa, ex presidenta de Adega, responsable de transporte e membro do xurado deste concurso, do que destacou a calidade das fotografías enviadas e a alta participación, que deu lugar á entrega de cinco premios principais e tres de consolación.
A imaxe gañadora desta primeira edición do certame fotográfico ó redor dos ríos recaeu en Hipermeabilizado, de Alberte Sánchez Regueiro, cun regato cercado por plásticos de envolver os silos como protagonista. Figueroa destaca o "impactante" dunha fotografía que evidencia as malas prácticas dun sector económico, neste caso o da agricultura, ó redor do noso patrimonio fluvial. A importancia desta imaxe reside tamén na súa localización, moi próxima á incineradora de residuos de Sogama no municipio coruñés de Cerceda.
Os sectores produtivos e industriais non son, non obstante, os únicos culpables da degradación dos leitos fluviais. Así o demostran o segundo e terceiro premio outorgado polo concurso de Adega, A Fervenza de Rubén Fernández Lago e Regato Zapardiel de Adrián Casanova Chiclana, onde se demostra que a acumulación de todo tipo de residuos ó longo das canles e as súas marxes é unha das estampas máis frecuentes da nosa paisaxe fluvial.
Tras a resolución do xurado, que tivo lugar este mércores en Lugo, as fotografías enviadas ó certame integrarán unha mostra que poderá visitarse no Centro Sociocultural Uxío Novoneyra da cidade das Murallas ata o próximo 18 de decembro. Unha iniciativa complementaria que persegue difundir as problemáticas dos ríos dende unha nova óptica: a dos propios cidadáns. "Cada día xorden novos problemas nas nosas canles. Temos que saber da súa existencia para non contribuír a incrementalas e exercer os nosos dereitos como cidadáns, esixindo medidas para porlle freo", indica Adela Figueroa.
Entre os males máis graves, a ex presidenta de Adega sinala a presión hidráulica que previsiblemente se verá incrementada na bacía Galicia-Costa coa aprobación do novo Plan Hidroeléctrico, previsto para o primeiro trimestre de 2010, e as novas autorizacións do Ministerio na conca Miño-Sil. A pesar de que a consellería de Medio Ambiente indicou que as autorizacións para novos encoros serán case inexistentes e que só se lle dará permiso ás ampliacións e aumentos de caudal, as previsións máis pesimistas falan do visto e prace a 50 novas presas, que se suman ás 64 que están agora en funcionamento e as outras cincuenta en trámites. Xunto coa presión enerxética, Figueroa quixo resaltar outro efecto secundario derivado dos encoros: a acumulación de restos orgánicos derivada da deficiente osixenación nas canles, que provoca a súa eutrofización. Un fenómeno con terribles consecuencias para o planeta, xa que libera altas cantidades de metano á atmosfera, un gas ata 38 veces máis potente que o dióxido de carbono no denominado efecto invernadoiro culpable do quecemento da Terra. "Estamos cargándonos un mundo que é de todos e que van pagar as xeracións futuras", conclúe Figueroa, que demanda unha maior responsabilidade de cara ó futuro.