Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

aCtores dO cambio

"As cabezas decisorias saben que o Bloque está en crise"

“A deterioración no BNG é patente: levamos catro anos sen facer unha asemblea nacional ordinaria” “O BNG pasou de ser unha organización que funcionaba de abaixo a arriba a funcionar de arriba a abaixo” “Non se trata de constituír un Bloque bis, e a alternativa probablemente teña máis un carácter de movemento ca de fronte” “Na UPG teñen medo a responsabilizarse de gobernar Galiza. Prefiren ser menos e controlar. E iso é traizoar o pobo”

POR LUIS POUSA  | 23.01.2011 
A- A+

Beiras Torrado, momentos antes de comezar a entrevista

Xa pasaron case dous anos desde que Xosé Manuel Beiras Torrado (Santiago, 1936; líder de Econtro Irmandiño e presidente da Fundación Galiza Sempre) advertiu de que o Bloque Nacionalista Galego (BNG) se encontra por cuarta vez nunha situación crítica e esta é "a súa última oportunidade". Ségueo repetindo e os medios de comunicación fixéronse eco da súa advertencia no transcurso da xornada de clausura da III Asemblea de Encontro Irmandiño (15-01-2011), que pronto pasará de ser unha corrente política a un partido político, e que contou coa presenza do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez.

 

Encontro Irmandiño naceu co obxectivo de converterse nun partido político.

Non. Naceu como unha corrente que tiña como obxectivo aglutinar sectores do BNG que sentían a necesidade de restablecer as normas de convivencia fundacionais: unha fronte plural; unha afiliciación individual, aínda que houbese agrupacións políticas dentro, e un funcionamento radicalmente democrático: participativo, horizontal e asembleario. Na asemblea do BNG en 2006, iso plasmouse nas listas abertas, e esas listas abertas coincidiron coa formación desa corrente organizada.

 

Que é o que explica o paso de corrente interna a partido?

Cada vez foise deteriorando máis a convivencia no BNG, e violentando máis as súas normas estatutarias. Se o Bloque acaba esclerotizándose, hai que estar en condicións de activar un proceso que, dentro e fóra, capte xente capaz de construír unha alternativa. Había que darlle máis consistencia orgánica a esta corrente para estar en condicións, ata, de existir politicamente fóra do BNG, se fose necesario.

 

Por que corresponsabiliza a Guillerme Vázquez da continuidade de EI no Bloque?

Sobre todo, para que o BNG siga sendo o instrumento útil para que naceu: articular unha maioría social e ideoloxicamente diversa, capaz de levar adiante o proceso de emancipación en dúas coordenadas. Emancipación social, ou sexa, loita contra as desigualdades e pola xustiza social. E emancipación nacional, coa conquista da soberanía política polo pobo galego (no BNG non hai unha formulación independentista explícita). O Bloque foise apartando desas dúas coordenadas, e converténdose nunha organización que opera no marco institucional, pero cada vez máis supeditada á dinámica propia dos aparatos de Estado, diverxente da cidadanía e da sociedade civil. Sobre todo dos seus elementos máis activos.

 

Que bota en falta?

Nunha organización asemblearia todos os seus militantes e afiliados teñen voz e voto nos plenarios finais dos seus congresos. É fundamental para cumprir o principio da participación directa, horizontalidade, e que non haxa ningún mecanismo de intermediación que deturpe o proceso. Na asemblea posterior ó 11-M, a elección de delegados provocou que os focos con máis poder no control de aparato copasen os representantes na asemblea. Nunha fronte, os militantes son como os cidadáns con dereitos políticos nun país; cando se convocan eleccións votan todos e elixen os seus representantes.

 

Si, pero dá a impresión de que iso, no caso das asembleas locais e/ou comarcais, tampouco resolve o problema de fondo.

Porque as asembleas locais ou comarcais convócanse para que o grupo dirixente dea consignas e informacións. O BNG pasou de ser unha organización que funcionaba de abaixo arriba a funcionar de arriba abaixo. Ata o extremo de que se incumpren sistematicamente as pautas constitucionais internas. En 2002 reformáronse nos estatutos as cadencias das asembleas nacionais, porque non se cumprían, e acordouse que fosen mínimo cada dous anos e máximo cada tres. Como había présas por algunhas cousas, entre elas sacarme a min do medio, incumpriuse acto seguido pois a seguinte convocouse para o outono de 2003, había ano pasado e medio. Agora levamos catro anos sen facer unha asemblea nacional ordinaria. A de 2009 foi extraordinaria, polo que non interrompe o tracto das ordinarias. A deterioración é patente. Dá a impresión de que as normas internas do BNG valen ou non valen en función dos intereses de quen controle o aparto.

O que subxace en todo o que está contando é a denuncia a que a política sexa só cousa dunha elite e non de todos os cidadáns que queiran participar?

Exactamente. Latexa aí a recuperación dos principios republicanos, non só democráticos. Na sociedade republicana ningún cidadán pode ter dominio sobre outro. Hai vocación de darlle primacia á política xerada na sociedade civil e logo proxéctase no que Gramsci chamaba a sociedade política, no canto de ao revés. A resistencia dos dous focos que hoxe se disputan o control do BNG é toda unha autodelación dos seus temores a que o uso dos principios democráticos impida que se manipule a política desde arriba. Cando iso ocorre nunha forza que se define como emancipadora, o problema é máis grave, porque hai unha colisión entre o que se reclama e predica para a sociedade e o que se está facendo dentro desa forza política.

 

O aparato de poder e as súas redes de control son conscientes de de que o BNG está en crise?

Son conscientes, pero non queren asumilo. Sobre todo as cabezas decisorias. Non se lle oculta a Francisco Rodríguez Sánchez, Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich, Bascuas ou Teresa Táboas. Algunha desas persoas cando conversan con un recoñéceno. Os individuos que compoñen unha fronte débense basear en principios de cooperación e non de competición, non ten sentido que se polarice nun binomio APU (UPG) e + BNG. O bipartidismo nunha fronte é unha animalada, porque se prescindes das minorías precindes dos principios democráticos e republicanos. Presenciei comportamentos no BNG como os que lle botaba en cara ó PP nos tempos de Fraga, no Parlamento: deciden por maioría, pero ignoran sistematicamente toda a cidadanía que non lles votou a vostedes. Algo similar pasa no BNG: por exemplo, nas eleccións internas non hai xeito de que o noso grupo teña acceso ó censo de militantes. Fixeron unha purga de censos na cifra necesaria para darlle a volta á correlación de maiorías e minorías existentes, como pasou na Coruña. Isto é absolutamente inaceptable. É un proceso de descomposición.

 

Desde cando?

Non é que antes funcionase perfectamente, pero funcionaba razoablemente ben. No Bloque está pasando o do xuízo salomónico, a auténtica nai permite que o seu fillo o leve a outra para que non o maten. É dicir, os que máis queren ó BNG, ceden.

 

É posible ir a unha rexeneración horizontal do BNG sen afrontar a súa refundación?

Considéroo moi pouco verosímil, pero nós queremos cargarnos de razón e esgotar ata o indicible todas as vías para que se entenda a cuestión e se asuma, sen agardar a unha situación traumática para facelo. Non desexamos que o BNG leve un pau moi gordo, e non imos xogar con iso. Por iso lanzamos estas mensaxes como a derradeira oportunidade que ten o BNG de atender as nosas voces. O máis probable é que haxa que empezar a construír fóra a alternativa para esta nova fase histórica. Por iso o outro fixen mención ás tres crises do nacionalismo galego. Agora estamos na terceira, que coincide co final do réxime político da Constitución de 1978, non no plano formal de que se vaia derrogar a Constitución nin modificala a fondo. Ó meu entender, hoxe a Constitución española non está vixente no fundamental. Caracteriza tamén este contexto a crise económica. O BNG está tan succionado pola dinámica dos aparatos de poder do Estado e resúltalle virtualmente imposible rexenerarse e volver enganchar coas correntes de fondo que moven a cidadanía. Poden ser minoritarias, pero son as que moven a cidadanía. Non é unha cuestión de magnitude.

 

É de masa crítica?

Ou este pobo está moribundo ou se non o está, o instrumento que creo hai trinta anos está esclerótico e creará outro. Aí hai que estar. Quen é o pobo? Non é unha masa informe, son os segmentos lúcidos da cidadanía. Nós estamos facendo un exercicio de hiperresponsabilidade, de non facer nada que prexudique o BNG mentres haxa esperanza de que se recupere, e de respecto á organización na que participamos e algúns creamos. Estamos coa cidadanía crítica, coa que quere avanzar e non coa que máis ou menos declara unha adhesión inquebrantable a unhas siglas, a unha marca electoral ou a un aparato.

 

Dado que cabe supor que a alternativa non é un BNG bis, chegou a hora de transformar a fronte nun movemento?

Son dous aspectos distintos dunha mesma cuestión. Levo tempo dicindo que os modelos do Estado liberal democrático están obsoletos, e os que máis combaten en favor do avance histórico ven con claridade a obsolescencia dos aparatos de Estado, incluídos os partidos políticos. Iso explica en boa medida o rexeitamento e as reticencias que existen, nos movementos sociais, á política que fan os partidos e demais institucións políticas, (os Parlamentos, etc). O que aínda esta fervendo no pote é a fórmula que substituirá esas institucións. Hai que recuperar os postulados democráticos nos que se baseou a construción dun BNG distinto ó da vella frontepopulismo a ANPG, o BNPG e un partido líder, a UPG, ó vello uso. Pero a realidade non é a mesma hoxe que en 1982, e iso supón ter en conta que as estruturas da sociedade galega (sociais, económicas, culturais, ideolóxicas) mudaron. Non podemos facer un calco do que se construíu en 1982 porque nos equivoriamos. Así pois non tratar de facer un BNG bis e probablemente teña máis un carácter de movemento que de fronte. Pero eu entendo a fronte no sentido gramsciano de articulación dunha alianza de clases, con posicións distintas, ao redor dun eixe vertebrador que é o proceso de emancipación, e como logras a hexemonía mediante iso.

 

Que entende por hexemonía?

Hexemonía no sentido gramsciano. Un grupo determinado é capaz de que o seu proxecto transcenda o espazo dos seus propios intereses e se converta en referente. Ten credibilidade e autoridade. Iso é o que pasaba co BNG nos anos noventa. O reto é deseñar un novo modelo de organización política e aparato de Estado que non teñan as eivas do que consideras obsoleto, e ofreza garantías de que non dexenerará naquela dirección outra vez. Iso é moito pedir, pero ese é o reto. Algúns exemplos xa se están construíndo en Latinoamérica (Bolivia, Ecuador ...) con todas as deficiencias. É o contrario do que estes últimos anos fixo a UPG.

 

E que fixo a UPG?

Reconstruír, baixo a caparazón e a imaxe externa do BNG, o esquema UPG-ANPG-BNPG. Eles adoitan dicir que o nacionalismo "está fofo" na sociedade; non, é o revés, o que está fofo é o Bloque. O continxente de cidadanía que asume que Galicia é un país ben diferenciado, que o idioma galego é o único procreado por este país e que temos que gobernarnos por nós mesmos, transcende ó BNG, a unha parte do PSOE e a unha parte do PP. Deixémonos de caralladas. Todo iso está na sociedade e hai que captar e encarreirar cun esquema os suficiente flexible para que non sexa un corpiño, e teña a coherencia suficiente para actuar nun proxecto político con eses fins.

 

Ese proxecto hexemónico aspira a conquistar o poder, democraticamente, no canto de preferir xogar a ser a oposición?

A hexemonía de que falamos non é a de dominar segundo a mentalidade da UPG. Non é unha concepción ML da conquista do poder. Tamén + BNG entende a hexemonía como desbancar a UPG e ocupar o seu lugar. Entre 1990 e 2001, quen dominaba en Galicia era o PP, pero o BNG tiña a hexemonía. Así nas enquisas saía que quen mellor defendía a Galicia era o BNG. A partir de 1997 o BNG empeza a considerar que gobernar na Xunta pode ser decisivo para facer avanzar máis o proxecto estratéxico. No momento en que se decide, na UPG din que gobernar obriga a pringarnos. É o medo a responsabilizarse de gobernar, medo a asumir riscos; é unha especie de conservadorismo.

A xente xa o di: estes prefiren ser menos e controlar. E iso non só é trazoar o proxecto do BNG, é tamén traizoar o pobo galego, do que tanto falan.

O ENCONTRO IRMANDIÑO

Por que o nome de Encontro Irmandiño?

Cando en 2005 me dan o premio Facer país en Láncara, dixen no meu discurso que facía falta un gran encontro irmandiño e reivindiquei os principios republicanos. Eses principios serviron de base para a Declaración de Láncara. Nos avances importantes da Historia do pobo galego, non só o nacionalismo galego, tamén as irmandades tiveron un protagonismo evidente: os irmandiños, as grandes irmandades medievais que deron lugar ós procesos revolucionarios do século XV, finalmente frustrados. No galeguismo, a idea de irmandade sempre foi importante. No Partido Galeguista tratábanse entre eles de irmáns. Irmandade evoca fraternidade, non no sentido da lei de familia, senón no dos revolucionarios franceses que a identificaban coa necesidade dunha democracia horizontal que garantise a igualdade.

Forma parte dos idearios ilustrado e masónico máis de esquerdas. Mozart escribiu tres grandes óperas para celebrar os principios revolucionarios de liberdade, igualdade e fraternidade. O da liberdade é O rapto do serrallo; o da igualdade é As vodas de Fígaro; e o da fraternidade, A frauta máxica.

O partido chamarase tamén Encontro Irmandiño?

É algo que ata agora ninguén puxo en cuestión.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS