Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 20.01.2020 Actualizado 21:11
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

As 'casas niño' chegarán ao 100% de municipios sen servizo de conciliación coa creación de 115 prazas novas

A Xunta habilita un investimento de 2 millóns para cubrir os 23 concellos que quedaban sen gardaría nin outro recurso para conciliar

SANTIAGO. EP  | 11.12.2019 
A- A+

O Goberno galego prevé habilitar este xoves, na súa reunión semanal, unha convocatoria extraordinaria, dotada con 2 millóns de euros de investimento, coa que levará as 'casas niños' a todos os municipios da comunidade que aínda non tiñan recurso de conciliación, un total de 23 en toda a xeografía galega.

As 'casas niño' son pequenos centros de atención á primeira infancia en concellos de menos de 5.000 habitantes sen outra opción de conciliación.

Fontes da Xunta confirmaron a Europa Press a intención de autorizar, no Consello da Xunta deste xoves, este paso. Comprometérao o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, no marco de reafirmar a aposta do seu Executivo por "facilitar a vida no rural" e afrontar "o reto demográfico".

A convocatoria extraordinaria que activará a Xunta suporá investir 2 millóns para crear un total de 115 novas prazas de 'casas niño' nos 23 concellos que aínda non dispuñan dun centro deste tipo, nin doutro servizo de conciliación como unha escola infantil ou un punto de atención á infancia.

Dos 23 municipios beneficiados, 12 deles están situados na provincia de Ourense --Chandrexa de Queixa, Gomesende, Lobeira, A Mezquita, Padrenda, Parada de Sil, Pontedeva, Quintela de Leirado, Rubiá, San Xoán de Río, A Teixeira e Verea--.

Outros seis pertencen á provincia lucense --Cervantes, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Trabada--; mentres que tres están en Pontevedra --Mondariz, Fornelos de Montes e Cuntis--; e dous na Coruña --Mesía e Moeche--.

75 EN MARCHA
Do importe total, está previsto que 345.000 euros se reserven para obras de adecuación dos centros (15.000 euros para cada unha de 'casas niño'), e 1,6 millóns para o funcionamento diario dos mesmos, 19.600 euros anuais por cada centro.

Até o momento, a Administración galega apoiou a posta en marcha de 75 'casas niño', que ofrecen 375 prazas gratuítas de atención á infancia.

A Xunta impulsou nos últimos anos varias medidas de conciliación como a gratuidade das escolas infantís para segundo fillo e sucesivos ou a ampliación da 'Tarxeta Benvida' até o tres anos para as rendas máis baixas e as familias que viven no rural.

Tamén están en marcha o 'Bono Coidado' para a contratación puntual dun coidador, o 'Bono Concilia' para axudar a pagar a gardaría a aquelas familias que non puidesen acceder a unha praza pública, así como liñas de axudas para a apertura de escolas infantís en polígonos industriais, entre outras medidas que se suman a máis de 25.000 prazas de gardaría sostidas con fondos públicos.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS