Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 25.10.2014  | Actualizado 00.44

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

As contas de El-Rei

JOAQUIM VENTURA  | 29.12.2011 
A- A+

Unha das consecuencias da investigación dos negocios supostamente irregulares de Iñaki Urdangarín foi que a Zarzuela concedese dar publicidade aos gastos feitos contra a partida correspondente que as Cortes autorizan cando aproban os orzamentos xerais do Estado. Nese senso hai partidas que están xestionadas por diversos ministerios e as contas son intervidas trimestralmente por un funcionario especializado.

Niso estou ben tranquilo. A casa real española é máis barata que a británica, poñamos por caso, e os máis dos gastos, ou boa parte deles, serven para pagar os altos cargos da institución. Está ben que lle dean esa publicidade pero eu non pediría iso. Con todo, hai cousas que non me quedan claras. Se atendemos ao artigo 65 da Constitución a raíña nin a eventual parella de quen vai herdar non perciben salario. Cabe supoñer que os respectivos cónxuxes pagan cadansúa cotización á seguridade social. Non fose que houbese unha proclamación pacífica da república e quedasen só coa pensión.

Claro que a nova constitución podería establecer para a persoa reinante e un eventual herdeiro –non para o resto de descendentes e laterais- un estatuto semellante ao dos ex presidentes de goberno. Aínda así, triste papel o da raíña nai se só tivese dereito a unha pensión: ou por xubilación ou por viuvedade, a expensas da boa vontade do herdeiro xa coroado.

O que si que precisaría de publicidade, e diso a Constitución non fala nin ten por qué, son os negocios ou patrimonio privados do monarca e do herdeiro. Lembremos a figura de Cristóbal Pardo y Colón de Carvajal, conselleiro neses temas hai uns anos. ¿Ou acaso a real persoa non estaría afectada pola lei de incompatibilidades? Porque a cousa son fabas contadas. O orzamento da Casa Real é, como toda partida administrativa, cerrado e renóvase en cada exercicio, sen que poida haber excedente (de habelo queda para o Estado, co risco de que no exercicio seguinte se reduza).

Unicamente sería entendible que, dos salarios que cobran rei e herdeiro, sobrase algo e aforrasen. Iso si pero indicando canto é ese excedente e canto tributa polos beneficios que lle poida rentar (accións, propiedades, depósitos). A raíña Isabel de Inglaterra e o príncipe de Gales son propietarios de empresas agrícolas e é de coñecemento público. Pero en España ¿alguén sabería dicir que patrimonio ten El Rei? De seu, non de prestado para o uso pola Administración. Dígoo por simple tranquilidade dos cidadáns.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS