Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 19.02.2020 Actualizado 18:48
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CULTURA

As distincións "Setestrelo 2011" da Insua dos Poetas entregáronse este sábado no Carballiño

Un nutrido grupo de intelectuais déronse cita na reunión de homenaxe a Xosé María Díaz Castro

O poeta Luis González Tosar
O poeta Luis González Tosar

SANTIAGO. REDACCIÓN  | 08.07.2011 
A- A+

Este sábado, nun acto que comezará ás 12:00 horas e no que haberá poesía, música, homenaxes e que contará coa presenza do conselleiro de Cultura, Roberto Varela; do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e do presidente da Deputación de Ourense, Xosé Manuel baltar, serán entregadas as distincións "Setestrelo 2011" da Insua dos Poetas, en Esgueva (O Carballiño). Os premiados nesta ocasión son o Instituto de Estudios Carballiñenses; Arturo González Gil, que fora presidente do “Centro do Partido do Carballiño” en Buenos Aires; Arximiro Marnotes Rodríguez, que promoveu numerosas actividades a prol da cultura na diáspora; Galicia Hoxe, que fora único xornal diario en galego e xa desaparecido no seu formato de papel; o arquitecto Manuel Gallego Jorreto; o pintor Antón Lamazares e o Profesor Xesús Alonso Montero.

O programa inclúe:

12:00 hs.- Concerto da Banda Municipal do Carballiño, dirixida por Juan Soto.

12:45 hs.- Develamento da escultura "Nimbos de luz", da autoría de Xosé Cid. Actuación de dous solistas da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

13:00 hs.- Entrega dos galardóns "SETESTRELO 2011" da Insua dos Poetas a: Instituto de Estudos Carballiñenses, Arturo González Gil, Arximiro Marnotes Rodríguez, Galicia Hoxe, Manuel Gallego Jorreto, Antón Lamazares e Xesús Alonso Montero.

- Lembranza do poeta Xosé María Díaz Castro a cargo do profesor Luciano Rodríguez, da UDC.

- Presentación da carpeta "Nimbos de luz na Insua".

- Recital poético: Miro Villar, Fina Casalderrey, Luís González Tosar -na fotografía-, Víctor Campio Pereira e Salvador García-Bodaño.

ACTA DE CONCESIÓN DAS DISTINCIÓNS

Reunido na data de hoxe na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarnás, O Carballiño, Ourense) ás 12:00 hs do mediodía, o xurado encargado de outorgar as distincións “SETESTRELO 2011” da Insua dos Poetas, integrado por:
· Luís González Tosar, escritor e Presidente da Fundación Insua dos Poetas
· Maribel Outeiriño, xornalista.
· Xosé Cid, escultor
· Xan Fonseca Moretón, músico, Presidente da Sociedade
Filarmónica de Ourense e bibliotecario do Liceo.
· Antonio Piñeiro, escritor e secretario da Fundación Curros Enríquez
Actuando como secretario do xurado, con voz e sen voto, Xabier Castro Martínez.
Logo de examinar e debatir as diferentes propostas por parte dos membros do xurado, acordan, por unanimidade, conceder os galardóns “SETESTRELO 2011” ás seguintes persoas e institucións:

· Instituto de Estudios Carballiñenses. Creado no ano 1999, desde aquela data ven fomentando, orientando e coordenando o labor investigador nos diversos eidos da ciencia, da técnica, das artes e da cultura relacionadas co Carballiño e a súa bisbarra. Por iso merece este “SETESTRELO”. Recibe o galardón o seu presidente Avelino Muleiro García.
· Arturo González Gil. Nado no lugar dos Casares, no Concello do Irixo, fixo estudos no Seminario de Ourense e emigrou a Buenos Aires. Lonxe de esquecer a súa terra de orixe, Arturo participou activamente de moitas iniciativas culturais e sociais na colectividade galega da Arxentina, especialmente desde o “Centro do Partido do Carballiño”, en Buenos Aires, do que foi presidente.
· Arximiro Marnotes Rodríguez. Natural de Costoia, na parroquia de Santa Uxía de Lobás, emigrou a Buenos Aires en 1951 e, na capital arxentina, encabezou e promoveu numerosas actividades, especialmente na extinta “Sociedade de Lobás e a súa contorna”. Retornou en 1960 e foi alcalde do Carballiño de 1977 a 1991. Na súa persoa a Insua dos Poetas quere distinguir, tamén, o traballo a prol da cultura, desde a diáspora e desde a propia terra.
· Galicia Hoxe. Único xornal-diario en lingua galega que acaba de pechar a súa edición o pasado 28 de xuño. Herdeiro de “O Correo Galego”, iniciou a súa andaina o 17 de maio de 2003 e completou, con esforzo e ilusión 2.943 números. “Galicia Hoxe” foi unha fiestra aberta á información, plural e independente, na lingua propia de Galicia. Queremos destacar a súa contribución ao impulso da nosa literatura, especialmente a poesía, a través da sección “Maré” e do suplemento “Revista das Letras”.
· Manuel Gallego Jorreto. Naceu no Carballiño, doutorado na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, encetou a súa vida profesional no estudio de Alejandro de la Sota, despois de completar a súa formación en Noruega Erling Viksjø. Destacado profesor, membro fundador do Museo do Pobo Galego, do Seminario de Estudos Galegos e da Fundación Luis Seoane, Manuel Gallego Jorreto destaca pola condición ética da súa arqueitectura. A súa procura da expresión do universal a partir da presenza do particular, o seu rigor constructivo e, sobre todo, a súa sensibilidade paisaxística e poética, fan del un amigo fundamental para a Insua dos Poetas.
· Antón Lamazares. Lalinense de Maceira, estudante no Convento Franciscano de San Antonio de Herbón, Lamazares irrumpe con forza no panorama cultural de Vigo de finais dos 60. O seu referente é Galicia, a Terra Nai, e a partir dela, os pintores Laxeiro, Pesqueira e o grande fabulador Álvaro Cunqueiro. Logo de catro décadas de traballo e formación, a súa proxección internacional comeza nos 80 cando, utlizando materiais sinxelos e naturais, como a madeira, as follas, as codia das árbores, deslúmbranos cunha pintura expresionista dun cromatismo impactante e unha poderosa orixinalidade. Antón é un dos impulsores desta Insua dos Poetas.
· Prof. Xesús Alonso Montero. Resulta moi difícil condensar nunha breve presentación, innecesaria a todas luces, a personalidade, a obra e a palabra do noso galardoado. Ensaísta, poeta, sociolingüista, erudito investigador, orador brillante, Profesor, con maiúscula, Académico, Xesúa Alonso Montero é un cidadán crítico e comprometido cos que sofren, cos que pasan fame de pan e de cultura. Alonso Montero naceu en Vigo, pero hónrase en ser rebairao. As súas verbas apaixonadas resoaron desde a primeira edición nesta Insua.

Todos sete, de aí o “SETESTRELO”, destacan pola súa entrega e polo seu labor de difusión e promoción da cultura, pola súa sensibilidade co proxecto da Insua dos Poetas. Todos sete, cada un ao seu xeito, veñen sendo partícipes deste soño, deste diálogo permanente entre a literatura, a
artes plásticas, a música... en xeral a creatividade, neste espazo natural, neste locus amoenus que medra, ano a ano, nesta fraterna xuntanza entre cultura e medio ambiente.

Na Esgueva, a 8 de xullo de 2011

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS