Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

As eleccións municipais repetiranse este domingo nunha mesa de Burela

O alcalde en funcións explica que o pleno de investidura poderá celebrarse a primeira semana de decembro

LUGO. EP  | 14.11.2019 
A- A+

As eleccións municipais que tiveron lugar o pasado 26 de maio repetiranse este domingo, día 17 de novembro, nunha mesa do concello lucense de Burela por orde do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O alto tribunal galego estimou o recurso presentado polo partido Burela Sempre por seis votos que foron declarados nulos e que poderían darlle un edil a esta formación, que quedou a un sufraxio de obter representación.

Este partido independente impulsado polo alcalde de Becerreá, o exsocialista Manuel Martínez, obtivo un 6,03% dos apoios, pero non alcanzou representatividade, nunha corporación encabezada polos 6 edís do PSOE e completada polos 4 do PP e os 3 do BNG.

A data desta repetición foi fixada para este domingo polo Consello de Ministros o pasado 20 de setembro. Nesa reunión, aprobouse a convocatoria de eleccións en 35 pobos e 88 entidades menores nas que non se celebraron eleccións o 26M por falta de candidatos, así como en tres localidades nas que se anulou o escrutinio por irregularidades, entre elas, Burela.

NORMALIZAR A SITUACIÓN "CANTO ANTES"
En declaracións a Europa Press, o alcalde en funcións, o socialista Alfredo Llano, lamentou que a situación aínda non se normalizase e confiou en que se solvente "canto antes" tendo en conta que esta incidencia fai que o goberno municipal continúe "en funcións".

"O problema de todo isto é que pasamos moitos meses en funcións", incide o rexedor, que lembra que o resto de consistorios galegos celebraron o seu pleno de investidura o pasado 15 de xuño. Con todo, no caso de Burela, explica que esta non se poderá celebrar até a primeira semana de decembro.

Esta situación, conforme lamentou, condiciona e atrasa cuestións como a aprobación dos orzamentos xa que "non se poden tomar decisións que afecten ao próximo goberno, aínda que sexa o mesmo".

POSIBLES CAMBIOS
Alfredo Llano detallou que nesta mesa hai un total de 630 electores censados. "Hai que respectar exactamente os mesmos electores que había", explica o rexedor, que critica que houbese algunhas modificacións nas listas que, na súa opinión, non deberían producirse.

Así, indicou que mentres que nas pasadas eleccións concorreron sete forzas, nesta ocasión unha delas decidiu non renunciar a presentarse, CxG. Ademais, sinalou que Burela Sempre introduciu algún cambio na súa lista.

O alcalde lembrou que o 26 de maio votaron nesta mesa 403 persoas das 630 censadas. Un total de 157 votos foron para o PSOE, 107 para o PP, 66 para o BNG e 31 para Burela Sempre.

Á vista destes datos, conforme apuntou, poden darse diferentes escenarios. Así, apuntou que todo "pode quedar igual", que o PSOE pode recuperar un edil e ter a maioría, así como que o BNG perda un concelleiro que pasaría a Burela Sempre.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS