Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.06.2018 Actualizado 18:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

EN LIÑA

As empresas de Padrón buscan novos clientes a través de internet

O portal Padronvirtual.com crea un directorio de negocios dese concello e ofrécelles a todas as firmas a posibilidade de contar cunha maior presenza na rede a través dun espazo propio

HENRIQUE NEIRA   | 10.12.2010 
A- A+

INTERNET
A web Padronvirtual.com xa achega información sobre ducias de empresas deste concello próximo a Santiago de Compostela
FOTO: INTERNET

"Temos xa corenta empresas no portal e contamos con chegar a cincuenta este mesmo mes", explicaba onte para este xornal a responsable do Departamento Comercial de Padronvirtual.com, Marga Mourelle, quen sinalou que figurar neste directorio en internet só custa trinta euros o primeiro ano, e corenta euros a partir do segundo, pois "facemos un 25 por cento de desconto o primeiro ano para que a xente nos coñeza".

Se ademais unha empresa ou unha tenda busca ter unha presenza máis destacada na rede de redes, desde Padronvirtual.com ofrécenlles a posibilidade de "crear páxinas máis elaboradas para que poidan publicar noticias ou ofertas", e todo "baixo un sinxelo e intuitivo deseño web que lle permite ó internauta atopar a información que busca a golpe de clic", salientan desde o portal.

Aínda que soamente levan pouco máis dun mes traballando nesta web, Marga Mourelle explica que a idea é construír "no futuro" un portal similar para cada un dos outros dous concellos que forman parte da comarca do Sar, Rois e Dodro.

A razón está no feito de que "parece que os empresarios prefiren que cada concello teña a súa web e non estar todos nunha web comarcal, parece que así presentan mellor a súa oferta".

As empresas presentes no portal poden ser localizadas consultando as correspondentes categorías de actividade, pero tamén poden ser encontradas buscando polo seu nome se quen visita a web xa o coñece. Hai desde establecementos de restauración e hostalería, ata unha perruquería, unha tenda de decoración, outra de mobles ou unha de informática, entre que as que están xa plenamente operativas.

Cada micrositio ou miniweb creado no portal contén os datos de contacto da empresa ou tenda, informa das características do negocio, achega unha descrición dos servizos que presta ou dos produtos que vende, aproveita as vantaxes do servizo de localización que ofrece Google, e mesmo pode incluír unha galería fotográfica, así como accesos directos ás páxinas na rede dos propios establecementos e outras informacións de interese.

Así mesmo, desde a portada pódese acceder ós distintos apartados nos que se anuncian as últimas ofertas e novidades das empresas do portal de xeito colectivo, e acceder a servizos adicionais.

Entre estes servizos complementarios podemos indicar o que permite consultar algunhas ofertas de emprego da zona e publicar demandas, consultar noticias, ou atopar información de interese sobre o concello de Padrón: que ver, como chegar á vila, teléfonos de interese, información meteorolóxica, ligazóns a webs relacionadas con Padrón ou simplemente de interese xeral, e mesmo o rueiro no núcleo urbano padronés que achega Google Maps.

Tamén hai un espazo reservado na portada da web para crear proximamente unha galería fotográfica que polo de agora está aínda en construción, tal como se indica no portal.

A iniciativa tivo ata o momento unha boa aceptación entre o tecido empresarial e comercial de Padrón, xa que moitas empresas que se sumaron non dispoñían de páxina web aínda e esta "é unha forma útil e económica de publicitarse en internet", lembran.

Marga Mourelle indica optimista que "esperamos chegar o próximo ano a unhas cen empresas, porque aínda temos moitas que ir visitar para explicarlles como funciona o portal".

Actualmente, no proxecto traballan tres persoas, unha a tempo completo e dúas a tempo parcial, para ir desenvolvendo cada unha das iniciativas programadas.

As persoas que visitan a web teñen a posibilidade de participar nos sorteos que organiza Padronvirtual.com, e mesmo no futuro descargar cheques promocionais ou de desconto -na actualidade ese apartado funciona, polo que parece, como demostración-.

Entre as iniciativas de promoción postas en marcha por Padronvirtual.com, o próximo 17 de decembro realizarase un primeiro sorteo dunha cámara dixital e un lote de produtos informáticos entre todos os visitantes da web que desexen participar nel, "para o que tan só terán que cubrir un formulario e envialo, desde o enderezo www.padronvirtual.com".

O portal compleméntase cun perfil creado na popular rede social Facebook e unha canle na web de vídeos YouTube, o que lles permite difundir mellor as súas iniciativas presentes e futuras ou mesmamente os atractivos turísticos e culturais da vila padronesa. Por exemplo, neste momento o que hai é un vídeo sobre a Casa Museo de Rosalía de Castro e outro sobre o Convento do Carmo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS