Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

As novas propostas de graos da USC, atadas á singularidade dos campus e ás necesidades sociais e laborais

A universidade compostelá proponse reducir ou agrupar programas de doutoramento para "racionalizar" a oferta

Reunión do Consello de Goberno da USC  - FOTO: USC
Reunión do Consello de Goberno da USC - FOTO: USC

SANTIAGO. EP  | 05.12.2019 
A- A+

Especialización, singularidade, adaptación ao mercado laboral. Estas son algunhas das palabras chave que marcarán as novas propostas de titulacións ou modificacións dos plans de estudos oficiais de grao e de máster para os próximos anos na Universidade de Santiago de Compostela.

O Consello de Goberno da USC reuniuse este xoves en sesión ordinaria para abordar, entre outras cuestións, os criterios para elaborar novas propostas de títulos, que estarán caracterizados por dous eixos: a especialización e a racionalización da oferta docente.

Deste xeito, estas propostas de novos graos e de titulacións de máster deberán ter en conta "a singularidade dos campus", de modo que permitan "una certa especialización" e "complementen tanto a oferta global da USC como a xeral do Sistema Universitario de Galicia".

O documento vai en sintonía cos obxectivos trasladados pola propia Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que sempre chamou a favorecer a singularidade, a especialización e a racionalización das titulacións de cada institución académica e a xerar unha oferta de títulos complementaria.

A segunda das liñas básicas destes criterios tamén se corresponde con outro das mensaxes defendidas polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, é dicir, a adaptación ao mercado laboral e á empregabilidade dos mozos. Os novos títulos terán que atender "as necesidades emerxentes tanto desde o punto de vista social como laboral" antes de formalizarse como proposta para o proceso de acreditación e aprobación final.

RACIONALIZAR A OFERTA
No relativo aos doutoramentos, a USC dará prioridade a programas multidisciplinares que resulten "máis atractivos" e que permitan "optimizar recursos" de PDI e a "racionalización da oferta" estará baseada na calidade e as necesidades do panorama investigador e económico.

A racionalización da oferta de programas de doutoramento poderá acometerse mediante unha redución do número como agrupando aqueles que conten con liñas de investigación complementarias.

O Consello de Goberno tamén abordou a convocatoria de Bolsas Comedor do Servizo Universitario de Residencias para este curso, destinadas aos estudantes residentes nestas instalacións. As axudas oscilarán entre os 200 e os 1.700 euros por alumno.

Entre outras cuestións, tratouse a 'Cátedra Institucional de Cronicidade', unha das primeiras da súa natureza e que pon ás persoas que padecen estas doenzas no "centro da atención sanitaria" e "do discurso". Estará dirixida polo profesor Antonio Pose, xefe do servizo de Medicina do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS