Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

As orellas do lobo

XOSÉ A. GACIÑO  | 16.11.2019 
A- A+

Cantos deputados de ultradereita necesitaban para verlle as orellas ao lobo? Polo visto, os 24 que foron elixidos en abril non foron suficientes para alarmar ás esquerdas (ás dereitas, mesmo chamándose de centro-dereita, non só non lles alarma senón que os aceptan con naturalidade no seu círculo de aliados). Agora en novembro, con 52 deputados ultradereitistas dispostos a depurar en canto poidan os “excesos” da democracia (incluídos os que contaron no seu día co apoio dos seus aliados da dereita), parece que xa lle viron as orellas ao lobo e se esqueceron rapidamente das diferenzas presuntamente insalvábeis que impediron o acordo na investidura de xullo.

Quizais os socialistas, como din, non buscaron expresamente chegar á repetición das eleccións, pero non parece que se preocupasen demasiado por evitalo, mentres os seus socios “preferentes” (agora xa efectivos), Unidas Podemos, por desaproveitar unha oferta que consideraban insuficiente, colaboraban na frustración. Tras a investidura fallida de xullo, os socialistas deixaron correr o tempo sen intentar novas negociacións en serio até esgotar o prazo de dous meses que marca a convocatoria automática de eleccións. Tampouco atopaban sinais de colaboración desde outras forzas políticas (Ciudadanos contaba entón co número suficiente de deputados para sumar unha maioría absoluta), pero a responsabilidade -e o interese- de traballarse activamente as posibilidades de investidura era da forza que contaba con maior número de escanos. A impresión que transmitiron, desde logo, foi a de que chegar a repetir eleccións era a súa estratexia. Unha estratexia moi arriscada como veñen de demostrar os resultados do 10 de novembro.

Non facía falta ser un experto en prospectiva para pensar que a sentenza do procés ía provocar mobilizacións en Cataluña e que, a pouco que esas mobilizacións se radicalizasen, se converterían en propaganda electoral complementaria para as forzas que defenden as liñas máis duras contra o unilateralismo independentista (quizais é iso precisamente o que buscan os sectores máis extremistas do independentismo pola vella teoría de acción/reacción?). Iso unido ao non menos previsíbel desencanto do electorado de esquerdas, con independencia de a quen botasen a culpa da falta de acordo, reducía as posibilidades de cumprir as previsións dun aumento do voto socialista que se daban en setembro (e que reflexaba a criticada enquisa do CIS, que se fixo pública cando xa estaba desfasada).

Agora afrontan a formación dun novo goberno con menos apoio parlamentario directo que en xullo e con menos posibilidades de apoios indirectos (abstencións). Xa o advertira entón o portavoz de Esquerra Republicana: que a abstención que lle estaba a ofrecer nese momento quizais non a podería manter en outono (a endiañada competencia electoral, que lle impide aos líderes independentistas volver á realidade para non ser tachados de traidores). En canto ás dereitas, nunca mostraron intencións de facilitarlle as cousas a Sánchez, con quen tanto o PP como o afundido Ciudadanos parecen manter unha sorte de rexeitamento persoal permanente desde a moción de censura, e ante a coalición con Unidas Podemos considéranse automaticamente liberadas de calquera tentación de abstención “patriótica”.

Criticados hai sete meses por non pactar. Criticados agora por pactar. A síndrome de campaña electoral, que non remite. Esperemos que, despois das orellas, non lle vexamos ao lobo os dentes.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS