Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

As persoas dependentes son un problema da sociedade

MANUEL MERA  | 14.10.2019 
A- A+

Non hai dúbida que a dependencia das persoas é un dos grandes retos das sociedades actuais, moi especialmente naquelas como Galiza que están a vivir un retroceso demográfico, e un vertixinoso cambio nos modos de vida. O debate político sobre o tema vai por detrás da situación social, ao que evidentemente contribúe o carácter subalterno do noso país, no só no aspecto económico, senón tamén no político e na existencia de ideas dominantes que non sempre responden á nosa realidade.

O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG hai máis dun ano que iniciou unha campaña sobre estema tema, e destaca nas súas otavelas que só hai tres prazas nas residencias por cada 100 pensionistas. Segundo dados do Imserso, no ano 2017 había na Galiza 11.858 persoas dependentes sen atender con dereito a prestación, dun total de 67.228. Pola súa banda un informe da central sindical nacionalista salientaba que a axuda a domicilio era a prestación máis frecuente, atinxindo o 32% das persoas dependentes, ou sexa 20.465. Outras 13.392 recibían achegas económicas por coidado de familiares, e 20.285 estaban en residencias. Estas constitúen só o 5,5% do total de prazas do Estado español, menos que a porcentaxe de habitantes de Galiza.

O noso país, xunto con Andalucía, era a cuarta autonomía con menos prazas nas residencias por habitante con máis de 65 anos. Ademais, un 79,5% das 342 residencias tiña carácter privado. É dicir tiñan como obxectivo fundamental o lucro. Polo tanto, as familias teñen que pagar total ou en gran medida o custe da estancia nestes centros, que non son precisamente accesíbeis para un salario baixo e medio, ao que se engade a oposición de moitas persoas maiores a deixar o fogar, a maioría das veces por prexuízos infundados. Por ambos motivos, especialmente a económica, a atención por parte de familiares é a solución obrigada, a diferencia dos países do norte de Europa, onde as residencias públicas practicamente abranguen o total das necesidades.

A falta de oferta pública de prazas para persoas dependentes en residencias é unha cuestión estrutural e de vontade política que agrava o problema, tendo en consideración a tendencia demográfica, polo que se lle debería dar prioridade, se se quere evitar unha situación insostíbel para unha boa parte das persoas dependentes e das familias. Co engadido de que esta eiva limita a plena utilización da poboación ocupada existente, xa que está tamén ocupada na atención das persoas dependentes. Por outra banda, a utilización das residencias públicas como a solución normal para as persoas dependentes, daría pulo á profesionalización que sería unha gran fonte de emprego, algo moi positivo tendo en consideración as necesidades sociais e a alta taxa de paro.

O coidado familiar das/dos dependentes hipoteca en moitos casos e durante moitos anos a vida das persoas que os atenden, non é unha solución. Para evitar estas situacións, ademais de que funcione a solidariedade a través dos servizos públicos, cómpre un debate social que coloque a problemática do benestar mutuo da familia e da colectividade no seu xusto lugar. Hai que rexeitar modelos de aparencia que aumentan o número de persoas nas familias impedidas de facer unha vida normal. Sacrificios individuais que en moitos casos tampouco son a solución máis acaida para as persoas dependentes.

É necesario que a prestación pública á dependencia se estenda a todas aquelas persoas que non teñan recursos abondo, ou que os complete, que os aloxamentos sexan dignos, en habitacións individuais e cunha atención axeitada. Non poden ser cuarteis, como sucede moi a miúdo, agás para aqueles/as que pagan suplementos que non están ao alcance de todos. De pouco vale gabarse de que a media de idade é moi alta no país, cando moitas das persoas maiores vense obrigadas a vivir en condicións indignas, nunha etapa da súa vida na que non teñen ningunha capacidade para evitalo.

Tampouco se pode esquecer que a atención á dependencia, tanto das persoas maiores como daquelas que o son por outros motivos, afecta esencialmente ás mulleres, un 87% do total. É verdade que un 63% das persoas dependentes atendidas nos fogares son do sexo feminino, mais aínda así o diferencial de xénero para atender estas situacións é clarisimo, e obedece a unha distribución familiar do traballo no fogar que non é xusta. Ademais, seis de cada dez coidadores/as sofren depresión, debido a que normalmente a atención alongase toda a xornada, sen vacacións e durante moitos anos. Dá para reflexionar sobre os custes humanos, tanto das persoas dependentes, tendo en consideración que o avellentamento da poboación vai a máis, como sobre os familiares que os/as deben atender, sacrificando anos de vida. Non é xusto, nen solidario. Daquela a importancia e urxencia da profesionalización da atención as persoas dependentes, así como garantir residencias de titularidade pública como a opción prioritaria.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS