Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

As vantaxes da planificación e dun sector público forte

MANUEL MERA  | 29.11.2018 
A- A+

Non se pode ignorar que os Estados Unidos son a maior potencia do planeta, e que está a tomar todo tipo de iniciativas, algunhas desesperadas, para manter ese status (por non o ter garantido).    Asemade acelerouse a concentración e centralización do poder e da riqueza, en prexuízo das clases populares e das nacións subalternas, mesmo da maioría das que teñen estado propio. Tampouco se pode ignorar que a última crise, que encetou nos Estados Unidos foi transferida con éxito ás potencias subalternas e á periferia, grazas ás súas empresas tecnolóxicas e doutras áreas, como a financeira; que ademais alargaron seu control por unha boa parte do mundo. Ao que axudou que esta potencia sexa a maior forza militar, con bases en máis dun cento de países. Un aspecto non menor, porque en último estremo a correlación de forzas decidirase por medio das armas, e da capacidade que se posúa para neutralizar as que teña a potencia adversaria.

Feita esta breve introdución, nun intre no que se volve a falar dunha nova crise económica, neste caso pola inmensidade das débedas soberanas, por mor dos erros e limitacións da xestión privada cuxos custes foron transferidos ao sector público en termos económicos. Mais non se pode obviar outras consecuencias, que afectan a vida das persoas, como son a destrución da natureza, o aumento da explotación e opresión, o medre da economía delitiva, somerxida e a corrupción, o esgotamento de recursos. Ademais están abertos frontes militares en moitas partes do mundo, e son de especial intensidade no Oriente Próximo e no Pacífico. Ou sexa, que son apreciábeis os limites do capitalismo, na súa etapa senil, e polo tanto do medre exponencial das contradicións, non só entre as grandes potencias, senón tamén dentro do bloque hexemónico e aliados, xa que cada vez hai menos que repartir.

E neste contexto de falta de solucións que abranguesen ás maiorías por parte do capital, repítese con teimosía, cos argumentos máis absurdos, polos medios dominantes e os personaxes representativos do sistema que non existe outra alternativa. Daquela que se faga revisionismo histórico sobre o papel da Unión Soviética, que se satanice a todos os países nos que existe, ou se realizaron, políticas de intervención pública na xestión empresarial, de fortalecemento dos servizos e prestacións en mans do Estado, e sobre todo de impulsar o reparto da riqueza e do traballo, como se fosen experiencias que están condenadas ao fracaso[i]. Mesmo ignorase que a Europa occidental anti-comunista tiña un importante sector público financeiro e empresarial, do que aínda quedan restos nalgúns países. A campaña é tan forte que son contadas as forzas de esquerda que defenden a nacionalización dos sectores estratéxicos, por exemplo, como a banca, enerxía, telecomunicacións e transporte, malia que unha parte moi grande da poboación está a favor. Mesmo foise privatizando a xestión de servizos públicos fundamentais, como a educación, sanidade, dependencia, servizos municipais, etc.

Porén, non se pode negar por máis tempo o que é unha evidencia: o éxito económico de China a esta altura xa non se pode asimilar con man de obra barata, produtos e servizos de baixa calidade, e dependencia no desenvolvemento das corporacións das potencias hexemónicas. China neste intre compite na produción industrial de produtos elaborados e tecnoloxía punta, gañando novos mercados internacionais, e cun ritmo de crecemento interno dos servizos e consumo espectacular. Todo ilo acompañado por un medre do emprego e dos salarios. Hoxe os salarios na industria son superiores aos de Bulgaria e México, por poñer dous exemplos. Coa diferencia de que o ritmo de crecemento é moi superior e mais constante en China. Cales son as diferencias para obter estes resultados? Evidentemente a capacidade do Goberno para planificar a economía, e poder garantir que as decisións se executen, grazas a contar cun sector financeiro estatificado, que moitas das grandes corporacións da industria e dos servizos no país son públicas ou este é o capital maioritario.

A este respecto, unha análise da Comisión para o informe Economic Review e Seguridade EUA-China, di sobre o tema: "A participación de propiedade e control estatal da economía chinesa é grande. Baseado en suposicións razoábeis, parece que o sector público visíbel- empresas estatais e entidades directamente controlados por empresas estatais- representan máis do 40% do PIB non agrícola de China. Se consideramos as contribucións das entidades controladas indirectamente, colectivos urbanos e empresas públicas municipais, a proporción de propiedade e control do estado PIB é de case o 50%. " Os grandes bancos son estatais e as súas políticas de crédito e de depósito son dirixidas por parte do goberno (para o desgusto do Banco Central de China e outros elementos pro-capitalistas). Non existe libre fluxo de capital estranxeiro dentro da China”.[ii]

En realidade a contribución positiva da empresa pública, non se dá exclusivamente en China, tal como sinala Michael Roberts nun artigo[iii] contradicindo así, con dados, a opinión dominante nos medios e que predican a patronal e os partidos sistémicos. O economista británico salienta que entre as cincocentas empresas internacionais de maior rendibilidade, a proporción de empresas públicas pasou do 9% en 2005 ao 23% en 2015, destacando as empresas chinesas.

O crecemento da economía de China é produto esencialmente das vantaxes dun modelo planificado e un forte sector estatal, deixan en evidencia as limitacións e o carácter regresivo do sistema socio-económico en mans das grandes corporacións privadas. Outro debate distinto é, o tipo de democracia, o papel das minorías nacionais, se o modelo chino garante a centralidade dos intereses da clase traballadora,  até onde o sector privado é compatíbel co reparto (mais non se pode esquecer, que estas tamén son eivas das potencias occidentais, e que van a máis). Contra esta opción alternativa, que mesmo medrou no marco da globalización neoliberal que as potencias occidentais impuxeron, é que agora (unha vez que saíu o xenio da botella) que controlar ou esmagar os Estados Unidos e seus aliados.  Utilizando con este fin a súa hexemonía nos medios, no sector financeiro e especulativo, e no eido militar. Isto é o que lle preocupa sobre todo ao capitalismo, así como o tremendo aumento da desigualdade entre clases sociais e entre países, dando folgos a contradicións que pretenden esmagar, frear ou suplantar (dando folgos á fragmentación das loitas populares). Estas cuestións centrais tamén deberían ser centro de atención e debate da esquerda anti-sistémica, especialmente daquela ligada a conquista da soberanía nacional e popular.

Todos os escenarios están abertos. Os da guerra e os da paz. Os do mundo unipolar e do multilateralismo. Os dunha maior explotación e opresión, ou dunha socialización do traballo e da riqueza con solidariedade entre os pobos. Ficamos nunha conxuntura histórica, daquela a situación tan complexa no económico, social e político.

Manuel Mera


[i]  Aceptando o capital como única excepción a esta regra, cando este reparto do traballo ten como finalidade a precariedade e rebaixa de salarios. Por exemplo, con contratos a tempo parcial e a  rotación na contratación temporal, entre ocupados/as eventuais e desempregados/as; socializando así o traballo e os ingresos salariais máis baixos, aumentando a competitividade dentro da clase traballadora e optimizando os beneficios empresariais.

[ii]   http://www.rebelion.org/noticia.php?id=238555

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS