Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 12.12.2018 Actualizado 13:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

As vendas da agricultura ecolóxica de Galicia crecen un 42% en 2017 e superan os 59 millóns de euros

Os operadores soben un 13%, mentres a superficie inscrita aumenta un 15% e a Xunta aspira a 40.000 hectáreas certificadas en 2021

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, co presidente do Craega, Francisco López, co secretario, Javier García, e coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. - FOTO: Xunta
A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, co presidente do Craega, Francisco López, co secretario, Javier García, e coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. - FOTO: Xunta

SANTIAGO. EP  | 16.04.2018 
A- A+

As vendas certificadas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia creceron un 42% en 2017 en relación co ano anterior, de modo que superaron os 59,09 millóns de euros.

Ademais, os operadores subiron un 19,91%, até superar o milleiro, mentres a superficie inscrita aumentou un 15,15% e rolda as 32.000 hectáreas. A meta que se fixa a Xunta é contar con 40.000 hectáreas certificadas en 2021, segundo avanzou este luns a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Na rolda de prensa de presentación do balance do consello regulador, o seu presidente, Francisco López Valladares, falou de "un bo ano" en termos xerais, con datos "excepcionais" que "superan as previsións máis optimistas".

López Valladares esperou que o plan estratéxico do Goberno galego supoña o "impulso final" para o sector, documento "xa pechado", segundo adiantou a titular do departamento autonómico, que prevé presentar "en breve".

Pola súa banda, o secretario da organización, Javier García Lozano, atribuíu ás axudas de Medio Rural, "fundamentalmente", o incremento rexistrado desde 2015, do 109% na superficie total inscrita.

Aínda que o crecemento da superficie inscrita non foi "uniforme" por provincias (o +303,67% de Pontevedra, até 5.745 hectáreas; choca cun -17,5% en Ourense, até 8.241), a evolución das vendas foi máis homoxénea.

Así, incrementouse un 45% o volume vendido en Lugo (até 22,02 millóns), un 44% na Coruña (até 10,4 millóns), un 40% en Pontevedra (até 18,12 millóns) e un 35% en Ourense (até 8,55 millóns).

OS MAIORES AUMENTOS: CEREAIS, FROITEIROS, ACEITES
Por produtos, os maiores repuntes déronse en cereais (+146%, até 5,4 millóns), en froiteiros (+126%, até 1,58 millóns) e en aceites (+105%, até 1,46 millóns).

Ao lado contrario, só baixaron as vendas de tubérculos (-52%, até 7,95 millóns), xa que o consello regulador ten inscritos en zonas nas que non se pode cultivar debido á praga da pataca.

Entre outras cifras, o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia destacou que o produto certificado de orixe animal representa o 54,66% das vendas, así como o feito de que "gañan peso" os elaboradores, algo que valora "moi importante" porque "son os que pon os produtos nos lineais".

"CRECEMENTO IMPARABLE"
Pola súa banda, a conselleira chamou a atención sobre outros números, como os que sitúan a Galicia, neste contexto de "crecemento imparable", como "primeira comunidade" en explotacións de leite ecolóxico e segundo en aves de curral para carne e no ámbito apícola (con máis de 40 explotacións).

A maiores, apuntou á produción de 12,5 millóns de ovos ecolóxicos, e reivindicou que este sector supón "unha vía de calidade extrema" para "diferenciarse" que está "a xerar riqueza e emprego" na comunidade.

Na quenda de preguntas, os responsables do consello regulador explicaron que o que queda "máis" en Galicia son os produtos hortícolas, que se cultivan na contorna de Santiago, da Coruña e de Vigo e que "abastecen aos consumidores das grandes cidades, onde máis se consome produto ecolóxico".

Os produtos lácteos "case todos" se dirixen para usuarios de Galicia e resto de España, tamén, segundo proseguiron, mentres que viños e sidras destínanse a "toda Europa e fóra de Europa" e a castaña vai en máis dun 80% para fose da comunidade (Estados Unidos, Suíza, Xapón e a Unión Europea entre outros lugares).

Pola súa banda, máis da metade das conservas destínanse a fóra de España e os produtos cárnicos van "case todo" para España, segundo o Consello Regulador.

O PRODUTO CASEIRO, "PRINCIPAL PROBLEMA"
Alemaña é o primeiro destino a nivel internacional e, pese a que "aínda non" se converxeu co nivel de consumo en Europa, os responsables do organismo destacaron que "a converxencia está aí".

"O principal problema do produto ecolóxico (en Galicia) é o produto caseiro", recoñeceron, xa que noutras comunidades "non hai nin aldeas nin produto caseiro", pero "aquí quen máis quen menos ten un familiar" que llos proporciona.

Imprimir

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS