Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 13:50
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Incremento dos pedidos do 5,5%

As vendas da industria aumentan un 6,3% en setembro en Galicia

SANTIAGO. EP  | 21.11.2019 
A- A+

A cifra de negocios da industria aumentou un 6,3% en setembro en Galicia en relación ao mesmo mes do ano anterior, taxa 5,2 puntos superior á rexistrada pola media, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Mentres, a entrada de pedidos do sector na comunidade autónoma experimentou un ascenso do 5,5% neste período, tamén en taxa interanual.

No conxunto estatal, as vendas da industria subiron un 1,1% respecto de setembro de 2018, mentres que as entradas de pedidos do sector aumentaron un 1,2%.

Co dato interanual de setembro, tanto a facturación como os pedidos da industria regresan a taxas positivas despois de afundirse en agosto un 3,7% e un 4,6%, respectivamente.

No entanto, corrixido o efecto calendario e a estacionalidade, a cifra de negocios da industria retrocedeu un 1,6% interanual en setembro, oito décimas menos que en agosto, mentres que os pedidos caeron un 1,1%, taxa case un punto superior á do mes anterior.

En termos mensuais (setembro sobre agosto) e corrixindo a estacionalidade e o efecto calendario, a facturación da industria retrocedeu un 1,4%, a súa maior caída mensual desde decembro de 2018, en tanto que as entradas de pedidos diminuíron un 1,8%, en contraposición ao avance do 0,6% experimentado o mes anterior.

ESBORRALLE DE VENDAS E PEDIDOS DE ENERXÍA
Por sectores industriais, a enerxía foi o que máis recortou as súas vendas no noveno mes do ano, cunha caída interanual do 14,3%. Seguíronlle, aínda que a moita distancia, os bens de consumo duradeiros (-0,4%). En cambio, subiron as vendas nos bens de consumo non duradeiro (+6,9%), nos bens de equipo (+2,9%) e nos bens intermedios (+0,1%).

Por comunidades autónomas, a cifra de negocios da industria diminuíu en seis delas, sobre todo en Andalucía (-9,1%) e Comunidade Valenciana (-6,2%), e aumentou en once, especialmente en Navarra (+17,1%), Madrid (+9,2%) e Galicia (+6,3%).

En canto aos pedidos, a enerxía tamén rexistrou en setembro o maior retroceso interanual, un 14,3%, seguido dos bens intermedios (-0,2%). No resto rexistráronse ascensos: os pedidos subiron un 5,5% nos bens de consumo non duradeiro, un 5,2% nos bens de equipo e un 0,8% nos bens de consumo duradeiro.

O pasado mes de setembro, as entradas de pedidos aumentaron en trece rexións, encabezadas por Navarra (+24,3%), A Rioxa (+7,8%) e Castela e León (+6,6%), e baixaron en catro: Andalucía e Asturias (-10,4% en ambos os casos), Cantabria (-6,7%) e Comunidade Valenciana (-3,5%).

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS