Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

'As voces baixas', a nova novela de Manuel Rivas, debulla os seus recordos de infancia e adolescencia

Pode considerarse unha obra autobiográfica en certa parte e onde todo pode ser verdade ou non tanto

MADRID. EP  | 12.10.2012 
A- A+

"As voces baixas é a novela da vida". Así define Manuel Rivas a súa nova novela, unha obra intimista, delicada e singular, na que o autor vai debullando recordos da súa infancia e adolescencia, que se suceden a mercede do suave vento da memoria.

Neste sentido pode considerarse unha obra autobiográfica en certa parte e onde todo pode ser verdade ou non tanto, e na que o Rivas neno vai descubrindo --cunha mestura de medo, estupor e marabilla-- o que de extraordinario hai na xente corrente, ao tempo que o Rivas adulto ensina o inmenso amor que sente pola súa familia e o seu profundo respecto pola literatura.

Este libro arranca co primeiro medo que senten Manuel e a súa irmá María e ten que ver coa monarquía, máis concretamente cos Reis Católicos ou, para ser máis exactos, con dous xigantes cabezudos representando os Reis Católicos.

O seu primeiro asento no parvulario, ese no que durante un ano se sinta Manuel, é unha maleta, a maleta do emigrante. A súa primeira viaxe é á fin do mundo; o seu tío non mentía cando lle dixo que chegarían a Finisterre. A súa primeira nación ten forma de triángulo: o cemiterio de San Amaro, a prisión provincial e o faro eran os seus vértices.

FAMILIA DE LITERATURA

Os nenos clandestinos escoitan as voces baixas na escaleira. O avó labrador fala, o avó carpinteiro cala. As avoas non se coñecen; a materna morreu antes de que iso fose posible, a outra dedicou parte da súa vida á costura.

O pai de Manuel garda certo parecido con Robert Mitchum, con esa cicatriz na barbela, por culpa dunha vaca e un avión. Á nai de Manuel gústalle ler sobre santos e santas, coas súas vidas extremas, radicais e tolas; ao seu tío Francisco, o barbeiro, o que lle gusta é contar historias; á súa irmá María, escribir. O da literatura vénlle de familia a Manuel.

"Non sabemos ben o que a literatura é, pero si que detectamos a boca da literatura. Ten a forma dun rumor. Dun murmurio. Pode ser escandalosa, incontinente, enigmática, malfalada, balbuciente. Eu coñecín moi pronto esa boca. En aquel momento era, nin máis nin menos, a boca da miña nai falando soa", sinala o autor.

Segundo avanza a editorial Alfaguara, o amor e a ironía do escritor galego sosteñen a pulso o retablo humano que este libro cunha mirada íntima, tenra, poética, enche de humor e dor sobre os primeiros quince ou, como máximo, dezaoito anos do autor, coa familia nese mar de fondo e onde sempre está presente a irmá maior, María.

Co recordo da súa irmá María, o desa "rapaza anarquista que sempre abría camiño", Manuel Rivas abre e pecha as páxinas de As voces baixas -- o Rivas adulto, casado, pai de dous fillos, aparece excepcionalmente no último capítulo para despedirse de María--, coma se a obra quixese ser unha sinxela e discreta homenaxe á súa irmá, sinalan dende a súa editorial.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS