![]() |
Hai nesta novela de Pedro Feijoo, -que abre unha dimensión de entusiasmo no autor (finalista do Premio Xerais e esgotada a primeira edición) e nos lectores, unha sorte de débeda coa memoria, persoal (da que o novelista extrae e fusiona lembranzas dun pasado familiar e íntimo) e colectiva, onde a urbe, Vigo como motivo recorrente e base poderosa, claro está, mantén a pulsión do acontecido no discurso narrativo ofrecendo unha singular visión de verosimilitude e unha perspectiva novidosa que agradecemos en cada capítulo.
‘Os fillos do mar’ (Editorial Xerais), unha novela de máis de catrocentas páxinas nas que o lector observa, debruzado na varanda dun tempo e nos balaústres dunha realidade social ben identificada, espazos e personaxes que van cicelando a historia, mellor as historias, cosidas e enleadas: guerra civil, narcos, nazismo, Rande, o galeón Santo Cristo de Maracaibo… As partes, coma elos con nomes propios (Simón, Mariña, Daniel, Eneas e Troia), marcan tempos e limitan narracións que van do presente ao pretérito en constantes reviravoltas coa historia onde Simón (con trazos de antiheroe e marcas na epiderme do que somos todos) entra no protagonismo logo de recibir un traballo, un proxecto de reforma arquitectónica: “Resucítanos, amigo Simón. Baixa até as orixes, e fai que o son das augas rideiras nos traia novas músicas de vida a esta familia...”.
Intriga, achádegos, misterio… na procura das chaves agochadas que abran silencios e paixóns (co mar como pano de fondo) desde a xeografía olívica que configura unha proxección cinematográfica diante da nosa lectura.
E sempre o tempo á espreita e o mar golpeando cada recanto da narración: “E eu teño os mapas destas augas, as vías que levan ao tesouro /…/ Escoitade agora, e habedes comprender por que estades aquí…”.