Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 07.04.2020 Actualizado 21:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Ascende a 76 o número de usuarios infectados en residencias de maiores galegas e a 21 os traballadores

SANTIAGO. EP  | 25.03.2020 
A- A+

O número de casos positivos por coronavirus en residencias de maiores galegas ascendeu nas últimas horas até os 97 casos, 76 usuarios destes centros e 21 traballadores dos mesmos.

Así o confirmou a Consellería de Política Social este mércores a Europa Press. O último dato sobre residencias anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na pasada xornada cifraba en 57 os casos positivos de persoas maiores ou dependentes, con todo nas últimas horas sumáronse1 19 máis a esta cifra.

O maior número de residentes infectados atópase na Domus Vi Barreiro de Vigo, con 30 casos positivos (12 máis que en onte); despois contabilizáronse 13 na residencia San Carlos de Celanova (Ourense); 13 na Domus Vi San Lázaro de Santiago (dous máis que onte); nove na Residencia O Portazgo da Coruña (un máis); catro na Domus Vi de Cangas (tres máis) e apareceu un novo caso no centro de Castro Caldelas (Ourense).

Noutras mantense o número de afectados da pasada xornada: tres na Fogar Bellolar da Coruña; dous na nosa Señora de Fátima en O Barco (Ourense) e un na Nosa Señora da Asunción en Caldas de Reis (Pontevedra).

Por outra banda, tamén se contabilizaron os traballadores que prestan servizo nestas residencias e que padecen o virus. En total hai 21 empregados afectados, 14 deles na San Carlos de Celanova, 5 na Domus Vi Barreiro de Vigo, un na residencia A Esperanza San Rosendo (Ourense) e un na San Simón de Teo (A Coruña).

TRASLADO A RESIDENCIAS HABILITADAS
Para tentar frear os diferentes brotes nas residencias de maiores --colectivos vulnerables e de maior risco-- a Xunta decidiu habilitar e adecuar dous centros en Ourense e Santiago para trasladar aos afectados e que poidan ser atendidos alí, en lugar de illalos onde se atopaban a risco de seguir expandindo a epidemia.

A residencia ourensá de Baños de Molgas (con 93 prazas) xa comezou a recibir pacientes que deron positivo. En concreto, onte foron trasladados até alí 11 usuarios da San Carlos de Celanova; mentres que as autoridades sanitarias esperan a confirmación de novos casos tanto na provincia de Ourense como na de Pontevedra para evacualos.

Pola súa banda, as instalacións de Porta do Camiño (Santiago) adecuáronse para recibir a pacientes da provincia da Coruña e Lugo. Ao mesmo tempo, fontes de Política Social explicaron que sobre 60 residentes dese centro, que atopan en bo estado de saúde, serán trasladados durante o día de hoxe ao Hotel Congreso para "deixar espazo e poder levar a Porta do Camiño" aos casos que se confirmen nestas dúas provincias.

Nestas dúas residencias integradas galegas o control sanitario será "máis intensivo" e iranse trasladando paulatinamente a "persoas con patoloxías complexas e positivos" en coronavirus, segundo explicou Núñez Feijóo a pasada xornada.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS