Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Ata sempre, Jordi Canal

JOAQUIM VENTURA  | 13.11.2018 
A- A+

Chegou o correo electrónico enviado pola Biblioteca La Bòbila, que comunicaba formalmente a xubilación do seu director, Jordi Canal. Esta biblioteca e o centro cultural que a acolle, toman o seu nome da praza na que tempo atrás houbo unha fábrica de ladrillos, “bòbiles” en catalán. Está situada nos barrios de Can Vidalet e Pubilla Casas, no límite entre Esplugues de Llobregat e L’Hospitalet de Llobregat, e non deixaría de ser unha boa biblioteca de barrio máis -como tantas hai polas nosas terra adiante- se non fose por unha particularidade que a fai única: ten un fondo especializado en novela e cine negro e criminal.

Os que temos certo (ou moito) agarimo por este xénero sabemos que malia que non sempre resulte doado achegármonos a La Bòbila, a difusión que fan desas historias de policías, detectives e criminais de diversa índole son a mellor canteira para que o número de lectores e seareiros do “negro” aumente.

E eses lectores, máis que amar ou admirar aos delincuentes e aos que os perseguen, serán cidadáns con espírito crítico, capaces de entender que o mal (certo ou suposto) vive entre nós pero non por iso temos que deixar de combatelo. Porque non se pode abordar o xénero criminal, de detectives ou como queirades chamalo, sen un punto de conciencia social, de inconformismo coas situacións establecidas, sexan polos poderes dominantes ou polos poderes agochados.

Máis aínda, non hai xénero literario e cinematográfico que mellor analice as realidades sociais que o negro. Por el pasan as pulsións humanas, a cobiza, as envexas, as vinganzas, a corrupción, en definitiva aquilo que Hobbes resumiu cando afirmou que o home é un lobo para o home.

As cifras da Biblioteca La Bóbila son francamente admirables. Comezou a súa andaina en 1999 cunha área temática dentro do carácter xeral da biblioteca, dunha biblioteca –non o esquezamos- de barrio e de barrio popular. Un proxecto –este da área temática- que pretendía exercer unha transversalidade histórica, e polo tanto divulgativa, a partir do xénero criminal. Un exercicio que viña a suplir, oh paradoxo, o esquecemento que deste xénero tan popular manifestaron de sempre as universidades e as bibliotecas de alto nivel (máis aló do estrito depósito legal). Desde 2013 e xa como colección específica, aquel proxecto estratéxico colleu autonomía propia e pasou a ser unha colección específica, non limitada aos libros senón estendida a un fondo cinematográfico, aberta ao lector común e aos especialistas. En vinte e cinco anos pasaron por ela tres millóns de visitas e prestaron millón e medio de documentos. E desde 1999 a publicación periódica (142 números) do fanzine L’H Confidencial.

O modelo desde 1993 era a Bilipo (Biblioteca das Literaturas Policiais) de París. Un modelo ambicioso, sen dúbida, se temos en conta que esta institución ten a día de hoxe oitenta mil novelas, a custodia dos fondos de Régis Massac (o primeiro investigador universitario do xénero coa súa tese en 1929) e dunha parte da correspondencia de Marcel Duhamel (o creador da “Série noire” de Gallimard) amais do depósito legal francés deste xénero.

Jordi Canal partía de presupostos moito máis modestos: o único apoio institucional era a Rede de Bibliotecas Municipais (XBM polas súas siglas en catalán) da Deputación de Barcelona. Sen ningún orzamento específico máis alá do xeral, a base era a produción catalá propia, especialmente as coleccións “La Cua de Palla” e “Seleccions de la Cua de Palla”, de Edicións 62, e “La Negra”, da editorial La Magrana, sen esquecer os títulos en castelán (Bruguera, especialmente) aparecidos antes e en adiante. A partir do ano 2000 diversas circunstancias sociais e culturais axudaron a que o proxecto collese pulo: a libraría Negra i Criminal (do inesquecible Paco Camarasa) na Barceloneta, os ciclos da BCNegra...

Un conxunto de manifestacións que non fan senón lembrar a tradición que o xénero criminal e policial ten en Cataluña: desde Rafael Tasis, Manuel de Pedrolo e Jaume Fuster en catalán ou Vázquez Montalbán, Francisco González Ledesma e Alberto Mendoza en castelán, entre tantos outros. Unha lembranza que facía conservar a memoria dunha sociedade –a catalá- que non era allea á violencia entre e contra as persoas, como ben podemos ver se repasamos o cancioneiro tradicional xa desde as primeiras recolleitas feitas por Manuel Milà i Fontanals no século XIX.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS