Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Ate o próximo incendio

XOSÉ A. GACIÑO  | 17.10.2017 
A- A+

Indignación e impotencia ante unha nova explosión masiva de lumes na xeografía galega. É desesperante comprobar como se repiten os mesmos erros, as mesmas insuficiencias, as mesmas declaracións retóricas, mentres as chamas seguen a arrasar Galicia. Unha e outra vez, en maior ou menor medida, segundo as circunstancias meteorolóxicas, segundo o número de hectáreas xa queimadas con anterioridade, ou segundo o número de contratos que se recortasen nas brigadas contra os incendios (ou que pillasen fora de temporada, cos contratos dos brigadistas xa extinguidos)... Como se fose unha maldición sobrenatural contra a que non hai maneira de defenderse. Como se formase parte da lista de tópicos coa que algúns definen (e ás veces descualifican) aos galegos para non molestarse en comprender e afrontar os seus problemas (amplos e variados, como corresponde a unha sociedade complexa, de desenvolvemento desigual, consecuencia dun proceso histórico e social que non sempre controlou).

Ao calor dos incendios destes días, sorprendentemente intensos a mediados dun outubro que parecía resistirse a entrar no outono, volveuse falar de políticas forestais axeitadas para planificar unha explotación sostíbel e diversificada dos montes e bosques. Claro que iso o falan algúns, os que teñen máis sensibilidade respecto ao medio ambiente e aos recursos naturais, e pensan que aínda se pode salvar o país da degradación, é dicir, xente que non soe estar cerca do poder, e á que se lle presta certa atención nos días de catástrofe, quizais só para encher as tertulias improvisadas nos programas especiais entre conexións dramáticas e declaracións tranquilizadoras das autoridades correspondentes. Unha vez apagado o lume, cadaquén volve ao seu recuncho. Ate o próximo incendio.

Quizais é que, como comentaba en facebook o amigo e colega Afonso Eiré, o negocio está en apagar incendios e non en prevelos. Quen deseñou semellante política forestal pode ser o primeiro responsábel dese terrorismo incendiario do que agora tanto falan.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS