Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Atrapados no referendo

XOSÉ A. GACIÑO  | 13.06.2017 
A- A+

Atrapados no tempo, como na coñecida película ambientada na celebración do día da marmota no pobo estadounidense de Punxsutawney, o goberno da Generalitat de Cataluña volve convocar unilateralmente un referendo sobre a independencia que volverá ser recorrido polo goberno central e volverá ser anulado polo Tribunal Constitucional (sobre a marcha, e non cinco anos despois, como no caso da amnistía fiscal de Montoro). Quizais volverán intentar celebralo de todos os xeitos e pode que a variante consista en que o goberno central, esta vez, tomará algunha medida para impedir a súa celebración (ou, máis exactamente, para impedir a celebración dun simulacro de referendo). Volverán actuar os tribunais para condenar e inhabilitar aos principais responsábeis do novo intento falido e, como remate provisional, volverán convocarse unhas novas eleccións autonómicas con carácter plebiscitario e vontade decidida de declarar unilateralmente a independencia, que, á falta da vontade e da decisión necesarias (as previsíbeis condenas serían máis graves), derivará noutra convocatoria de referendo que volverá ser recorrida e anulada, etcétera, etcétera. Todo elo no medio de profusas declaracións de disposición ao diálogo, por parte de uns e de outros, emitidas a modo de liñas paralelas que nunca se atopan.

Pódese discutir se é ou non legal ou constitucional convocar un referendo para coñecer a opinión dos cidadáns de Cataluña sobre unha proposta independentista (o eminente constitucionalista Francisco Rubio Llorente, falecido o ano pasado, opinaba que non hai nada na Constitución española que o impida e hai outros máis ou menos eminentes que coinciden nese criterio). Pero, en todo caso, o que é incuestionábel é que un referendo dese tipo só pode ser consultivo e ten que ser convocado polo rei a proposta do Goberno, previa autorización do Congreso dos Deputados, segundo pode lerse claramente no artigo 92 da Constitución española. Se, a pesar desa condición inescusábel, os independentistas insisten en seguir adiante coa súa idea, quizais é que tratan de convencer ás instancias centrais para que autoricen ese referendo pola vía do esgotamento provocado pola repetición, sempre e cando as mobilizacións da Diada manteñan o nivel dos seis últimos anos e as forzas independentistas sigan gañando eleccións (e dispoñan de relevos sucesivos nos postos de goberno para cubrir aos que sexan sucesivamente detidos e inhabilitados). De momento, non se sabe que dispoñan doutras formas de presión eficaces (de poder, en definitiva) e emprender a senda da reforma constitucional resulta aínda máis esgotador e inútil que esperar a que Rajoy teña unha iniciativa para o entendemento.

Detrás de todo isto, hai unha historia de relacións máis ou menos tensas, segundo os momentos, entre os diversos territorios (chámense nacións, comunidades, rexións ou provincias) que foron compoñendo España. A fórmula autonómica adoptada na Constitución do 1978 foi a saída que conseguiron acordar os seus redactores, dadas as circunstancias (aqueles poderes fácticos manexados por algúns como coartada ou como ameaza). Co novo século empezaron a cuestionarse os seus límites, primeiro en Euskadi co chamado Plan Ibarretxe, rexeitado polo Congreso dos Deputados, e despois en Cataluña coa reforma do seu Estatuto, recorrida polo PP (dentro dunha campaña anticatalá) e parcialmente anulada polo Tribunal Constitucional, e agora coa iniciativa independentista. Como vía intermedia, o PSOE lanzou a súa proposta de Estado federal. Nin sequera esta vía intermedia ten posibilidades de prosperar, mentres a dereita centralista (o PP e o seu relevo, Cidadáns) teña a forza electoral suficiente –desde o goberno ou desde a oposición– para bloquear calquera intento de reforma constitucional.

Atrapados no tempo e no xogo electoralista, cadaquén amaga coas posicións que cren que lles aseguran a súas respectivas bases de votantes, creando ilusións ou presumindo de firmeza, segundo os casos, e incumprindo leis nuns asuntos ou noutros, que case todos teñen pasado por tribunais de maior ou menor rango.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS