Hemeroteca web
|
RSS
Martes 21.05.2013
| Actualizado 17.42
A mediados do franquismo nas alombadas terras do río Tambre medio, de augas limpas e profundos pegos negros que tiran pola xente, cando os maiores nos vían pasar ós rapaces descamisados e falangueiros cara el para bañarnos polo verán dicíannos que tiveramos coidado porque “a auga quérese cos valentes”. Pero eu non entendía o significado profundo desta frase enxebre, que tardei anos en comprender. E que é digna de ser recordada, pola filosofía popular que encerra.
Os valentes ós que se refire esta frase son as persoas que sen ser expertas nadadoras non lle teñen medo ningún á auga, e tíranse de cabeza ó río ou ó mar sen ter en conta as rochas e correntes do fondo nin a profundidade, que sempre é maior cá apreciada desde fóra debido á refracción da luz. E que por falta de prudencia non pensan que ó arrefriarse na auga poden ter un corte de dixestión, ou outro accidente imprevisto.
A auga quérese con esta clase de valentes que arriscan as súas vidas loitando con ela, polo mero pracer de a dominar. Pero ás veces é a auga a que os domina a eles, e arrastra os seus corpos sen vida para alimentar outros seres. En cambio, a auga non se quere cos prudentes por non poder facer o mesmo con eles.
Sobre a prudencia dicíannos os maiores ós rapaces: “Ti nin diante nin atrás, ti no medio. Porque se entras nun sitio e pasa algo preguntan: ¿quen foi o primeiro que entrou? E se saes dun sitio no que pasou algo preguntan: ¿quen foi o último en saír?”.
Pois para os nosos maiores, a virtude da prudencia estaba no termo medio. E xunto coas outras tres virtudes cardinais ou principais, a xustiza, a fortaleza e a temperanza, considerábana indispensable para vivir en harmonía coa natureza.
De tanto insistirnos para que foramos prudentes e non arriscásemos as nosas vidas, había un rapaz que cando os outros lle diciamos que se guindase ó río connosco dicía: “Se Deus me quixese para a auga daríame escamas”. E quedaba fóra do río mirando como nos mergullabamos na auga. Así que, nin tan prudentes coma el nin tan pouco coma outros que eran moi lanzados, pensaba eu.
Desde o punto de vista da vida social, os nosos maiores conformábanse con que só aspirásemos á mediocridade, é dicir, á aurea mediocritas (mediocridade de ouro, ou vida tranquila) romana, para que non correramos perigos innecesarios. Porque durante o franquismo, o que destacaba sen comungar co Réxime era retirado da vida pública polas autoridades, coma no mundo romano facían desaparecer os emperadores ós que non eran da súa corda, como se desfixo Nerón de Séneca, antigo mestre del e un dos grandes sabios da humanidade.
Actualmente, a pesar de vivirmos nunha democracia, é dicir, nun réxime de liberdades sen Francos nin Neróns, nunca a dita aurea mediocritas chegou a impoñerse tanto na sociedade. Pero non para evitar correr riscos innecesarios senón para facerse cos postos públicos remunerados, valéndose da forza social que dá o igualitarismo político egoísta das masas gregarias e da meritocracia artificiosa para desprazar ós outros competidores. Fenómeno social que incluso se dá nas aulas, nas que con frecuencia o alumnado que destaca vese obrigado a pasar desapercibido, para evitar o sometemento pola unión dos mediocres promovida polo dito igualitarismo que, por non admitir diferenzas, iguala por abaixo por ser o fácil e a única igualdade posible, é dicir, a igualdade na burremiada ou falsa igualdade.
Agora que volve o tempo de bañarse nos mil ríos de Galicia que lle atribuía Cunqueiro e nas numerosas praias das súas atractivas costas, convén recordar que a auga se quere cos valentes, para que non haxa afogados que lamentar coma outros anos.
A filosofía popular que encerra esta frase, á que antes nos referimos, tamén é aplicable a moitas outras facetas da vida nas que a prudencia, fonte doutras virtudes secundarias, é a principal a seguir. Por exemplo, nas augas revoltas da economía globalizada, ás que se lanzaron de cabeza varios banqueiros por falta de prudencia, creando a crise financeira por culpa de que lles estamos pagando uns xuros abusivos ós prestamistas usureiros.
En relación con este abuso un, como cristián seguramente moi mal católico, admira a prohibición divina da usura no Corán, no versículo 276 da azora ou capítulo II. E que un beduíno conductor de caravanas do deserto fose quen de prever os grandes males que a usura podía producir.
Volvendo ó poder da auga, os científicos poñen nela nada menos cá orixe da vida. Ela é a parte constitutiva dos animais e vexetais na que transcorren a meirande parte das reaccións químicas que sustentan a vida. E por ser fonte de vida viven nela tantos milleiros de especies acuáticas, para as que arrastra os afogados. ¿Será pola súa función nutricia polo que se quere cos valentes? ¿E será por iso polo que as augas profundas tiran tanto pola xente?
