Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Augas mantén a alerta a pesar das choivas de decembro

Segue adiante coa captación do Verdugo para Eiras // A Xunta pretende "o consenso dos concellos afectados" polo transvasamento e volverá reunirse a segunda semana de xaneiro

SANTIAGO. EP  | 28.12.2017 
A- A+

Augas de Galicia mantén a alerta por seca a pesar das choivas de decembro e segue adiante coa idea de executar unha captación de auga no río Verdugo para reforzar o sistema de Eiras, o encoro que abastece á área de Vigo.

"Pero evidentemente queremos que sexa unha obra que xurda do consenso de todos os concellos implicados", destacou o director do ente, Roberto Rodríguez.

Rodríguez reuniuse este xoves cos concellos que se abastecen do encoro de Eiras e, en declaracións aos xornalistas, advertiu de que continúa a alerta por seca a pesar das choivas caídas ao longo deste mes de decembro. A oficina técnica volverá analizar a situación na segunda semana de xaneiro, segundo apuntou.

"A nosa intención é alcanzar ese consenso", subliñou o responsable de Augas, antes de aludir aos "titulares" e a "sobreactuación" que na súa opinión xerou unha actuación que "non vai ter unha afección ambiental" e "vai respectar o caudal ecolóxico". Está prevista como unha operación de reforzo para "momentos puntuais", explicou.

"IMPORTANTE CONFLITIVIDADE"
Con todo, segundo recoñeceu, a captación no Verdugo "xerou unha importante conflitividade", e a Xunta "está aquí para colaborar e axudar, non para buscar solucións que xeren conflito político e social". Por iso, admitiu que "aínda queda camiño por percorrer".

No encontro deste xoves, Vigo e Ponte Caldelas "mantiveron posicións enfrontadas", segundo Rodríguez, quen, con todo, valorou como un "acerto" esta cita, pola relevancia de "estar todos sentados" mostrando distintas opinións "de forma tranquila".

Así, "non só Ponte Caldelas e Vigo", senón tamén "outros concellos expresaron a súa opción sobre a necesidade ou non da obra e a conveniencia de tramitala dunha forma ou outra".

"Todos os concellos afectados teñen que buscar ese consenso", reiterou o titular do organismo dependente da Xunta. A Xunta, engadiu, está "a tramitar esa obra do mesmo xeito que o Concello de Vigo", pois "se segue en situación de alerta" e "non hai garantía de que non se poida volver á situación de hai un mes".

PIDE INVESTIMENTO A VIGO
Con todo, Roberto Rodríguez utilizou boa parte da súa intervención ante os medios de comunicación para lembrar que "se estivo moi preto dunha situación de emerxencia" e que se Vigo estivo "a punto" de afrontala "non" foi só por unha cuestión de "cantidade" de auga, xa que o encoro roldaba o 40%, senón tamén por calidade.

Neste punto, indicou que na reunión instouse aos municipios e "especialmente" ao de Vigo a que "tamén ten que facer un esforzo por mellorar a garantía de potabilización", e "investir na súa rede", de modo que dedique "os recursos que xera coa explotación do ciclo integral da auga", que estimou nuns 40 millóns anuais.

Agora, Eiras supera o 80% da súa ocupación, o "máximo nesta época do ano", pero Rodríguez insistiu en que "a posibilidade dunha emerxencia" nesta zona "non só depende de que se poida facer a obra --a de captación do Verdugo-- senón tamén de que Vigo sexa capaz de investir na súa propia rede" e dese modo lograr un "maior aproveitamento da auga que existe", xa que os 25 días que quedaban de subministración hai un mes dábanse co encoro a ese 40%.

"AVANZAMOS CARA Á NORMALIDADE"
O director de Augas terminou incidindo en que nas últimas semanas mellorouse a situación de niveis de auga en Galicia, pero o caudal dos ríos rexistra un déficit "de algo máis da metade", após o paso de cinco estaciones previas "secas ou moi secas".

"Avanzamos cara á normalidade pero está lonxe aínda", remachou, apelando á necesidade de "continuidade" nas precipitacións, coa sucesión de borrascas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS