Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 13:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Aumentan a 26 as persoas falecidas con gripe en Galicia desde o inicio da temporada actual

O Sergas indica que a tendencia é "estable" e o nivel de intensidade, "medio"

SANTIAGO. EP  | 12.01.2018 
A- A+

As persoas falecidas con gripe na Comunidade galega sitúanse en 26 desde o inicio da temporada actual, o que supón 16 máis que hai unha semana, na que había dez rexistradas.

Así se constata no noveno informe de 'Vixilancia da gripe en Galicia' que publica o Servizo Galego de Saúde (Sergas), recollido por Europa Press, correspondente á semana que terminou o 7 de xaneiro.

Das 26 persoas falecidas todas tiñan indicada a vacina, ben por idade ou ben por ter factores de risco para sufrir unha gripe complicada, pero trece delas non estaban vacinadas.

Ademais, segundo reflíctese no último informe sobre a gripe publicado polo Sergas, a data 11 de xaneiro de 2018 había 406 pacientes ingresados con gripe confirmada en hospitais de Galicia.

En total, desde o inicio da temporada, declaráronse 844 ingresos con virus da gripe confirmados en hospitais do Sergas, dos cales o 68 por cento tiña o virus da gripe B; 20 casos, gripe A e B; e o resto virus da gripe A. Hai unha semana, segundo o oitavo informe publicado, había 473 ingresos rexistrados desde o inicio da temporada actual.

O Sergas concreta, ademais, que o 90 por cento do total dos pacientes ingresados durante esta temporada tiñan indicada a vacina antigripal e, deles, o 54 por cento non a puxeron.

INTENSIDADE MEDIA
O número de chamadas atendidas no 061 por gripe e outras infeccións respiratorias agudas (IRA) descenderon "moi lixeiramente", polo que, recolle o informe do Sergas, a tendencia cualifícase como "estable" e o nivel de intensidade "segue sendo medio".

Mentres, en Atención Primaria nesta semana a vixilancia baseada nos rexistros informatizados de gripe en Atención Primaria do Sergas tamén "descende", aínda que o fai "moi lixeiramente", segundo precísase no informe.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS