Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.06.2018 Actualizado 21:11
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Averroes por Renan

JOAQUIM VENTURA  | 06.03.2018 
A- A+

Cando nos explican as orixes do pensamento occidental –xa que logo no período escolar- dáse por sentado que a recepción da filosofía grega naquelas sociedades medievais que nos precederon tivo un continuo desde os tempos do imperio romano. Coma moito, o asunto é despachado cun simple eloxio ao papel que os árabes tiveron como transmisores das doutrinas de Aristóteles e de Platón.

Sen embargo, rota absolutamente a continuidade cultural herdada de Roma coa irrupción dos diversos pobos xermánicos, que deu lugar ao comezo da Idade Media, a única depositaria do saber herdado era a Igrexa, institución que daquela non vía con bos ollos o ensino que, séculos atrás, fixeran os filósofos helenos, vistos simplemente como uns pagáns. Non había máis articulación de valores que a doutrina emanada das Escrituras e dos concilios.

Pero non podemos entender o renacemento cultural que tivo Europa a partir do século XII sen a recuperación dos filósofos gregos –nomeadamente Aristóteles-, recuperación que foi posible grazas á transmisión que dunha parte dos seus textos –os superviventes de séculos de estragos- fixeron árabes e bizantinos.

E nesa tarefa tivo un papel imprescindible o filósofo hispano-árabe Averroes. Denominación esta que lle deron os casteláns por latinización fácil do seu nome orixinal, Abū I-WAllīd’ Ahmad ibn Muhammad ibn Rušd. Nacido en Córdoba en 1126 e morto en Marráquech en 1198, daquela capital do imperio almohade. Eran aqueles uns tempos ben diferentes aos de séculos anteriores, cando os Omeia constituían a máxima expresión de desenvolvemento e tolerancia cultural en Europa.

Ou dos inmediatamente pasados, cando os almorábides, desde o Magrib, tentaron vigorizar o islam cunha apertura doutrinal pero fracasaron fronte á expansión cristiá. Por contra, os almohades (“al-muwahhidum”, ‘os que recoñecen a unidade de Deus’), despois de vencer o dominio almorábide no norte de África, pasaron ao sur da península Ibérica e alí tamén impuxeron o rigorismo relixioso que promovían.

De tal cambio foi testemuña Averroes, cuxo pai foi cadí principal de Córdoba cos almorábides ata 1146, ano en que chegaron os novos dominadores. Averroes, médico, xurista e filósofo, serviu nese cargo en Córdoba, Sevilla e Marráquech pero tivo que loitar co rigorismo imposto polos almohades, que prohibiron as súas obras, especialmente os comentarios a Aristóteles contidos en “Refutación da refutación”, que tentaban reconciliar filosofía e relixión, fronte á tese contraria mantida por Al-Ghazali.

Superada (por negada á mantenta) a influencia de Averroes no nacente pensamento filosófico cristián (quer filoaristotélico, quer filoplatónico), este filósofo hispano-árabe ficou esquecido durante séculos por ser considerado infiel. E aqueles que quixeron lembralo (Bruno, Pico della Mirandola), foron tidos por herexes. Un esquecemento que durou ata 1852, cando o bretón Ernest Renan lle dedicou a súa tese de doutoramento, “Averroes e o averroísmo”. Publicada en 1852, sete anos despois foi incluída no “Índice de libros prohibidos” pola xerarquía católica, como o foron moitos outros da súa autoría, sen dúbida pola súa teima de observar os fenómenos relixiosos desde unha perspectiva científica (velaí a súa “Vida de Xesús”, en que negaba a súa condición divina).

Estudar a Averroes era, polo tanto, unha maneira de encetar esa vontade de conciliación entre crenza e pensamento. “Averroes e o averroísmo” foi traducido ao castelán e publicado en 1910 pola editorial valenciana Francisco Sempere, promotora do libre pensamento. Agora temos unha nova edición daquela tradución da obra de Renan, que presenta a andaluza Editorial Almuzara. Unha maneira de recuperar o que foi un dos perpiaños da filosofía medieval europea e mais a figura de Averroes, máis aínda agora, cando para o islam ortodoxo segue a ser un paria en consonancia coa negativa de conciliar a fe coa ciencia e o pensamento.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS