Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O avogado de Fernando Blanco denuncia dificultades para que declarase en galego

O xulgado de Lugo considerou necesario "auxiliarse dos medios que a Administración de Xustiza puxo ao seu alcance" para "salvagardar o dereito" de Blanco a expresarse na nosa lingua

SANTIAGO. EP  | 30.11.2011 
A- A+

O Xulgado de Instrución número 3 e Violencia sobre a Muller de Lugo, cuxa titular é Estela San José, e que instrúe o coñecido caso 'Campión', defendeu que considerou necesario "auxiliarse dos medios que a Administración de Xustiza puxo ao seu alcance" para "salvagardar o dereito" a realizar unha declaración en galego, como foi o caso do exdiputado do BNG Fernando Blanco, que compareceu este martes.

Á saída do xulgado, un dos avogados da defensa, Xosé Antón Pérez-Lema queixouse do atraso na tradución e de "o difícil que é neste país utilizar os dereitos lingüísticos". "O galego, no Xulgado de Instrución número 3 de Lugo, non por culpa da xuíza, foi tratado hoxe como unha lingua estranxeira", dixo o letrado.

Ante estas declaracións, o Xulgado quixo aclarar que con ocasión da declaración do imputado, que esixiu que a súa declaración se fixese en lingua galega, "utilizouse o soporte técnico dos equipos lingüísticos da Administración de Xustiza, estando presente en todo momento na devandita declaración un funcionario adscrito a ese servizo da Audiencia Provincial de Lugo".

"O idioma galego nunca foi tratado neste xulgado como estranxeiro, de acordo co dereito que todo cidadán ten a utilizar coa Administración de Xustiza (...), este Xulgado considerou necesario auxiliarse dos medios que a Administración de Xustiza puxo ao seu alcance co obxecto de salvagardar este dereito", explica.

Así mesmo, máis aló destas aclaracións, engade, o xulgado "apoia o uso das dúas linguas oficiais na Administración de Xustiza", e mostrou o seu agradecemento ao Goberno central e á Xunta "destacando a importancia de contar con medios materiais e humanos para facilitar e promover o traballo dos empregados da Administración de Xustiza nesta lingua".

Ademais, este mércores, o Servizo Lingüístico da Audiencia Provincial de Lugo reivindicou o seu traballo "rigoroso e profesional" coa tradución.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS