Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.06.2018 Actualizado 21:11
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Axuda europea para 303 traballadoras do téxtil despedidas en Ordes

Son 720.000 euros que se destinarán a que estas mulleres poidan atopar un novo posto

BRUXELAS/SANTIAGO. EP  | 01.03.2018 
A- A+

O pleno do Parlamento Europeo aprobou este xoves unha axuda de 720.000 euros para que 303 traballadoras téxtiles de Ordes (A Coruña) poidan atopar un novo emprego, despois de ser recentemente despedidas por cinco empresas desta localidade galega.

O 83,5% das persoas despedidas son mulleres, con idades comprendidas entre os 30 e os 54 anos, que disporán de incentivos económicos, acceso a cursos de formación e orientación profesional así como apoio na procura de emprego e seguimento após a reintegración ao traballo.

As cinco compañías que efectuaron os despedimentos (Caramelo, Confeccións Deus, Deus Creacións, Viriato e Shivshi) víronse afectadas polo aumento das importacións téxtiles nos últimos anos e trasladaron parte da súa produción a países extracomunitarios onde os custos de produción son menores.

O desemprego na comarca de Ordes aumentou un 40% entre decembro de 2016 e abril de 2017, segundo a resolución preparada polo eurodeputado do PP Esteban González Pons, que foi apoiada por 550 parlamentarios, fronte a 75 votos en contra e 6 abstencións. O Consello de Ministros da UE xa aprobou a medida o 27 de febreiro.

O diñeiro proveniente do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización complementará as medidas que xa tomaron as autoridades españolas e servirá para facer fronte ao peche de empresas na zona, provocado pola liberalización do comercio téxtil na UE segundo a devandita resolución.

REACCIÓNS
O eurodeputado do Partido Popular galego Francisco Millán Mon cualificou de "moi positiva" a aprobación desta axuda que "contribuirá a que as traballadoras afectadas poidan reincorporarse canto antes ao mundo laboral".

Pola súa banda, a eurodeputada galega da Esquerda Unitaria Europea, Lídia Senra, que votou a favor da medida, esixiu "verdadeiras solucións políticas" á situación do sector téxtil galego e "non parches".

"É necesario ter en conta que estes 720.000 euros son, unha vez máis, un parche económico co que a Unión Europea pretende eludir a súa verdadeira responsabilidade, que é a elaboración de políticas socioeconómicas que precisamente deberían impedir que se chegase a esta situación", manifestou.

Asimismo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que tamén apoiou esta medida, considerou que "non é de recibo" que o Goberno do PP primeiro "deslocalice" as empresas e, despois, "destine recursos tan limitados do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización".

Ana Miranda explicou que deu o seu voto a favor como "mal menor" e censurou que os populares pretendan facer fronte á perda de 500 postos de traballo no últimos catro anos cos 720.000 euros que contempla o proxecto da comisión.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS