Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O azul da miña existencia

RUTH FERNÁNDEZ  | 05.06.2013 
A- A+

Un día terrible, máis alá do
azul da miña existencia

Meu amor:

Hoxe escribo ás agochadas, nun recuncho desta biblioteca ateigada de literatura… de ficción e historias reais vividas entre libros, de  novas experiencias que agromaban entre os andeis que suxeitaban con sufrimento o peso dos grandes volumes de xeografía. Hoxe pretendo achegarme a ti dende a distancia que nos separa, intentando fuxir da ollada indiscreta da bibliotecaria, que fita de esguello cara min, como querendo saber do noso amor…  Había tempo que non che escribía. É certo. Recordo as ducias de cartas que garabateaba deitada na cama… e pensando en ti, no azul da miña existencia, lembrando cada instante vivido ao teu carón, sentindo o teu alento na miña caluga cando me abrazabas polas costas e me facías única e irrepetible entre os teus brazos, sorprendéndome cada vez que chegabas ao meu lado cun aloumiño diferente.

Hoxe o día foi terrible. Pensei en ti unha e outra vez, desexando que o teu tacto chegase ata a miña pel nesta tarde de chuvia do mes de xullo. Lembrei na memoria as conversas das últimas semanas xuntos, os días de confesións e as caricias compartidas. Sentía dor no estómago, o malestar da alma. Era iso, sen dúbida. Botábate de menos. Sentíame triste, doída, fracasada, mesmo enganada. Todo por mor da túa ausencia. Ficabas lonxe, estabas afastado dos meus brazos, seica botándome tamén de menos, tanto coma eu a ti. Amabámonos. Era irremediable. Non valía de nada intentar evitar, calar ou mesmo camuflar os nosos sentimentos.

Malia á túa situación persoal, sacrificabas a estabilidade da túa vida por vivir o amor comigo de xeito pleno, como nunca antes o experimentaras. Iso me contabas a miúdo: comigo eras ti mesmo, desfrutabas de cada instante, cada bico, cada caricia sobre a miña pel. Era todo tan distinto… dicíalo a miúdo. Pero tamén para min. Eu nunca amara de verdade. Nunca ata chegar ti ao meu carón. Caera namorada con tan só unha ollada e o son da túa voz. Ademais, eras todo o que unha muller podía desexar no terreo da sensualidade, amosándote coma todo un cabaleiro: atento, protector. O mellor amante que podía atopar.

Confiamos un no outro e entregámonos, lanzándonos, sen rede, a unha paixón incontrolable. Fomos tan felices nese tempo xuntos… Pero chegou o momento da despedida. Dos bicos comedidos, diante de olladas indiscretas, sufrindo o desacougo por non poder entregarnos nese último intre á paixón que se desbordaba fóra dos nosos corpos, para bicarnos nos beizos e selar así, coas nosas linguas e o sabor do amor, unha relación que tiña que ter un longo futuro. Nós merecíamolo!

Non puido ser: o destino mandábame lonxe, despois de meses fantásticos ao teu lado. Unha aperta de amigos e un ‘ata pronto’ que nos doía pola despedida, ao saber que na xornada seguinte xa non estaríamos xuntos. Prometiches vir a verme axiña. E no meu interior acendeuse o fachón que faría brillar cada mañá lonxe dos teus brazos. Pero o tempo foi pasando e non tivo lugar o encontro anceiado. Pasaban os días e ti non aparecías. No meu interior medraba o desacougo, o padecemento…

Estou morrendo, meu amor, ao non ter comigo o azul dos teus ollos agarimándome cada vez que pousas as túas pupilas sobre o meu cabelo, sobre os meus beizos… Preciso con urxencia terte aquí, escoitando a túa voz, sinalándome o futuro perfecto do noso verbo, aquel infinitivo amar que nos fixo máis seres humanos ao nos coñecer. Preciso con urxencia sentir as túas mans sobre a miña pel, traspasando a fronteira do meu ventre, agarimando cada centímetro dun corpo que agora está inerte. Sen o teu azul… non quero vivir.

Faltas ti, a música do noso amor, a esencia dun bocado que me daba todo o que precisaba para vivir. Non podo aguantar máis se ti me faltas… Non sei nada daquela ollada penetrante, daquel sorriso cálido, das túas palabras enchoupadas en azucre para derretirme a cada sílaba…

Volve. Ven ao meu carón e apréndeme de memoria, percorrendo cada centímetro da miña pel cos teus labios que saben a doce mel, aloumiñándome cada segundo un pouco mellor, asolagándome da túa esencia para convertirnos nun único ser cada noite de lúa chea.
Quérote así, tan azul…

Ruth Fernández

Texto gañador do 2º Premio no X Certame Cartas de Amor ‘Vila de Quiroga’ 2013

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS