Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 18.12.2014  | Actualizado 21.12

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

LUCERNA DA PORTELA

Bágoas cribadas

XOSÉ MANUEL LOBATO MARTÍNEZ  | 03.10.2011 
A- A+

Rebenta libremente nunha envolvente espida e brincadeira, o seu é unha espontánea obsesión, absolutamente incansable na procura da súa orixe navegando nunha aventura intrigante.


Fonte, que emerxe dende as profundidades, unha troba esperanzadora para toda a diversidade biolóxica de Galicia. O seu é un percorrido sen fin, inmersa nun ciclo, mais con autonomía propia.


Descanso e sosego non é o seu estado natural, necesita percorrer para sanearse e transformarse, sempre avanzar na busca do obxectivo primordial. Esplendorosa vitalidade dende o manancial onde emerxe iniciando a súa fuxida por regatos, regueiros ou regos que na madureza acadan status de riachos e mesmo ríos.


Corrente natural de auga, Galicia é un territorio privilexiado, moi afortunado, un auténtico nobre caudaloso cos seus flexibles e caprichosos prateados baixo o agarimoso luar. Mais tanta abundancia carrexa unha realidade desoladora, os ríos que latexan na xeografía galega sofren agresións diarias, a gran maioría están contaminados, o seu estado é deplorable, porén as administracións competentes na materia ata o presente permanecen mergulladas noutras augas e observan de esguello ou miran para outras latitudes.


O río Limia, tan caro e de tanto significado na historia da nosa terra, desta vez si está sendo fiel coa súa fama. Permanece esquecido e desaparecido, as causas son os efectos nocivos da pantasma espoliadora que despois de arrebatarlle a súa identidade, foi quen de ancoralo e dominalo ata o seu actual estado.


Asombro e incredulidade, a visión do encoro das Cunchas é un cadro patético, as augas embalsadas reverberan sen pudor tanta putrefacción que satura ata atordar os sentidos. No entanto, a gravidade non só radica nas augas do embalse, pois o sábado 17 de setembro desaparecera o río Limia, as comportas do encoro só deixaban saír o fío fútil dun encadeado de gotas que non formaban nin regueiro, no seu lugar unha charca do obrigatorio caudal ecolóxico, protexida polos nubeiros de bichos de incesante zoar.

Mañanciña de sábado, xélido ruxir do vento, alento podre nunha inspiración putrefacta para todo ser vivo que se aproxime ao río esquecido. Un alento que deixou a zona despoboada, a fantasma abrasiva da contaminación aquí penetra por todos os sentidos.


Sentidos sobrevoando en tempos pretéritos unha bóveda de pureza. No presente, onde están os xiríns, escribentas, xílgaros, pimpíns, verderolos, merlos, tanta putrefacción mesmo escorrentou á pita merdeira.


O Limia necesita solución urxente, o refraneiro é vidente, pois tempo atrás xa sentenciou. Auga parada está contaminada.



Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS