Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Bágoas de sangue en Galicia

25.07.2013 
A- A+

As vías do tren, a uns tres quilómetros de Santiago de Compostela, quedaron sementadas de cadáveres nuns instantes, na véspera do día grande de Galicia. As terroríficas imaxes que se difundiron na noite do 24 de xullo seguen gravadas nas nosas pupilas… Son instantáneas que reflicten unha dor que se contaxia como unha forte epidemia de bágoas que se extende entre os que, impotentes, observamos como, nun intre, a ledicia se escapa entre as mans e todo se torna escuro, tan negro como a noite sen fin que viviron as familias das vítimas hai unhas poucas horas.

Cando escribo estas liñas, na mañá dun 25 de xullo no que as bágoas de sangue substituíron os tradicionais fogos artificiais que se desfrutaban outros anos no Obradoiro, dende a Catedral de Santiago, van 78 mortos e cífranse en máis de 140 os feridos. A magnitude do suceso é tan superior ao imaxinado no primeiro momento que o meu corazón sinte tanto frío neste cálido día de verán que mesmo parece vivir en pleno inverno, logo de ver como o descarrilamento dos trece vagóns se levou tantas vidas por diante.

Cal foi a causa da traxedia no Alvia que cubría o percorrido Madrid- Ferrol? Exceso de velocidade? Atentado terrorista? Baralláronse distintas posibilidades no momento do accidente, cando as testemuñas falaban dunha forte explosión, que fixera tremer os edificios, e que logo apuntaban a que o maquinista recoñecera o descarrilamento do tren cando superaba en moito o límite de 80 km/hora dese tramo do traxecto. Ao exceso de velocidade (a uns 190 km/hora, segundo a TVG) uníase a existencia dunha curva potencialmente perigosa, pero que non dera problemas ata o momento. Agora haberá que agardar a que se esclarezan as causas, coa investigación oportuna. Non todo se pode achacar a un fallo humano. Estamos diante da infraestrutura axeitada? Contamos cos sistemas de seguridade requeridos para evitar desenlaces así en caso dun accidente?

No momento do suceso, arredor das 20:40 horas da noite deste mércores, reinaban a incertidumbre e o caos. Precisábanse mans solidarias que axudasen a sacar ás vítimas,  mantas para tapar os corpos dos falecidos… A solidariedade presentouse en maiúsculas, cunha sociedade que contribuíu en todo o que puido co fin de minimizar unha traxedia que xa queda como unha das peores na historia ferroviaria deste país. Dende o ano 1944, nun accidente no que desapareceran preto de cincocentas persoas en terras leonesas, non se vivira algo semellante. E que non se repita. Non só os médicos e resto do persoal sanitario que se achegaron aos centros hospitalarios fóra do seus horarios de traballo amosaron a cara solidaria da sociedade galega. Viuse tamén nos hostaleiros que cedían gratuitamente cuartos de hotel para os familares das vítimas. A fraternidade cos feridos confirmouse na cantidade de persoas que acudiron aos puntos destinados para tal efecto coa intención de facer todas as doazóns de sangue que se precisaran. Reclamábanse os grupos 0- e A-, de doantes con carné. Pero acudían todos. Todos querían ofrecer o seu gran de área na traxedia que tinguiu de loito as festas patronais de Santiago, o Día de Galicia, que se suspenderon inmediatamente, antes de declarase sete días de loito oficial.

Nestas horas de bágoas e lamentacións, de xeo na alma, só queda darlle ánimo ás familias das vítimas, nun intento de ofrecerlle algo de coraxe para afrontar tan terrible situación. A traxedia vivida no corazón de Galicia non será nunca esquecida, coincidindo cunha data tan significativa para os galegos, que ficamos conmocionados ao coñecer a noticia. Bágoas de sangue conxélanme o espírito, a dor que se vive en Santiago nestas horas asolágame. Os galegos, que somos de tanta festa, sufrimos unidos nestas horas, nas que o loito invade o noso corazón.

Máis alá do apoio ás familias e aos feridos, máis alá da lembranza dos falecidos, neste difícil momento vén á miña memoria a terrible canción de La Oreja de Van Gogh, titulada ‘Jueves’, onde se narra unha pequena gran historia de amor truncada polos atentados do 11 de marzo de 2004, onde morreran 192 persoas. As bágoas esvaran polas miñas meixelas mentres sinto un frío terrible no interior… Tantas historias quedaron mutiladas agora no serán do 24 de xullo… Tantas vidas segadas por unha viaxe en tren… Tantos soños que xa non se van cumprir…

Ruth Fernández

“Cuando se pudra el cielo, cuando silben las balas,

sabrás que dejo todo si tú me dices ven,

porque sigues contando conmigo por las malas,

por más que descarrile mi penúltimo tren”

 (Joaquín Sabina, ‘Penúltimo tren’)

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS