Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 19.10.2017 Actualizado 18:44
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Baixada acusada nos prezos de vestido e calzado en Galicia

O IPC baixa oito décimas en xullo e a inflación interanual sobe ao 1,7%, máis que a media

SANTIAGO. EP  | 11.08.2017 
A- A+

O índice de prezos de consumo (IPC) baixou un 0,8% en xullo en Galicia respecto ao mes anterior, pero elevou unha décima a súa taxa interanual, ata situala no 1,7%, por encima da media española.

Con todo, no que vai de ano, os prezos na Comunidade galega acumulan unha evolución negativa, cunha caída do 1%, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).

En España, o índice de Prezos de Consumo (IPC) mantívose en xullo no 1,5% en taxa interanual, o seu nivel máis baixo desde novembro do ano pasado, segundo os datos definitivos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Todos os grupos rexistran en Galicia unha taxa anual positiva, coa vivenda á cabeza (+3,8%), seguida de hoteis, cafés e restaurantes (+2,4%) e transporte (+2,2%).

No que tocante á evolución mensual de xullo respecto de xuño, hai un descenso xeneralizado nos prezos da Comunidade, co vestido e o calzado coa baixada máis acusada (-12,5%), tras o que se atopa o enxoval (-1%) e as comunicacións (-0,5%).

Na media do que vai de 2017 --entre xaneiro e xullo-- hai un descenso relevante en vestido e calzado (-16,7%), mentres no outro extremo hoteis, cafés e restaurantes (+3,4%).

DATOS ESTATAIS

O organismo estatístico, que confirma deste xeito os datos avanzados a finais do mes pasado, explicou que no comportamento da taxa interanual do IPC de xullo en España destacaron os prezos dos alimentos e bebidas non alcohólicas, cunha variación anual do 0,1%, sete décimas por baixo da de xuño, causada pola baixada dos prezos das froitas, fronte á subida que rexistraron en xullo de 2016.

Tamén influíu a vivenda, que recortou catro décimas a súa taxa, ata o 3,2%, debido a que os prezos da electricidade baixaron este mes, mentres que aumentaron en xullo dun ano antes.

Pola contra, en xullo destacou o ascenso da taxa interanual do grupo de vestido e calzado en dúas décimas, ata o 0,4%, pola baixada xeneralizada dos prezos dos seus compoñentes, menores que os rexistradas o ano pasado; e o repunte en seis décimas, ata o 2,4%, do transporte, debido, fundamentalmente, a que os prezos dos carburantes diminuíron menos do que o fixeron en xullo de 2016.

O IPC interanual arrincou o ano no 3%, a súa taxa máis alta desde outubro de 2012. En febreiro repetiuse o mesmo porcentaxe, pero en marzo, por primeira vez en sete meses, a inflación recortou a súa taxa interanual ata o 2,3%. En abril volveu subir, ata o 2,6%, e en maio ata o 1,9%.

En xuño volveu baixar, ata o 1,5%, e en xullo repetiuse esta taxa, o que significa que a cesta da compra é un 1,5% máis cara que hai un ano.

A de xullo é a undécima taxa positiva que encadea o IPC interanual tras oito meses en negativo. No sétimo mes do ano, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCA) aumentou unha décima a súa taxa interanual, ata o 1,7%.

En termos mensuais, o IPC baixou un 0,7% respecto de xuño, mes no que se mantivo sen cambios.

A inflación subxacente, que non inclúe os prezos dos produtos enerxéticos nin dos alimentos non elaborados, subiu dúas décimas en xullo, ata o 1,4%, situándose unha décima por baixo da taxa xeral do IPC.

OS PREZOS BAIXAN EN TAXA MENSUAL

En termos mensuais, o IPC retrocedeu un 0,7% respecto de xuño. Os grupos con repercusión negativa que máis influíron neste descenso foron o vestido e calzado, cunha taxa do -12,6%, pola tempada de rebaixas; o enxoval, cunha variación mensual do -1% e a vivenda, cunha taxa do -0,2%, pola baixada dos prezos da luz e, en menor medida, do gasóleo para calefacción.

Pola contra, o grupo lecer e cultura, cunha taxa do 2,8%, pola alza dos prezos dos paquetes turísticos, e os hoteis, cafés e restaurantes, cunha variación do 0,3% pola alza dos prezos da restauración e servizos de aloxamento foron os grupos con maior repercusión positiva no IPC.

A FROITA FRESCA COSTA UN 12% MENOS QUE HAI UN ANO

Por rúbricas, as rúbricas que experimentan os maiores descensos de prezos en taxa interanual son a froita fresca (-12%), as patacas e os seus preparados (-5,7%) e o calzado de neno (-4,4%).

No lado oposto, os maiores ascensos de prezos no último ano experiméntanos aceites e graxas (+6,1%), calefacción, iluminación e distribución de auga (+5,7%) e crustáceos, moluscos e preparados de peixe (+4,9%).

A taxa anual do IPC aumentou en nove comunidades autónomas en xullo respecto de xuño. Os maiores aumentos producíronse no Principado de Asturias, Cataluña e o País Vasco, con subidas de dúas décimas en todas elas.

Pola súa banda, Canarias e Rexión de Murcia foron as comunidades que máis descenden a súa taxa, situándoa dúas décimas por baixo da do mes pasado.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS