Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Un 0,33%, por encima da media

Baixan en 3.327 as afiliacións á Seguridade Social en novembro en Galicia

Son, con todo, 20.714 máis que no mesmo mes do ano anterior, o que supón un incremento do 2,09%

SANTIAGO. EP  | 04.12.2018 
A- A+

A Seguridade Social perdeu en novembro en Galicia unha media de 3.327 afiliados, o que supón unha caída do 0,33%, por encima da baixada da media estatal, segundo os datos que publica este martes o Ministerio de Traballo.

Deste xeito, os cotizantes da comunidade sitúase nun total de 1.009.871 persoas. Por provincias, o penúltimo mes do ano rexistrou descensos en todas, sobre todo, en termos absolutos, en Pontevedra, con 1.731 afiliacións menos (-0,49%).

En Lugo, a redución foi de 883 afiliados (-0,72%); en Ourense en 612 persoas (-0,59%) e na Coruña contabilizouse unha media de 101 cotizantes menos (-0,02%).

Con todo, en variación anual, respecto ao mesmo mes de 2017, a Seguridade Social suma 20.714 afiliacións máis, o que representa un incremento do 2,09%).

A repartición por réximes en Galicia é o seguinte: 776.565 afiliacións no xeneral (744.227 no subtipo xeral, 5.362 no agrario e 26.977 no fogar), 211.565 autónomos e 21.741 no sector do mar.

DATOS ESTATAIS
No conxunto estatal, a Seguridade Social perdeu en novembro unha media de 47.449 afiliados (-0,25%), empeorando os rexistros de 2016 e 2017, até situarse o total de ocupados en 18.945.624 cotizantes.

Nos dous anos anteriores, a afiliación tamén baixou en novembro, aínda que en menor cantidade. Así, en 2016 reduciuse en 32.832 persoas e en 2017, en 12.773 cotizantes. Por contra, en 2015 e 2014 rexistráronse aumentos despois dun período (2008-2013) de fortes descensos da ocupación.

No último ano, o número de cotizantes aumentou en 527.868 afiliados, a un ritmo do 2,87%, impulsados principalmente polo Réxime Xeral, que sumou 484.504 traballadores desde novembro de 2017 (+3,2%), e polo Réxime de Autónomos, que gañou no último ano 43.258 afiliados (+1,3%).

Como adoita ser habitual após o fin da temporada estival e o comezo da actividade escolar e académica, a educación foi o sector onde máis creceu a afiliación en novembro, con 31.503 ocupados (+3,4%), mentres que a hostalaría protagonizou o maior descenso, ao perder 105.727 ocupados (-7,9%).

Após a educación destacan tamén as subidas no comercio (+18.072 cotizantes, +0,7%); construción (+8.187 afiliados, +0,97%), e a Administración Pública (+7.230 afiliados, +0,67%). No lado dos descensos, ademais da hostalaría, destaca tamén a agricultura, gandaría e pesca, con 4.228 cotizantes menos (-5,9%).

No penúltimo mes do ano o Réxime Xeral perdeu 41.965 afiliados, un 0,27% menos que en outubro, até un total de 15.624.488 cotizantes. Pola súa banda, o Réxime de Autónomos (RETA) restou 4.474 ocupados en novembro (-0,1%), situándose o total de afiliados a este réxime en 3.254.138 traballadores.

O Réxime do Mar rexistrou 954 baixas en novembro (-1,4%) e o Réxime do Carbón perdeu 55 afiliados (-2,6%).

No sistema especial agrario perdéronse 4.931 afiliados en novembro (-0,6%), mentres que no sistema especial do fogar rexistráronse 552 cotizantes máis (+0,1%).

Segundo os datos do Ministerio, as Administracións Públicas gañaron 71.910 cotizantes de media o pasado mes de outubro (último dato dispoñible) en relación ao mesmo mes de 2017 (+3%), especialmente a Administración Autonómica (57.978 novos afiliados, +4,1%), seguida da Estatal (+13.831, +4,4%) e da Local (+101, +0,01%).

BAIXA EN AMBOS OS SEXOS E ENTRE OS ESTRANXEIROS
O descenso da afiliación en novembro afectou a ambos os sexos, aínda que máis aos homes, con 31.283 afiliados menos (-0,3%), fronte a un retroceso da ocupación feminina de 16.166 cotizantes (-0,18%).

Así, ao finalizar o mes pasado, o número de homes cotizantes situouse en 10.162.372 ocupados, mentres que o de mulleres ascendeu a 8.783.252 afiliadas, o segundo mellor dato da serie histórica após o do pasado outubro. En taxas interanuais, a afiliación masculina acumula un repunte do 2,69%, por baixo do incremento interanual da afiliación feminina (+3,07%).

Pola súa banda, o número de afiliados estranxeiros baixou en novembro en 29.554 traballadores respecto ao mes anterior (-1,4%), após dous meses consecutivos de ascensos. O total de inmigrantes afiliados situouse así en 1.981.080 persoas e deles 1.650.745 cotizaban no Réxime Xeral; 325.856 en Autónomos; 4.410 no Réxime do Mar, e 69 no do Carbón.

SETE COMUNIDADES SUMAN COTIZANTES NO MES
A afiliación aumentou en novembro en sete comunidades autónomas respecto ao mes anterior, especialmente en Madrid (+26.482 ocupados), Comunidade Valenciana (+22.415 cotizantes) e Andalucía (+5.078 ocupados), e baixou en dez, encabezadas por Baleares (-82.930), Castela e León (-9.807), Castela-A Mancha (-5.894) e A Rioxa (-3.634).

En valores interanuais, a afiliación incrementouse en todas as rexións, encabezadas por Madrid (+120.668 cotizantes), Cataluña (+95.247) e Andalucía (+82.744).

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS