Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 24.10.2014  | Actualizado 20.29

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

LUCERNA DA PORTELA

Balbino, sempre neno...

XOSÉ MANUEL LOBATO MARTÍNEZ  | 20.09.2011 
A- A+

Desta Terra...


Auga, pedra, sol e vento,

aquí a ledicia é tanta

que todo rebule e canta

e o Ulla vaise contento.

Teño nesta terra asento

e un sentimento profundo,

un amor vivo e rotundo

polo val onde nacín,

levo a Gres dentro de min,

son deste anaco do mundo.

 

 

Unha das grandes iconas de Galicia, o neno da aldea. A crianza sufridora, traballadora e coas meniñas fixadas nas corredoiras embarradas que delimitaban a raia entre a esperanza e o cansazo.


Porén, terra marca e deixa pegada inmorredoira, pois este ser insignificante percorreu o mundo sen abandonar a súa identidade. Viaxou agasallando a todos coa súa mellor posesión, unha historia vital, sen enmascarar a realidade, espido e coa inocencia dos nenos necesitados.


A súa memoria é unha alfaia universal que se impregnou nos lectores coma un andazo, transmitindo de xeración en xeración coa frescura e sinxeleza desas crianzas que a mediados do século XX poboaban de inmensa esperanza as aldeas de Galicia. Ese era Balbino, un entre un millón, un millón de seres inofensivos inmortalizados na historia por un de tantos, coma quen di, un ninguén.


Neste ano 2011 o neno galego universal cumpre cincuenta anos, aniversario de ouro dun políglota que está nesa loita da lembranza dos idiomas, el coa súa fala nai logrou estar preto dos nenos e nenas doutras latitudes e levarlle a súa realidade galega. Entre os afortunados están todos aqueles que falan alemán, búlgaro, castelán, catalán, checo, chinés, éuscaro, francés, inglés, italiano,... Todos coñecen a Balbino, un neno que pola maldición morriñenta dos galegos naceu na Arxentina un cinco de xaneiro de 1961. Todo un agasallo dun vate con ar de máxico na escrita galega.


Memorias dun neno labrego é un tratado de narrativa emocional, esa forma de narrar que só pode emerxer das vivencias e os sentimentos profundos, manual de psicoloxía dun ser tenro que amosou a todo o mundo a súa realidade sen complexos. Aínda que, con ideais e unha percepción destacable das inxustizas que se mascaban nas cuncas limpas da súa contorna.


Neira Vilas foi e segue sendo para Balbino; pai e mentor, irmán e amigo, forman un binomio inseparable, unido e inmortalizado para sempre. A obra deste autor é un dos grandes referentes das letras galegas, escritor e obra están neste 2011 recibindo numerosas e merecidas homenaxes por todo o país.


Parabéns para o neno galego máis universal que desde as corredoiras de Galicia fala na súa lingua, mais é entendido no mundo enteiro.

 

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS