Hemeroteca web
|
RSS
Mércores 19.06.2013
| Actualizado 13.49
Dous artistas dialogan. O público fica á espreita. Silencio recollido. Un poeta, escultor das palabras que enchen baleiros nos lenzos e nos libros de autor, e un escultor que crea libros e actuacións artísticas con palabras ciceladas. Contemplamos os libros, cadros de lenzo e refractario, e participamos da simbiose de dous creadores, Baldo Ramos e Caxigueiro, que nos achegan desde a Cidade da Cultura unha parte moi representativa dos seus quefaceres nesta mostra titulada ‘Os ollos das palabras’ que dá titulo a este magnífico libro-catálogo, exemplo de materia mimada. Máis aló das palabras do Consellero de Cultura, Educación e O.U. que salienta a importancia destes espazos para habitar, veñen como auga transparente as achegas de Antonio Garrido e Eduardo Estévez. O primeiro que interpreta esta afinidade entre ambos poetas-escultores cando “as formas e as palabras coinciden nunha mesma dirección conceptual /…/para amosar as súas inquietudes a través da relación entre dúas linguaxes: arte e literatura”. E, o segundo deles, poeta que tamén recoñece ter construído espazos e territorios coas palabras, remarcando que os poemas do celanovés Baldo Ramos son “pura meta-literatura” mentres que os poemas de Caxigueiro “son concisos como croios. E rodéaos o silencio. É unha conciencia da plástica e mais da literatura”.
Unha exposición para contemplar con vagar, para intuír o que agochan as páxinas invisibles dos libros-lenzos nos que se desenvolve o equilibrio e a vertixe da palabra coa plástica xestual na que a cor é esencia e excelencia. E tamén descubrir instalacións de letras e libros refractarios que gardan os segredos dos ollos das palabras
Indispensable a presenza do público neste espazo que celebramos… deica xuño de 2012.
