Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.06.2019 Actualizado 20:38
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Baltasar Gracián e as esquerdas

BALTASAR GRACIÁN E AS ESQUERDAS

JOAQUIM VENTURA  | 08.06.2019 
A- A+

De hai anos, o meu autogoberno individual réxese por aquela frase de Baltasar Gracián que sostén que o bo é inimigo do óptimo. É dicir, que aquilo que sería ideal facer non sempre é o máis axeitado ou oportuno. Esta reflexión do xesuíta aragonés non fai senón situar o realismo, o tocar cos pés no chan, como base para calquera actuación. Ou dito en refrán, non hai máis cera ca que queima.

E penso que moito Gracián deberíanse aplicar as forzas de esquerda –comezando por ese espazo cada día máis difuso do que quixo ser Podemos- unha vez vistos os resultados das eleccións xerais e, sobre todo, municipais e autonómicas nalgunhas comunidades. O fracaso hai uns días de moitas daquelas “candidaturas do cambio” que gañaron alcaldías como as de Santiago, A Coruña, Ferrol, Zaragoza e –coma iconos- Madrid ou Barcelona, evidencia que non souberon ler a realidade das cousas e os atrancos que ían ter, máis os propios cós alleos.

E para tal reflexión, podemos ilustrarnos con obras como La superioridad moral de la izquierda, de Ignacio Sánchez-Cuenca, editada por Lengua de Trapo. Este profesor de Ciencia Política da Universidad Carlos III de Madrid analiza, con bastante acerto, os motivos polos cales as forzas de esquerda, historicamente, pensaron que tiñan a razón, a única razón posible, fronte ás forzas liberais e conservadoras. O que se ven en denominar superioridade moral, oposta dalgún xeito ao que sería superioridade intelectual da dereita.

Parte Sánchez-Cuenca da evidencia de que as forzas de esquerda forxaron desde sempre o seu pensamento desde a consideración do universal, ou polo menos da inmensa maioría da sociedade. Se antes foron o proletariado e mais o campesiñado o suxeito histórico, agora, desaparecidos como principais sectores produtivos, as esquerdas estruturan a súa ideoloxía en base aos sectores marxinados ou castigados polo pensamento dominante (o chamado capitalismo patriarcal): feminismo, movemento LGTBI, minorías étnicas.

Da lectura desta obra –que daría para moitas máis reflexións- tirei dúas conclusións, paradoxais,  que Sánchez-Cuenca non fai explícitas do todo: 1) As ideas liberadoras das esquerdas (redención universal neste mundo) teñen moito de matriz cristiá malia que as máis das veces tiveron e teñen expresión laica, mentres que o pensamento político que se reclama herdeiro do cristianismo (e vale para católicos e protestantes) é quen máis defende a discriminación social, especialmente na economía. 2) As forzas de dereita apenas precisan de reflexión teórica para acadar os seus obxectivos, mentres que as esquerdas, co referente ético sempre como bandeira, procuran un e mil camiños para a consecución do seu ideal: unha sociedade xusta e igualitaria.

E é precisamente nesa disparidade nas vías para obter a vitoria social onde a pluralidade ideolóxica chega a niveis moitas veces suicidas, incluso no interior dunha mesma formación política. Se iso resultaba un tópico no comunismo de influencia stalinista (velaí as fraccións do trotskismo), case un século despois non aprendemos a lección e aí temos as diverxencias entre Pablo Iglesias e Íñigo Errejón, por exemplo. Ou a escisión dun sector de Catalunya en Comú (con Elisenda Alamany á cabeza) e a súa confluencia con Joan Josep Nuet (procedente do comunismo máis ortodoxo) na plataforma “Sobiranistes” que se integrou en ERC.

Cabería dicir que no eixe esquerda-dereita se presenta de maneira clara a dualidade ideoloxía-pragmatismo, co resultado que o primeiro elemento favorece moito máis a emerxencia de egos particulares que as máis das veces son o camiño máis recto á derrota. Unha política baseada máis no pensamento ca na acción que leva a confundir a parte dunha sociedade co seu todo.

Despois sucede que unha parte importante das forzas de esquerda queda autoesclavizada da súa concepción ideolóxica e iso ten consecuencias electorais: os sectores subalternos da sociedade –máis aínda das nosas nas que as políticas neoliberais expulsan a moita xente da xustiza social- non teñen capacidade para reflexionar sobre as supostas bondades das propostas das novas esquerdas e asumen con máis facilidade o discurso demagóxico das dereitas.

E una reflexión final. ¿Por que as esquerdas do cambio non souberon conservar os gobernos municipais? Poderíamos sinalar diversas razóns: non ter conciencia da excepcionalidade do seu triunfo; aplicar ideoloxía contra a tradición (velaí os Reis Magos naïf de Carmena en Madrid); pensar que co conxunto dos cidadáns dun concello se pode interactuar como se fosen os seus votantes (uso de redes sociais); ignorancia verbo do tecido económico local (empresarios, comerciantes).

E agora os escrúpulos á hora de pactar co centro-dereita ou, simplemente, recibir o seu apoio, como lle sucede en Barcelona a Ada Colau verbo de Manuel Valls se pacta co PSC de Collboni, ou en Madrid para deixar a Vox de banda. Os cidadáns ao final cánsanse de tanto ir e vir e das políticas de escaparate.    

             

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS