Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Contra a banalización do fascismo

JOAQUIM VENTURA  | 19.12.2017 
A- A+

A polarización á que chegou a recente situación política provocou acusacións cruzadas sobre a vulneración da democracia. Así, os chamados constitucionalistas non dubidaron en tratar de golpistas (cando non nazis) aos independentistas cataláns. Unhas acusacións que banalizan a realidade do que foron o nazismo e o golpismo (abondaría con repasar os apelidos de moitos deles para atopar complicidades familiares co franquismo).

Pola súa banda, determinados sectores de esquerdas e o conxunto do independentismo catalán trataron de fascistas a aqueles que fixeron un uso abusivo das leis vixentes e negaron calquera vía de amplialas. Unha interpretación fácil, consecuencia dunha visión superficial do que foi un réxime –o franquismo- que malia a fachada de Estado corporativo, non era senón unha ditadura de sostén militar, financeiro e eclesiástico. Así, pois, o Partido Popular e aqueles sectores que se reflicten nel poden ter arroutos autoritarios, carencias democráticas, escravitude cara á lei polo simple feito de ser lei, o que queirades, pero non son fascistas.

Se queremos entender o que foi o fascismo (efectivo, militante) temos que documentarnos. E para iso, cómpre prevernos cunha especie de protector psíquico, á maneira deses que son para necesarios o estómago para encetar certos tratamentos. E desde esa fortaleza adquirida, comezar a ler ¿Fascismo en España?, de Ramiro Ledesma Ramos, que ven de editar a editorial Almuzara, cunha necesaria presentación de Ferran Gallego, profesor da Universitat Autònoma de Barcelona e especialista en historiar a extrema dereita.

A lectura deste ensaio que o dirixente jonsista publicou en 1935 co pseudónimo de Roberto Lanzas, ilustra sobre a realidade do que foi o fascismo en estado puro –malia as súas limitacións- e aquelo outro que non foi. E a primeira diferencia que constatamos é a que había entre Ramiro Ledesma Ramos e José Antonio Primo de Rivera en canto a orixes familiares e xeográficos, e intereses e obxectivos. Unhas diferencias que o primeiro non agocha, especialmente cando foi marxinado do sector militante da extrema dereita.

Non foi casualidade que os dous teóricos principais daquelas “Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista”, Ramiro Ledesma Ramos e Onésimo Redondo, fosen orixinarios de dúas vilas pequenas das vellas terras de España: de Alfaraz de Sayago (Zamora) o primeiro e de Quintanilla (Valladolid) o segundo. Tendo nacido no León ou na Castela rurais, querer combater un Estado decadente como era aquela España que conquistou a República por simple caducidade da monarquía, so podía facerse en nome da patria e, en consecuencia, contra os conflitos sociais de clase.

Nun tempo no cal as opcións de esquerdas optaban pola violencia revolucionaria en nome da clase obreira, desde a ideoloxía contraria só podía opoñerse a mesma violencia e co mesmo carácter revolucionario pero en nome do pobo en tanto que suxeito nacional. E nesa proposta non podía entrar de maneira sincera quen, como José Antonio, procedía de sectores privilexiados e de tradición urbana. Dificilmente –sostiña Ledesma Ramos- podería defender a obreiros e labregos quen nunca os tratara. Tal vez por iso, Falange Española fagocitou proclamas, símbolos e propostas das JONS tras a unificación de ambas.

Naturalmente, os obxectivos de Ramiro Ledesma e o seu grupo eran altamente perigosos para a democracia e para calquera sistema que defenda a liberdade e o progreso social. Mal asunto cando a violencia (ás veces á maneira da hampa) é un dos perpiaños dun proxecto político, como era o caso das JONS. Pero tal circunstancia non anula a capacidade de diagnosticar un sistema político podre e sen posibilidades de autorexeneración, sen tirar do medio os poderosos que o gobernaron en séculos.

Ledesma impulsou o seu proxecto en 1931 coa publicación da revista La Conquista del Estado e a fundación das JONS. Home de sólida formación académica, tiña unha boa base teórica (Sorel, Nietzsche, Spengler, Ortega y Gasset) para promover unha empresa política. Despois da fundación de FE en outubro de 1933 e da fusión coas JONS en febreiro de 1934, Ramiro Ledesma foi consciente de que o novo proxecto nunca sería revolucionario. Convencemento que se fixo máis forte cando en 1935 apartouse del e decatouse da condición oportunista de moitos afiliados da CEDA. Tal intuición fíxose realidade cando en xullo de 1936 ingresaron masivamente en FE de las JONS dispostos a facer o traballo sucio aos militares sublevados. Meses máis tarde morreu fusilado polos seus adversarios e esquecido dos que foran os seus compañeiros.                

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS