Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Bandeiras, gaivotas e partidos

JOAQUIM VENTURA  | 17.02.2017 
A- A+

Recoñezo que os que gustamos de estudar ou interesarnos polos emblemas somos algo rariños. Evidentemente, están os profesionais do deseño e da publicidade, sempre atentos a obter unha imaxe de impacto de cara a eventuais clientes ou consumidores. Eu non paso, nese terreo, de simple curioso. Unha curiosidade que, sen embargo, permite chegar a entender certas manifestacións. 

Por exemplo, agora que en moitos lugares de Cataluña hai unha exhibición de bandeiras independentistas (ata hai pouco cousa de catro gatos), sorprende atopar bandeiras singulares. Así, non resulta estraño ver en Barcelona bandeiras de diversos sitios expostas en balcóns (sei de tres sardas, polos menos).

Na miña vila, situada na costa norte de Barcelona, hai uns días apareceu unha bandeira distinta de todas: está colocada nun mastro (coa súa correspondente corda), ben suxeito na terraza dunha casa situada no Camí Ral (nome que localmente recibe a N-II, a única radial que aínda non foi convertida en autoestrada) perante a estación de tren. A bandeira en cuestión é grande e de tipo xironado ou gorinado (para entendermos: á maneira das de moitas cidades portuguesas) en sinople (verde) e ouro e, no medio, un escudo no cal se adiviña un castelo. Trátase dunha bandeira de formas - e, polo tanto, orixes- portuguesas pero non pertencente a Portugal, porque daquela o propietario tería izado probablemente a nacional: vermello e verde coa esfera armilar. A intuición levoume a verificar se se trataba da bandeira de Olivenza: efectivamente érao.

Este preámbulo ven ao fío da proposta que se aprobou no recente congreso do Partido Popular a propósito do seu símbolo. Polo visto, a vixente lei de partidos políticos establece no seu artigo 3.2.b que os estatutos dunha formación teñen que recoller o seu símbolo coas correspondentes descrición e representación gráfica. Os compromisarios tiveron que confirmar que o símbolo do PP non é unha gaivota senón un carrán común (nome científico: sterna hirundo), tamén chamado andoriña de mar, segundo a proposta do seu deseñador, Fernando Martínez Viñal.
Penso que agora ficou descansado. Pero, a verdade sexa dita, xa son ganas de complicarlle a vida ao persoal. Algún xornal lembraba que uns días despois que o deseñador do asunto deixase a súa proposta na sede da rúa Génova, en xaneiro de 1989, Manuel Fraga reclamou que como logo, quería “o da gaivota”. Lixeiramente modificada a ave e trocadas as cores a azul Carlos III (sic) para esta e vermello diplomático para as letras, o novo partido xa tiña símbolo.

E daquela, para todos –comezando por Fraga- aquel paxaro era unha gaivota. Porque agás de zonas costeiras e só se se posúe unha certa cultura ornitolóxica, poderemos diferenciar o carrán dunha gaivota, ave non só moito máis frecuente senón endémica e non migratoria. Por riba, segundo as páxinas que na rede informan desta especie, con frecuencia é confundido cos carráns ártico e rosado. Daquela, como para que o distingan un burgalés ou un manchego se o ilustre chairego trabucou xa de entrada.

Observade o novo símbolo do Partido Popular e tentade procurar no ángulo que surmonta as siglas encerradas nun círculo, as diferenzas entre un carrán e unha gaivota: se xa é difícil descubrir esta, imaxinade o primeiro, dos que moitos ata agora non coñeciamos a súa existencia. Pero, ¿por que insisten en que se trata dun carrán e non dunha gaivota?

Ah, amigos, porque resulta que esta especie, alá onde habita (incluso xa en terras de interior), aliméntase de preas. Se a iso lle engadimos que as gaivotas poden seren portadoras de diversas doenzas infecciosas, claro, resultan animais con mala prensa.

E a tentación da broma fácil é forte: se a gaivota non é tal senón un carrán, o PP non é un partido senón outra cousa. Á vista dos desfiles xudiciais que se anuncian –algúns xa encetados e con condenas- por casos de corrupción, a pregunta é oportuna: ¿non será que efectivamente o símbolo do PP é unha gaivota polo contaminante que resulta a entidade representada? Eu, directamente, tivese posto a votación un cambio de símbolo: en troques dun carrán (ou gaivota), un merlo. Branco, por suposto.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS